O Consello de Ministros autorizou este venres a orde de execución para a construción das cinco fragatas F-110 no estaleiro de Navantia en Ferrol. O contrato destes buques fora paralizado durante dous anos polo PP para adaptalas aos mísiles da empresa que dirixira o ex-ministro Pedro Morenés. O encargo fora xa aprobado en decembro polo Goberno central, un proceso que se completa definitivamente con esta orde.
O investimento total suma 4.317,8 millóns de euros entre 2019 e 2032, cun total de 18 millóns de horas de traballo para case sete mil persoas (1.300 empregos directos, 2.000 da industria auxiliar e 3.500 empregos indirectos, segundo debullou en rolda de prensa Javier Losada, Delegado do Goberno en Galicia. Está previsto que a primeira fragata se entregue no ano 2026 e que a derradeira o faga no 2031, sinalando Losada que o encargo suporá "o 40% da contratación prevista por Navantia nos vindeiros cinco anos".
As F-110 son buques escoltas oceánicos polivalentes, que substitúen ás F-80, ao final da súa vida operativa despois de 35 anos. Teñen 145 metros de eslora, 18 metros de manga, 5.900 toneladas de capacidade, e unha tripulación de 145 persoas. O custo de cada buque estímase en 740 millóns de euros