E-distrito

Noticias

A Valedora do Pobo dimite polo nomeamento outorgado con "desviación de poder"

A Valedora do Pobo dimite polo nomeamento outorgado con "desviación de poder"

  O TSXG sinalou que Milagros Otero actuara con "arbitrariedade" e "desviación de poder" no nomeamento da irmá do voceiro parlamentario do PP

  05 abril 2019

  O Tribunal Supremo deu este mércores o golpe definitivo á permanencia de Milagros Otero como Valedora do Pobo. O alto tribunal rexeitou o recurso presentado contra a decisión do TSXG de anular o nomeamento da irmá do voceiro parlamentario PP,  Pedro Puy, unha designación na que a Valedora actuara con "arbitrariedade" e "desviación de poder", segundo a sentenza. Ese recurso era a argumentación á que a Xunta e o PP se agarraban para defender a continuidade de Otero ("non imos tomar decisións firmes cando non hai unha sentenza firme", afirmara a deputada Paula Prado), que defendeu no Parlamento ante as peticións de cese da oposición.

  Milagros Otero decidiu dimitir nun momento no que, trala decisión do Supremo, xa non contaría tampouco co apoio do PP e do Goberno galego

  Milagros Otero decidiu dimitir nun momento no que, tras esta decisión do Supremo, xa non contaría tampouco co apoio do PP e do Goberno galego. A Vicevaledora enviou unha carta ao Parlamento poñendo o seu cargo a disposición da Cámara, pero condiciona a súa renuncia a que os grupos parlamentarios se poñan de acordo sobre as persoas que a substituirán a ela e ao vicevaledor, Pablo Cameselle (proposto polo PSdeG-PSOE).

  "Poño o meu cargo a disposición da Cámara. En consecuencia, prégolle que dea traslado deste escrito aos grupos parlamentarios, de xeito que no momento en que estes acorden a súa proposta para cubrir os cargos de valedor/a e adxunto/a proceda de inmediato a formalizar a miña renuncia", di o breve escrito remitido ao presidente do Parlamento.

  "A institución do Valedor do Pobo quere garantir á cidadanía que as súas queixas seguirán a ser tramitadas con normalidade como ata este momento. A valedora seguirá exercendo ata o último día co mesmo rigor, profesionalidade e independencia a súa importante tarefa na defensa dos dereitos das persoas", pódese ler na web da institución

  Un nomeamento con "arbitrariedade" e "desviación de poder

  A sentenza do TSXG, coñecida en xuño do pasado ano atribuía interferencias co obxectivo de dar o cargo a quen é tamén filla do seu antigo superior na Facultade de Dereito da USC, irmá do voceiro parlamentario do PP e sobriña de Manuel Fraga. En decembro de 2015 aprobouse a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, de tres postos de traballo, un proceso que finalizou en marzo de 2016 a través dunha resolución asinada polo adxunto á Valedora. Só despois dun recurso dun dos candidatos puido saberse que Milagros Otero decidira apartarse do proceso dado que "é de dominio público que a titular da institución é discípula do catedrático de Dereito don F. de P.P.M., pai dunha candidata", como pode lerse na sentenza.

  O TSXG sinalou no seu ditame que "non resulta admisible" que non se consignara na resolución de abstención "e inicialmente tratase de ocultarse o verdadeiro motivo que deu lugar á abstención". E o tribunal concluíu que "a pesar de que a Valedora se abstivo de intervir no procedemento, existen datos que permiten deducir que continuou intervindo no procedemento e non se apartou do mesmo, evidenciando interese en que fose seleccionada a señora P.F.". "Existen indicios claros de que boa parte dos criterios de selección e méritos computables foron determinados á medida da candidata que resultou beneficiada coa adxudicación do posto", engadía a sentenza.

  A belixerancia de Otero co Concello de Santiago contrastou coa súa indulxencia a respecto da xestión da Xunta

  Peticións de dimisión

  Este mércores a oposición volvera esixir a dimisión de Otero. "Advertiamos de que iamos facer un ridículo espantoso ante o Tribunal Supremo e iso é o que acaba de pasar", dicía a deputada do PSdeG Patricia Vilán. "non pode ser que a persoa encargada de facer valer os dereitos dos cidadáns ante as Administracións sexa a primeira en vulneralos" , dicía Luís Villares, voceiro de En Marea. "É escandaloso e obsceno" que Otero siga no cargo e "o principal responsable" de que isto suceda "é Núñez Feijóo", sinalaba Noa Presas, polo BNG.

  Catro anos de críticas

  Milagros Otero abandona o cargo tras unha xestión marcada polas críticas das forzas da oposición e a controversia xerada por algunha das súas decisión. Por exemplo, Otero revelou no Parlamento datos privados de persoas sen fogar e dixo ter "moitas" queixas contra o Concello de Santiago neste ámbito, pero realmente eran dúas entre máis de 65.000. Esta belixerancia contrastou coa súa indulxencia a respecto do Executivo galego. A institución do Valedor do Pobo suma xa unha década de polémicas e deterioro.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados