E-distrito

Noticias

O PP inclúe no seu programa minusvalorar o rango legal do galego e paralizar o traspaso de competencias autonómicas.

O PP inclúe no seu programa minusvalorar o rango legal do galego e paralizar o traspaso de competencias autonómicas.

  Os populares equiparan na práctica o seu programa ao de Ciudadanos aínda que non chegan a propor a supresión das autonomías que propugna Vox.

  O PPdG queda xa moi lonxe da época galeguista de Fraga, cuxa ruptura acometeu Feijóo cos ataques á Lei de Normalización Lingüística -que fora aprobada por unanimidade de todos os partidos, asociacións e sindicatos representativos- e a paralización de facto das transferencias -Galicia leva 10 anos sen recibir ningunha competencia-.

  09 abril 2.019

  O xiro recentralizador escenificado por Pablo Casado dende o seu ascenso ao liderado do PP xa está plasmado en letra. O programa co que os populares concorren ás eleccións xerais fai explícitas estas intencións baixo o lema xenérico Comprometidos con el fortalecimiento de la nación cun paquete de medidas que, de chegaren a realizarse, terían en Galicia como repercusións máis inmediatas unha rebaixa do rango legal da lingua galega e unha parálise total dos posibles traspasos de competencias á Xunta.

  O programa do PP promete unha "lei orgánica de uso do castelán" segundo a cal calquera escrito redactado só en galego non tería "carácter oficial"

  Segundo o documento programático presentado este luns polos conservadores, a súa política lingüística estaría baseada na aprobación dunha "lei orgánica de uso do castelán como lingua oficial do Estado". Entre as súas consecuencias estaría que "só terán carácter oficial aqueles actos administrativos que se realicen, cando menos, en castelán". 

  Deste xeito, calquera escrito en galego redactado por calquera Administración ou dirixido a esta, xa fose un concello, a Xunta ou o Goberno central non sería válido se non fose acompañado dunha tradución ao castelán. Esa obriga estenderíase mesmo aos "sinais, paneis e placas" dende as rúas e ata as estradas, di o programa electoral do PP.

  O proceso recentralizador tocaría de cheo tamén outros dous eidos especialmente sensibles e vencellados: o ensino e a función pública. O castelán pasaría a ser "lingua vehicular ordinaria do ensino". Por tras dela o programa do PP refírese ás linguas "cooficiais", concepto no que nunca inclúe o castelán malia ser tal, agregando que "poderán tamén ser previstas como vehiculares".

  Os de Pablo Casado plasman no seu programa que o castelán será "lingua vehicular ordinaria no ensino" e a "única lingua cuxo coñecemento" será "imprescindible" para "o acceso a un emprego público"

  Nesta liña, o programa dos de Casado asegura que, se chegan a volver gobernar, a "única lingua cuxo coñecemento será un requisito indispensable para o acceso a un emprego público será o castelán" e os idiomas oficiais diferentes deste -aos que se refire outra volta como "cooficiais" nun rango diferente- só "poderán considerarse un mérito". 

  Así, di, "os funcionarios" recibirían a posteriori "plans de formación" para que "atendan os cidadáns na lingua oficial que elixan", pero de entrada, poderían exercer en Galicia sen entender o galego. O programa popular fai especial fincapé nun eido do emprego público, o sanitario, para se referir a esta promesa, contradicindo así a proposta apoiada polo PP hai menos dun mes no Parlamento de Galicia.

  Traspasos autonómicos "paralizados".

  O PP tamén sitúa baixo o epígrafe encamiñado ao "fortalecemento da nación" -española- a parálise total dos traspasos de competencias. "Durante a próxima lexislatura aprobaremos unha moratoria que paralizará a cesión de novas transferencias ás comunidades autónomas", promete o documento. "Durante ese tempo", que non especifica, "realizarase unha completa avaliación do funcionamento do Estado autonómico dende unha perspectiva de eficiencia e equidade". Entre as consecuencias máis inmediatas no caso galego estaría o freo á lei do traspaso da AP-9, prolongando así unha parálise no incremento do autogoberno que xa dura case 11 anos.

  Baixo o epígrafe "fortalecemento da nación" prometen tamén unha "moratoria que paralizará a cesión de novas transferencias ás comunidades autónomas", que en Galicia tería como primeira consecuencia o freo ao traspaso da AP-9

  Ligado con isto, os populares abren a porta ás claras ao retroceso autonómico. Así, prometen, "estableceremos os cauces necesarios para que aquelas comunidades que así o desexen encomenden á Administración do Estado o exercicio daquelas competencias que poidan ser administradas de maneira máis eficaz polo Goberno da Nación". 

  Ligado con isto, o programa do PP asegura que, no caso de gobernaren outra volta, van "reforzar a presenza do Estado en todas as comunidades autónomas" mediante o incremento de orzamentos e persoal "á disposición das delegacións do Goberno". No eido simbólico, entre outras accións, prometen unha "lei de símbolos nacionais" que "agrave as sancións" para "autoridades que incumpran o deber de exhibir" a bandeira de España en "todos os edificios oficiais" ou aprobar outra lei que "garanta o correcto cumprimento do requisito de prestación de xuramento ou promesa da Constitución", coa que quedaría "prohibida calquera variación ou engadido", ao xeito das promesas por imperativo legal.

  Alén destas promesas o programa do PP menciona especificamente Galicia en dous puntos. Un deles, para prometer "abrir" o "corredor" do tren de alta velocidade. O outro, para enunciar a intención de "seguir apoiando con medios humanos e materiais as unidades que loitan contra o tráfico de drogas, especialmente nas costas de Andalucía e Galicia.

  Derivado de Praza.

  

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados