E-distrito

Noticias

Os niveis de CO2 na Terra son os maiores nos últimos tres millóns de anos

Os niveis de CO2 na Terra son os maiores nos últimos tres millóns de anos

  Un estudo "sen precedentes" realizado por científicos alemáns advirte unha vez máis sobre a magnitude e velocidade do cambio climático.

  10 abril 2.019

  Os niveis de gases de efecto invernadoiro de CO2 na atmosfera son máis altas hoxe ca nunca nos últimos tres millóns de anos. Así o expón un traballo publicado por investigadores do Potsdam Institute for Climate Impact Research e o Max Planck Institute for Meteorology, e que publica esta semana a revista Science Advances.

  O traballo realizouse partir dunha simulación informática que recolle os datos dos sedimentos do fondo oceánico para estudar a evolución do clima neste lapso de tempo. Con estes datos, os investigadores revelan que as etapas correspondentes coas idades de xeo se corresponden co descenso dos niveis de CO2, mentres que hogano, co incremento da presenza deste gas de efecto invernadoiro debido á queima de combustibles fósiles, a temperatura está aumentando a unha velocidade máis grande do esperado.

  Así, a análise expón que a temperatura media do planeta nunca superou os niveis preindustriais en máis de 2ºC nos últimos tres millóns de anos. E o panorama que se presenta é preocupante: se continúa este aumento, este límite superarase nos vindeiros 50 anos.

  “É un avance que agora podemos amosar en simulacións de computadora: os cambios nos niveis de CO2 foron un dos principais impulsores da idade de xeo, xunto con variacións de como as órbitas da Terra ao redor do Sol, os chamados ciclos de Milankovitch. En realidade, non son só simulacións: comparamos os nosos resultados cos datos das profundidades mariñas, e demostran que uns casan cos outros. Os nosos resultados implican unha forte sensibilidade do sistema terrestre a variacións relativamente pequenas no CO2 atmosférico. Algo tan fascinante como preocupante”.

  Deste xeito, segundo subliñan os autores do artigo, estudar o pasado da Terra e a súa variabilidade climática natural é clave para comprender os posibles camiños futuros da humanidade. “Parece que agora estamos a empurrar o noso planeta natal alén de calquera das condicións climáticas experimentadas durante todo o período xeolóxico actual, o Cuaternario”, di Willeit. “Un período que comezou hai case 3 millóns de anos e viu á civilización humana comezando hai só 11.000 anos. Entón, o cambio climático moderno que vemos é grande, realmente grande; mesmo para os estándares da historia da Terra”, apuntan.

  Así, sobre a base de investigacións anteriores realizadas no propio instituto de Potsdam, os científicos reproduciron as principais características da variabilidade climática naturaldurante os últimos millóns de anos cun modelo numérico eficiente: unha simulación por computadora baseada en datos astronómicos e xeolóxicos e algoritmos que representan a física e a química do noso planeta. A simulación foi conducida só por cambios ben coñecidos nas formas en que a Terra rodea ao Sol, os chamados ciclos orbitais, e diferentes escenarios para condicións de límites de variación lenta, como a desgasificación do CO2 dos volcáns.

  O estudo tamén investigou os cambios na distribución de sedimentos da superficie da Terra, xa que as capas de xeo deslízanse máis facilmente sobre a grava que sobre as rochas do fondo. Tamén se explicou o papel do po atmosférico, que fai que a superficie do xeo sexa máis escura e, por tanto, contribúe á fusión do xeo.

  “O feito de que o modelo poida reproducir as características principais observadas na historia do clima dános confianza na nosa comprensión xeral de como funciona o sistema climático”, di o coautor Andrey Ganopolski, autor de varios estudos pioneiros nos que se basea a nova análise. “As simulacións que desenvolvemos teñen que ser o suficientemente simples para permitir miles de execucións de cálculos de moitos miles de anos e, con todo, deben capturar os factores críticos que condicionan o noso clima. Isto é o que logramos. E isto está a confirmar a importancia dos cambios nos niveis de CO2 para o clima da Terra”.

  ReferenciaMid-Pleistocene transition in glacial cycles explained by declining CO2 and regolith removal (Publicado en Science Advances).

  Derivado de GCiencia.

  

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados