E-distrito

Noticias

Defende A Galega gaña o Premio José Couso de Liberdade de Prensa

Defende A Galega gaña o Premio José Couso de Liberdade de Prensa

Os traballadores dos medios públicos galegos agradecen o galardón e lembran que nos últimos meses houbo expedientes e desprazamentos de traballadores críticos como represalias ao labor reivindicativo.

  A acta do premio destaca que esta mobilización "sen precedentes nos medios públicos galegos" conseguiu popularizar entre a cidadanía reclamacións básicas para a deontoloxía profesional e a liberdade de intormación, como a necesidade de traballar sen presións externas, a defensa do público ou a creación dun Consello de Informativos.

  15 abril 2019

  Os traballadores e traballadoras dos medios públicos galegos mobilizados baixo o lema #DefendeAGalega veñen de ser recoñecidos e recoñecidas co Premio José Couso de Liberdade de Prensa. O anuncio foi realizado este sábado en Ferrol nunha rolda de prensa na que participaron Francisco X. González, decano do Colexio de Xornalistas, Xulia Díaz, presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Darío Janeiro, secretario do Premio José Couso, e Jorge Suárez, alcalde de Ferrol.

  #DefendeAGalega é o lema da mobilización semanal dos traballadores dos medios públicos galegos, que xunto ás camisolas negras se converteu no último ano nun exemplo de dignidade e de resistencia en defensa do valor da información, sen a cal non é posible exercer a liberdade, e do valor do público, imprescindible para garantir o principio de igualdade de oportunidades. 

  As mobilizacións dos venres (os venres negros) comezaron en maio do pasado ano e continúan semana tras semana. Neste tempo houbo paros parciais, unha manifestación (o 8 de setembro) e mesmo unha folga de 24 horas (o 19 de decembro) .

  A acta do premio destaca que esta mobilización "sen precedentes nos medios públicos galegos" conseguiu popularizar entre a cidadanía reclamacións básicas para a deontoloxía profesional e a liberdade de intormación, como a necesidade de traballar sen presións externas, a defensa do público ou a creación dun Consello de Informativos.

  "#DefendeAGalega converteuse no símbolo dunha pelexa pacífica e tenaz que desborda os límites da televisión e da radio públicas e que debera involucrar non só a toda a profesión xornalística senón ao conxunto da sociedade galega", sinálase. Tamén se lembra que nos últimos meses houbo expedientes e desprazamentos de traballadores críticos que foron vistos como represalias ao labor reivindicativo do persoal.

  Pouco despois de coñecerse a nova, Defende a Galega agradeceu o galardón, salientando que é un premio "para todas as galegas e galegos, propietari@s dos medios públicos". Posteriormente, a través da súa conta de twitter denunciou que a Radio Galega prohibiu dar a noticia no boletín das 13 horas.

  O acto de entrega terá lugar o día 3 de maio en Ferrol

  Xunto coa candidatura dos traballadores e traballadoras da CRTVG eran finalistas Carole Cadwalladr, Juan Moreno e o Diario de Mallorca e as delegacións baleares de Europa Press e Efe. O acto de entrega terá lugar o día 3 de maio en Ferrol.

  O persoal dos medios públicos únese aos premiados e premiadas anteriores, como Jordi Évole, Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas, Mónica García Prieto, Wikileaks, Rosa María Calaf ou Ali Lmrabet.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados