E-distrito

Noticias

Morreu Darío Rivas, o galego que impulsou a querela arxentina contra o franquismo.

Morreu Darío Rivas, o galego que impulsou a querela arxentina contra o franquismo.

  Darío Rivas botou décadas exixindo xustiza para seu pai, alcalde de Castro de Rei asasinado en 1937 e cuxo corpo logrou recuperar case 70 anos despois, en 2005.

  17 abril 2019

  Darío Rivas botou décadas exixindo xustiza para seu pai, alcalde de Castro de Rei asasinado en 1937 e cuxo corpo logrou recuperar case 70 anos despois, en 2005. Un lustro máis tarde, un 14 de abril de 2010, presentou ante a xustiza arxentina unha querela por xenocidio e crimes de lesa humanidade contra a ditadura ante a nulidade e falta de progreso das causas abertas contra o franquismo en España. Como primeiro asinante, xunto a Inés García, iniciou unha causa que foi medrando e acumulando milleiros de casos de represaliados, torturados, desaparecidos e asasinados durante o réxime de terror.

  Fillo do alcalde de Castro de Rei asasinado polo fascismo, logrou exhumar os restos de seu pai en 2005 e en 2010 asinou a querela arxentina contra o franquismo

  A piques de cumprir cen anos, este galego universal e pioneiro faleceu este luns na Arxentina, agardando aínda pola xustiza que buscan el e milleiros de familiares. Nado en Castro de Rei en 1920, ata o seu último día reclamou a reparación de seu pai, Severino Rivas, republicano, con nove fillos e asasinado aos poucos meses do comezo da guerra civil. O mesmo home que pedía sementes na cidade para que os seus veciños plantasen centeo na aldea, que repartía carne entre os máis necesitados tras a matanza ou que improvisou unha escola na súa casa xunto a outros mestres. Por estas e outras solidarias accións como alcalde da localidade foi asasinado por falanxistas en Portomarín. Darío xa non estaba con el. Con nove anos marchara a Bos Aires, onde se reencontrou cunha irmá que xa emigrara. Xa perderan a nai había tempo. Con 17 anos enterouse do asasinato.

  Malia que xurou non volver pisar a súa terra, acabou volvendo coa súa dona. Non recibiu explicación ningunha da Administración nin da Igrexa para dar cos restos do pai e buscou e recompilou toda a documentación posible para demostrar o que toda a contorna sabía: que fora asasinado, “por traizón á patria” e “por comunista”, como xustificaron os fascistas. Durante unha visita a Portomarín logrou falar con veciños, que non só recordaban o que fora alcalde de Castro de Rei, senón que sabían exactamente o lugar onde o mataran, contra a capela de Cortapezas. Mesmo falou co neno que foi obrigado a velar o seu corpo. O cura non deixou poñer lembranza nin placa ningunha. 

  Darío Rivas recompilou documentación e pelexou ata poder desenterrar a seu pai en 2005

  Non se rendeu nunca. Pelexou, apañou toda a documentación posible e xunto a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) logrou a exhumación de Severino Rivas, o 19 de agosto de 2005. O seu corpo foi enterrado no panteón da familia e o fillo engadiu unha pequena placa: "Papá, descansa en paz. Te lo pide tu niño mimado, Darío". 

  Pero Darío non descansou. Non podía. Cinco anos despois de enterrar a seu pai impulsou a querela arxentina, que malia os avances segue bloqueada e atrancada polo Estado español, que non atende a requirimento ningún da xustiza arxentina. El asinouna para pedir que se procurasen os nomes e enderezos dos membros dos gobernos existentes entre o 17 de xullo de 1936 e o 15 de xuño de 1977, así como dos mandos militares, da Garda Civil, de Seguridade e da Falanxe no mesmo período. Consideraba a demanda que os seus delitos son imprescritibles baixo o criterio de xustiza universal e a pesar da lei de Amnistía de 1977. O de España non se pode comprender, que demorase tantos anos en enxuizar os crimes da guerra", dixo Darío nunha das últimas homenaxes que recibiu da emigración galega na Arxentina, onde advertiu de que "España segue a gobernarse coas leis de Franco". "Era o faro e exemplo de todos, é o que nos seguirá mobilizando na busca de xustiza", din desde a Federación de Asociacións Galegas na Arxentina

  "Obtivo en vida o que buscou, atopar a seu pai, pero foi por máis e acompañou o resto dos querelantes. Era o faro e exemplo de todos, é o que nos seguirá mobilizando na busca de xustiza", dixo este martes Diego Martínez Duro, presidente da Federación de Asociacións Galegas na República Arxentina. "Era un home dunha vitalidade envexable e cunha sede de xustiza que nos movía a todos", insistiu.

  Desde a ARMH, Carmen García Rodeja, a súa voceira en Galicia, destaca a "loita incansable" e o "amor á humanidade" de Darío Rivas que o fixo "acredor dos afectos entre todos os que o coñeceron". "Adquiriu o compromiso de estar alí onde o requirían, portando a dignidade de alquén que sempre estivo en pé", insistiu quen recorda que unha das súas últimas accións foi entregar a Angela Merkel nunha visita oficial unha carta esixindo ao seu goberno reparación polos crimes do exército alemán xunto a Franco. En 2014, a Deputación de Lugo homenaxeuno e entregoulle unha placa na que lle agradecía a súa "defensa dos Dereitos Humanos e a súa loita en defensa dos represaliados e familiares das vítimas da represión franquista".

  "Adquiriu o compromiso de estar onde o requirían, portando a dignidade de quen sempre estivo en pé", di a ARMH 

  Darío dicía sempre que non buscaba castigo, senón que os culpables quedasen sinalados como tal e que os fusilados virasen en “heroes”, como el mesmo era considerado entre os que vían como, con case un século ás costas, seguía buscado xustiza e reparación. Os que o coñeceron, como nalgunha das súas últimas visitas a Galicia, quedaban impresionados pola súa enteireza, a súa intelixencia e a emoción que desprendía de todas as súas lembranzas, coas que emocionaba tamén a seus interlocutores. Entre bágoas acabaron varios algunha intervención ante xornalistas. Sempre cun sorriso, buscou a paz a través da xustiza. E marchou agardando por ela. 

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados