E-distrito

Noticias

Galicia foi, tamén no 2018, a comunidade autónoma con máis accidentes laborais mortais por traballador.

Galicia foi, tamén no 2018, a comunidade autónoma con máis accidentes laborais mortais por traballador.

  A accidentabilidade laboral representa un índice de 6,05 accidentes mortais por cada cen mil traballadores, mentres que a proporción no conxunto de España foi de 3,24, pouco máis da metade.

  A principal conclusión do informe é que a máis precariedade, máis sinistralidade laboral, rexistrando os traballadores e traballadoras con contratos temporais (especialmente os de curta duración) máis accidentes laborais que o conxunto da poboación.

  24 abril 2019

  Galicia foi no 2018, un ano máis, a comunidade autónoma con máis accidentes laborais mortais por traballador. En total foron 56 as mortes, 50 delas en xornada laboral (sete máis ca no 2017) e outras seis en accidente in itinere. Isto representa un índice de 6,05 accidentes mortais por cada cen mil traballadores/as, mentres que a proporción no conxunto de España foi de 3,24, pouco máis da metade.

As persoas cun contrato temporal sofren o 41,7% dos accidentes de traballo, a pesar de que este colectivo representa o 26,6% da poboación asalariada

  CCOO-Galicia vén de presentar un estudo sobre os accidentes de traballo e enfermidades profesionais, que alerta da elevada incidencia dos sinistros laborais no noso país, especialmente dos máis graves e que pon o foco nas causas desta situación. O sindicato fai fincapé en tres elementos: o elevado peso que os sectores primarios —agricultura e pesca— teñen na economía galega (onde se rexistran a maior parte deses sinistros), a falta de traballo en prevención e, finalmente, o alto nivel de precariedade do mercado de traballo en Galicia.

  A principal conclusión do informe é que a máis precariedade, máis sinistralidade laboral, rexistrando os traballadores e traballadoras con contratos temporais (especialmente os de curta duración) máis accidentes laborais que o conxunto da poboación.

  As persoas cun contrato temporal sofren o 41,7% dos accidentes de traballo, a pesar de que este colectivo representa o 26,6% da poboación asalariada. Ademais, o 21% dos accidentes con baixa en xornada laboral rexistrados no 2018 sufríronos persoas que tiñan unha antigüidade inferior a tres meses no seu posto de traballo. Os accidentes de traballo con baixa en xornada laboral aumentaron entre as persoas con contrato temporal e, pola contra, baixaron nas que tiñan un contrato indefinido.

  "Resulta evidente que a sinistralidade tamén vai da man do traballo precario", subliña Roi Fernández, secretario de Saúde Laboral de CCOO-Galicia, que culpou a reforma laboral do 2012 da "degradación das condicións laborais" e, en consecuencia, dos altos índices de accidentes de traballo en Galicia. Fernández reclamou derrogar a reforma laboral do 2012 polo seu carácter "lesivo para os intereses da clase traballadora" e substituíla por unha nova regulación do mercado de traballo que garanta os dereitos do persoal e mellore a súa seguridade e as condicións nas que realizan as súas funcións.

  A agricultura e a pesca rexistraron os maiores aumentos do número de mortes no 2018

  O informe destaca que no 2018 o incremento dos accidentes mortais en xornada laboral deuse sobre todo nos homes e en todos os sectores de actividade, agás na construción. O maior aumento rexistrouse na agricultura (tres mortes máis, o que equivale a un aumento do 75%) e na pesca (catro mortes máis, un 66% de incremento).

  O sindicato fai fincapé tamén na necesidade de que se recoñezan e se traten como é debido as enfermidades profesionais. "Como sociedade non nos podemos permitir que non se identifiquen o cen por cento das enfermidades contraídas no traballo", salienta Fernández, que explica que se unha enfermidade laboral se clasifica como común "recórtanse os dereitos económicos dos traballadores e traballadoras, ademais de sobrecargar a seguridade social con custos que deberían asumir as mutuas". Ademais, subliña que a non identificación de todas as enfermidades profesionais "impide traballar en prevención de maneira eficaz e, en consecuencia, que as persoas sigan enfermando e sexa moi difícil eliminar os riscos".

  Roi Fernández pide "un control máis estrito" para as mutuas

  "A prevención de riscos laborais e o emprego de calidade son os únicos camiños eficaces na redución da sinistralidade laboral. Cómpre investir en formación e sensibilización para que se identifique a sinistralidade como un problema social grave", conclúe Fernández, quetamén realiza unha chamada de atención ás mutuas, para as que esixe "un control máis estrito". "A estas entidades colaboradoras da Seguridade Social temos que esixirlles plena colaboración en sacar á luz todos os casos de enfermidades contraídas no traballo. Só así será posible incidir nelas a través da prevención de riscos laborais", di.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados