E-distrito

Noticias

Así podes evitar que os partidos espíen as túas opinións políticas

Así podes evitar que os partidos espíen as túas opinións políticas

  O pasado novembro, o Senado aprobou a LOPDGDD, que abría a porta a que os partidos puideran compilar datos persoais dos usuarios de internet.

  O Colexio de Enxeñería Informática de Galicia lanza unha guía para protexer os datos persoais durante as campañas electorais

  25 abril 2019

  Con dous procesos electorais inminentes, as formacións políticas teñen en marcha as súas maquinarias para captar ao maior número posible de votantes. E as ferramentas de Big Data poden converterse nunha arma moi potente, tal e como demostraron os grandes escándalos de Cambridge Analytica durante a campaña do Brexit ou de Donald Trump. E Galicia e España non son alleas a esta situación.

  En novembro do pasado ano, o Senado aprobou a Lei Orgánica de Protección de Datos de Carácter Persoal e Garantía dos Dereitos Dixitais (LOPDGDD). Unha normativa que abría a porta, segundo denunciaron numerosos expertos en privacidade, a que os partidos puideran compilar datos persoais dos usuarios de internet a partir das accións e opinións manifestadas en foros públicos da rede.

  Unha guía para evitalo

  Ante isto, O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) acaba de iniciar unha campaña para informar á cidadanía sobre o dereito de oposición ao tratamento e inclusión dos seus datos nos censos electorais e nestas estratexias de propaganda. E ofrécense dúas vías fundamentais:

  1- Presentando unha solicitude de oposición á inclusión dos datos nas copias do censo electoral que se entregan aos partidos políticos para propaganda electoral:

– En base ao novo artículo 39.3 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG), realízase mediante escrito dirixido á Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral ou tamén cubrindo este formulario web do INE (ver ligazón). Hai que lembrar que para facer a solicitude de oposición é precisocontar cun certificado electrónico recoñecido pola plataforma de validación @firma do Ministerio de Política Territorial y Administraciones Públicas, e que estea validado pola Oficina do Censo Electoral, ou mediante o sistema Cl@ve. Tanto os certificados dixitais da FNMT como o DNI electrónico son válidos para facer esta solicitude.

  2- Enviando unha solicitude de oposición ao tratamento dos datos e/ou a recibir propaganda electoral directamente ante cada partido político, a través do medio sinxelo e gratuíto que obrigatoriamente deben facilitar os partidos con cada envío de propaganda electoral en base ao disposto no novo art. 58bis.5 da LOREG.

  O CPEIG apunta que, en caso de que a demanda non sexa atendida, ou se detectan abusos, é posible presentar unha reclamación ante a Agencia Española de Protección de Datos, que se pode facer en liña a través desta ligazón.

  Unha fiestra de excepción que permite recoller datos

  Tal e como explican desde o CPEIG no folleto informativo difundido esta semana, a lei aprobada polo Senado a finais de 2018 apoiouse nunha excepción do Regulamento Xeral de Protección de Datos (RGPD) que establecía a posibilidade de recoller datos persoais “se o tratamento é necesario por razóns dun interese público esencial regulado na Lei e que inclúa medidas axeitadas e específicas para protexer os intereses e dereitos fundamentais do interesado”.

  Amparándose nesta excepción, a recente LOPDGDD realiza unha reforma parcial da LOREG recoñecendo tres liberdades de tratamento de datos en beneficio das formacións políticas:

  1 – “Libre” tratamento de datos ideolóxicos:

  Novo art. 58bis.1 LOREG: “A recompilación de datos persoais relativos ás opinións políticas das persoas que leven a cabo os partidos políticos no marco das súas actividades electorais atoparase amparada no interese público unicamente cando se ofrezan garantías axeitadas”, aínda que non especifica estas últimas.

  2- “Libre” compilación de datos en redes:

  Novo art. 58bis.2 LOREG: “Os partidos políticos, coalicións e agrupacións electorais poderán utilizar datos persoais obtidos en páxinas web e outras fontes de acceso público para a realización de actividades políticas durante o período electoral.”

  3- “Libre” envío de propaganda electoral:

  Novo art. 58bis.3 LOREG: “O envío de propaganda electoral por medios electrónicos ou sistemas de mensaxería e a contratación de propaganda electoral en redes sociais ou medios equivalentes non terán a consideración de actividade ou comunicación comercial”. Isto significa que non serán catalogadas de “spam”, en ningún caso.

  Tal e como subliña o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, “é precisa maior vixilancia na protección de datos e na privacidade dos usuarios de redes sociais e regular este uso da tecnoloxía para influír no voto dos electores”. Neste sentido, Suárez lamenta que a que a entrada en vigor do Regulamento Europeo de Protección de Datos (RGPD) parecía presaxiar que España podería estar a salvo deste tipo de intromisións na privacidade, mais a situación que xurdiu da LOPDGDD xerou unha importante preocupación polo uso que podería facerse dos datos persoais nas campañas políticas.

  Esta modificación da lei, introducida no último momento sen debate e consenso, provocou unha gran polémica. Por iso, a Agencia Española de Protección de Datos (AEPD) publicou unha circular na que se establecen unha serie de límites aos partidos políticos para evitar o correo lixo electoral e para que non poidan establecer perfís ideolóxicos, de forma que, aínda que envíen publicidade, non o poidan facer de forma dirixida, sendo sancionados en caso de non cumprir estas indicacións. Está pendente tamén un recurso de inconstitucionalidade presentado por varios grupos de xuristas, debido ao prexuízo que podería causar en dereitos fundamentais como a liberdade ideolóxica, relixiosa e de culto, o dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

  Por outra parte, o regulamento europeo introduce unha serie de garantías para os cidadáns da Unión Europea, entre as que destaca o dereito de oposición ao tratamento e inclusión dos datos de carácter persoal nos censos electorais.

  Para calquera consulta sobre esta cuestión, o CPEIG ten aberta unha caixa de correo para que os cidadáns poidan consultar as súas dúbidas: consultaspd@cpeig.gal.

  Derivado de GCiencia.

  

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados