E-distrito

Noticias

A Coruña/ Goberno local e Comité de empresa acordan novas cláusulas no contrato de Nostián.

A Coruña/ Goberno local e Comité de empresa acordan novas cláusulas no contrato de Nostián.

  Incentivos por recuperación de envases tanto como mantemento das condicións de traballo, soldos e número de empregados, serán requisitos de obrigado cumprimento para a nova adxudicataria.

  02 maio 2019

  A Concellería de Medio Ambiente mantivo este martes unha reunión co comité de empresa de Albada, a actual concesionaria da planta de Nostián, onde ambas partes acordaron a introdución de cláusulas de obrigado cumprimento no novo contrato de xestión de planta que garantan a calidade do emprego así como a mellora das condicións laborais e salariais, asegurando a estabilidade do cadro de persoal. A concelleira do ramo, María García, amosou a súa satisfacción polo proceso de diálogo constante cos representantes do cadro de persoal mantido polo executivo "que culmina cunha serie de acordos que se plasmarán nunhas cláusulas de carácter social e laboral que serán de obrigado cumprimento por parte da futura adxudicataria".

  García manifestou que o acordo acadado esta xornada foi posible "ao ter, ambas as dúas partes implicadas, un interese común que é o de garantir unha mellora do servizo que vaia parella a optimización das condicións laborais". "A nosa intención dende un principio e que melloras que até o momento dependían das negociacións do convenio colectivo entre traballadores e empresa agora sexan de obrigado cumprimento e figuren recollidas contractualmente", salientou. "Ademais, con esta mesa aberta co cadro de persoal, continuamos a pauta de actuación que se seguiu para a renovación de todos os grandes contratos municipais, dando voz e facendo partícipes do proceso aos traballadores e ás traballadoras dos servizos", apuntou a concelleira de Medio Ambiente, quen agradeceu "a experiencia aportada polo comité de empresa".

  Entre os acordos acadados figura a introdución dunha cláusula que permita garantir como requisito esencial do contrato as condicións laborais e sociais do cadro de persoal aínda que o convenio colectivo en vigor perda a súa ultraactividade. O mantemento das citadas condicións será esixible incluso no período transitorio no que se realicen obras de remodelación da planta de xestión de residuos. Con estas cláusulas asegúrase que a empresa concesionaria "non pode minorar unilateralmente nin as condicións laborais nin sociais dos traballadores". Ademais, o mantemento do emprego para persoal que presta actualmente o servizo será de obrigado cumprimento durante todo o período de concesión e estará indicado na lista de subrogación que legalmente debe proporcionar a actual concesionaria. A empresa deberá tamén manter un número mínimo de traballadores, que se establecerá na oferta inicial e que non se poderá alterar ao longo da concesión, e terá obriga de cubrir todas as baixas laborais. Ademais, os pregos especificarán que, no caso de que estea previsto incrementar o persoal, darase preferencia ao incremento de xornada daquelas persoas xa asinadas ao contrato que non teñan xornada completa. A garantía de cumprimento do dereito de subrogación será extensiva tamén aos personal de empresas subcontratistas que actualmente prestan servizo na instalación, segundo o disposto no convenio de aplicación.

  Entre as medidas acordadas figura  tamén a introdución de incentivos económicos para o persoal ligados á recuperación de envases que alcance a empresa contratista durante a execución do contrato. O contratista deberá garantir un plus anual de produtividade por rendemento na recuperación de envases, de modo que os e as traballadoras sexan copartícipes dos beneficios directos obtidos pola adxudicataria da concesión e derivados dos pagos de Ecoembes pola recuperación dos materiais.

  Derivado de coruna.gal.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados