E-distrito

Noticias

A Coruña/ O Pleno retira o título de Fillo Adoptivo a Manuel Fraga

A Coruña/ O Pleno retira o título de Fillo Adoptivo a Manuel Fraga

  Marea Atlántica, PSOE e BNG apoian a moción, que ademais revoga o título concedido a Laureano López Rodó, tamén ministro franquista.

  07 maio 2019

  Manuel Fraga segue a perder recoñecementos en Galicia. Hai tan só uns días o pleno municipal de Ferrol aprobou unha moción para retirarlle o título de fillo adoptivo e este luns foi o pleno municipal da Coruña quen aprobou unha moción semellante para eliminar a mesma distinción para Fraga e para o tamén ministro franquista Laureano López Rodó.

  A moción foi presentada polo colectivo de presos e presas da ditadura a través do BNG e saíu adiante cos votos de Marea Atlántica e PSdeG-PSOE e BNG, e coa única oposición do Partido Popular. A súa voceira, Rosa Gallego, amosou o seu "rotundo" rexeitamento á iniciativa, que cualificou de "provocación sectaria". Mentres, o concelleiro José Manuel Sande (Marea Atlántica) destacou que o feito de que persoeiros como Fraga e López Rodó, altos cargos dunha ditadura, ostentasen o título de fillo adoptivo non constituía unha "honra para a cidade". Finalmente, a socialista Yoya Neira destacou que facían unha distinción "entre o Manuel Fraga do período predemocrático e a persoa que foi presidente da Xunta", unha diferenza "clave na definición do voto”.

  Ademais, o pleno reitera o apoio á actividade daquelas comisións ou grupos de traballo que se impulsen desde o concello herculino para culminar a retirada da simboloxía franquista e a eliminación das distincións honoríficas outorgadas durante a ditadura a persoas vinculadas co franquismo.

  En 2009 este mesmo pleno da Coruña acordou a retirada das distincións honoríficas a Francisco Franco e a oito ministros na ditadura: Luis Carrero Blanco, Camilo Alonso Vega, José Antonio Girón de Velasco, José Ibáñez Martín, Juan Castañón de Mena, Pedro Nieto Antúnez, Tomás Garicano Goñi e José Solís Ruiz, pero non incluíu a Manuel Fraga e Laureano López Rodó. 

  A iniciativa do colectivo, que botou a andar este mes de xaneiro, avanzou na revogación das distincións que estes dous políticos aínda conservaban, reclamando daquela Nicanor Acosta que o pleno municipal tivese "tolerancia cero co franquismo e os seus colaboradores".

  A moción presentada este luns destacaba que "estamos ante unha auténtica anomalía dentro das democracias europeas que hai que superar" e preguntábase se "algún ministro dos gobernos de Hitler ou Mussolini conserva hoxe a distinción de Fillo Adoptivo nalgún concello de Alemaña ou Italia".

  Derivado de Praza e GConfidencial.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados