E-distrito

Noticias

Investigacións constatan maior diversidade na zona de exclusión de Chernóbil.

Investigacións constatan maior diversidade na zona de exclusión de Chernóbil.

  A ausencia de presencia humana repercute positivamente na fauna a pesar dos efectos da radioactividade.

  09 maio 2019

  O 26 de abril de 1986 o reactor número 4 da central nuclear de Chernóbil (Ucraína) sufriu unha explosión durante unhas probas técnicas. A consecuencia do accidente emitiuse unhas 400 veces máis radiación que a liberada pola bomba nuclear lanzada sobre Hiroshima (Xapón) en 1945. Este é, ata a data, o maior accidente nuclear da historia.

  Os labores de descontaminación iniciáronse de inmediato. Ao redor da central nuclear creouse unha zona de exclusión da que se evacuaron unhas 350.000 persoas. Os evacuados nunca regresaron aos seus fogares e hoxe a área segue vetada ao ser humano.

  O accidente tivo un gran impacto sobre a poboación humana. Aínda que non existen cifras claras, as consecuencias físicas (perda de vidas humanas) e psicolóxicas debido á evacuación foron graves.

Campía e bosque de ribeira na zona de chernóbil. foto: germán orizaola.

  O impacto inicial sobre a natureza foi tamén importante. Unha das partes máis afectadas foi o piñeiral agora coñecido como “bosque vermello”. Esta zona recibiu as maiores doses de radiación, polo que os piñeiros morreron ao instante e todas as follas volvéronse vermellas. Poucos animais sobreviviron ás doses radioactivas máis altas.

  Por iso, despois do accidente asumiuse que a zona de exclusión se convertiría nun deserto para a vida. Dado o longo tempo de descomposición dalgúns compostos radioactivos, pensouse que a área ía quedar inhabitada durante séculos.

  A natureza de Chernóbil hoxe

  Hoxe, 33 anos despois do accidente, en Chernóbil viven osos, bisontes, lobos, linces, cabalos de Przewalski, e unhas 200 especies de aves, entre outros animais.

  Entre o 4 e 6 de marzo de 2019 reunímonos en Portsmouth (Inglaterra) os principais grupos de investigación que traballamos coa natureza de Chernóbil. Unha trintena de investigadores de Ucraína, Francia, Bélxica, Noruega, España, Irlanda e Reino Unido presentamos os últimos resultados das nosas análises. Estes inclúen estudos sobre grandes mamíferos, aves nidificantes, anfibios, peixes, abellas, vermes, bacterias e a descomposición das follas.

  Os traballos presentados amosaron que na actualidade a zona de exclusión alberga unha gran biodiversidade. Ademais, confirmaron a ausencia xeral de efectos negativos da radiación sobre as poboacións de animais e plantas de Chernóbil. Todos os grupos estudados manteñen poboacións abundantes e perfectamente funcionais na área.

  Un exemplo claro da diversidade de fauna en Chernóbil dáo o proxecto TREE (das siglas inglesas Transferencia, Exposición e Efectos). Como parte deste proxecto instaláronse durante varios anos cámaras de fototrampeo por toda a zona de exclusión. As fotos revelan a presenza de fauna abundante en todos os niveis de radiación. Estas cámaras detectaron a presenza por primeira vez de osos pardos e bisontes europeos na zona ucraína, así como a expansión da poboacións de lobos e cabalos de Przewalski.

Bisonte europeo (bison bonasus), lince boreal (lynx lynx), alces (alces alces) e oso pardo (ursus arctos) fotografiados polas cámaras do proxecto tree dentro da zona de exclusión de chernóbil (ucrania). imaxes: proxecto tree/sergey gaschack.

  O noso traballo cos anfibios de Chernóbil tamén detectou abundantes poboacións de todas as especies, mesmo nas áreas de maior contaminación radioactiva. Atopamos ademais algún indicio de respostas adaptativas fronte á radiación, como cambios na coloración das ras. As ras da zona de exclusión son máis escuras, o que podería protexelas da radiación.

  Si se detectaron algúns efectos negativos da radiación a nivel individual. Algúns insectos, por exemplo, parecen vivir menos e estar máis afectados por parasitos en zonas de radiación alta. Algunhas aves tamén presentan danos no seu sistema inmune, aumento de albinismo e alteracións xenéticas. En todo caso, estas alteracións non parecen afectar o mantemento das poboacións.

  A ausencia xeral de efectos negativos da radiación sobre a fauna de Chernóbil pode deberse a varios factores. Por unha banda, os organismos vivos poderían ser moito máis resistentes á radiación do que se prevía.

  Outra alternativa é que as especies poderían estar amosando respostas adaptativas que lles permitisen vivir en zonas contaminadas sen sufrir efectos negativos. Ademais, a ausencia de humanos na zona podería estar a favorecer a moitas especies, en especial aos grandes mamíferos.

  Esta última alternativa indicaría que a presión das actividades humanas resultaría ser máis negativa a medio prazo para a fauna que un accidente nuclear. Unha visión bastante reveladora do impacto humano no medio natural.

Adulto de ra de san antón oriental (hyla orientalis), chernóbil (ucraína). maio de 2018. foto: germán orizaola.

  O futuro de Chernóbil.

  En 2016 a parte ucraína da zona de exclusión foi declarada Reserva Radiolóxica da Biosfera polo Goberno de Ucraína. Contra os prognósticos iniciais, a área serve agora de refuxio a numerosas especies ameazadas a escala Europea ou nacional. Entre elas destacan o oso pardo, o bisonte europeo, o cabalo de Przewaslki, a cegoña negra e o aguia pomerana. Co paso dos anos, Chernóbil converteuse ademais nun excelente laboratorio natural para o estudo da evolución en ambientes extremos.

  Na actualidade varios proxectos tentan retomar a actividade humana na zona. Popularizouse o turismo de catástrofes, con máis de 70.000 visitantes en 2018. Existen plans para construír plantas solares para a produción de enerxía. Incluso o pasado outono organizouse un festival de música electrónica na abandonada cidade de Prípiat.

  En 33 anos Chernóbil pasou de considerarse un deserto para a vida para ser unha zona de interese para a conservación da fauna.

  Paradoxalmente, agora é necesario manter a integridade da zona de exclusión como reserva se queremos que no futuro siga sendo un refuxio para os seres vivos.

  Derivado de GCiencia.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados