E-distrito

Noticias

A Coruña/ O bus urbano coruñés dará cobertura a Oleiros, Arteixo e Culleredo.

A Coruña/ O bus urbano coruñés dará cobertura a Oleiros, Arteixo e Culleredo.

  A liña 24 do transporte público urbano da Coruña chegará até a contorna das urbanizacións Olivos, Vallesur e Montegolf, mentres que a 1A penetrará até Santa Cristina durante o período estival.

  20 maio 2.019

  O Concello da Coruña, dentro da súa vocación metropolitana, dará servizo á veciñanza dos concellos veciños de Oleiros, Culleredo e Arteixo, ademais da propia cidadanía coruñesa, mediante a ampliación de varias liñas do transporte público urbano. O pasado mércores, o goberno local asinou un convenio no que tamén participan tanto a Xunta de Galicia, como ente coas competencias do transporte interurbano, como Culleredo e Arteixo, que estipula que a liña 24 do bus ampliará o seu percorrido traspasando os límites municipais, para dar servizo á veciñanza das urbanizacións do ámbito da Zapateira como os Olivos, Vallesur e Montegolf. No caso de Arteixo, esta será a segunda liña de bus urbano que circula polo seu municipio, logo da penetración da liña 6 até Meicende.

  O convenio, cunha vixencia de catro anos, destaca que as urbanizacións de Culleredo e Arteixo teñen unha notable carga de poboación que, maioritariamente por motivos laborais ou formativos, acode diariamente á Coruña. "Esa necesidade de mobilidade non estaba cuberta até o de agora por ningún servizo público de transporte interurbano, sendo a única alternativa ao vehículo privado", indica o alcalde, Xulio Ferreiro, que sinala que "esta situación xeraba non só maior contaminación, senón máis atascos". "Coa ampliación da liña 24 volvemos amosar a vontade metropolitana do Concello da Coruña e a aposta pola cooperación e a mellora dos servizos públicos e da calidade de vida da cidadanía", salienta.

  O pasado setembro, tanto o alcalde da Coruña como o seu homólogo cullerdense, José Ramón Riobóo, chegaron a un acordo político para impulsar a ampliación da liña 24. O citado acordo foi trasladado posteriormente, tanto ao concello de Arteixo como á Xunta de Galicia --como administración encargada de autorizar a modificación de trazado-- co obxecto de asinar un convenio a catro bandas, que hoxe se ratifica.

  Xa o pasado mes de abril, o primeiro edil asinou outro convenio de similares características, tamén cunha vixencia de catro anos, polo que, entre o 15 de xuño e o 15 de setembro a liña de transporte urbano 1A penetrará en Oleiros para chegar até a praia de Santa Cristina. O convenio, asinado, neste caso, entre Concello da Coruña, Xunta de Galicia e Oleiros, pon de relevo que durante os meses estivais este areal constitúe un importante punto de destino de viaxes que debe ser atendida entre as administracións competentes.

  En ambos casos, conformaranse unhas comisións técnicas e de seguimento que analizarán a viabilidade desta ampliación de servizos. Igualmente, os convenios especifican que tanto Oleiros como Arteixo e Culleredo compensarán economicamente ao Concello da Coruña.

  Derivado de Coruna.gal.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados