E-distrito

Noticias

Os traballadores de Alcoa, Ferroatlántica e Celsa Atlantic reclaman unha tarifa eléctrica que asegure o seu futuro

Os traballadores de Alcoa, Ferroatlántica e Celsa Atlantic reclaman unha tarifa eléctrica que asegure o seu futuro

  Tanto Parter como Quantum reclaman para facer efectivas as súas ofertas poder contar con tarifas eléctricas máis favorables, ademais dun maior investimento por parte de Alcoa.

  O goberno de Pedro Sánchez non aclara a cuestión mentres que Feijóo xa rexeitara en 2017 unha tarifa propia galega proposta polo BNG alegando que sería discriminatoria co resto de España.

  Relacionada: https://www.e-distrito.com/ga/noticias/551/alcoa-anuncia-o-peche-da-sua-fabrica-na-coruna-con-400-traballadores

  10 xuño 2019

  O persoal das plantas de Alcoa na Coruña e en San Cibrao, de Ferroatlántica en Sabón e Cee-Dumbría e de Celsa Atlantic na Laracha manifestouse este sábado na cidade herculina para reclamar "un futuro" para os seus postos de traballo, que pasa por unha tarifa eléctrica "competitiva" para estas industrias electrointensivas. Varios centos de traballadores camiñaron entre a Praza da Palloza e a Delegación do Goberno, onde lle reclamaron ao Executivo presidido por Pedro Sánchez que adopte decisións que faciliten a continuidade destas cinco factorías.

  O fondo suízo Parter Capital pide tarifas eléctricas máis favorables para mercar as plantas de Alcoa na Coruña e Avilés e manter os empregos

  A marcha unitaria do persoal das tres empresas, que xa se manifestara conxuntamente en maio en Compostela, chega nun momento no que as plantas de Alcoa na Coruña e Avilés, ameazadas de peche inminente, poderían ter un comprador interesado, o fondo de investimento suízo Parter Capital, cuxa oferta garantiría o mantemento do emprego. Unha segunda oferta, a alemá Quantum Capital Partners, estaría interesada unicamente na planta asturiana, pero non descartaría tampouco facerse coa coruñesa. Con todo, tanto Parter como Quantum reclaman para facer efectivas as súas ofertas poder contar con tarifas eléctricas máis favorables, ademais dun maior investimento por parte de Alcoa.

  A solución á tarifa eléctrica pasa pola fixación dun prezo regulado para a industria electrointensiva como xa existe noutros países e que en boa medida depende da aprobación do estatuto para as grandes empresas consumidoras que o Goberno central se comprometera a aprobar antes das eleccións xerais, unha medida finalmente adiada e aínda pendente.

  Este novo marco regulador da enerxía que garanta a viabilidade deste sector industrial foi reclamado na manifestación deste sábado polos comités de empresa e polos partidos políticos e sindicatos participantes na marcha. A CIG criticou que o atraso na aprobación do Estatuto do Consumidor Electrointensivo fai que o sector "siga tendo na ruleta rusa das poxas a solución para a industria con grandes consumos de enerxía". O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, sinalou que xa se ten demostrado que o sistema de adxudicación da interrumpibilidade "é a verdadeira causa da inestabilidade e do risco permanente dos postos de traballo neste sector".

  "Non podemos permitir que en Galiza, sendo país gran produtor e exportador de enerxía, pechen fábricas e se destrúan empregos polos altos custes da electricidade", di a CIG

  A CIG propón que "en tanto non haxa unha solución neste camiño que dea estabilidade ao sector", o Goberno "non pode aprazar unha saída para as fábricas de Alcoa, que pasa pola adquisición pública das plantas", unha medida avalada por un informe da Universidade da Coruña e que xa foi adoptada no pasado por Gobernos coma o de Italia, que adquiriu a planta de aluminio de Portovesme, no seu día pechada por Alcoa e hoxe plenamente activa tras ser intervida de maneira transitoria polo Estado italiano.

  De igual xeito, a CIG esixe que o Goberno galego faga valer as súas competencias e actúe con firmeza e decisión na defensa da nosa industria. "Non nos podemos permitir que en Galiza, sendo país gran produtor e exportador de enerxía, pechen fábricas e se destrúan empregos polos altos custes da electricidade", dixo Carril.

  Derivado de Praza.gal

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados