E-distrito

Noticias

Reaccións contra unha selectividade única en Galicia.

Reaccións contra unha selectividade única en Galicia.

  A Confederación de Anpas Galegas, os reitores das tres Universidades, CIG-Ensino e A Mesa consideran que remataría coas particularidades propias de Galicia.

  14 xuño 2019

  O debate sobre o modelo de selectividade e a conveniencia ou non de unificar as probas en todo o Estado para garantir a igualdade de oportunidades dos alumnos conta cun condicionante específico nas nacionalidades históricas. Precisamente, varios representantes de entidades galegas advertiron de que esta medida podería levar a cernar dos contidos do sistema educativo as particularidades que definen a Galicia.

  A Confederación Anpas Galegas advertiu que estas declaracións "agochan sempre outras realidades menos amables". Neste caso, o obxectivo de implantar "un modelo absolutamente uniforme de ensino, en contidos, en competencia, en organización".

  "Unha ABAU de contido único, implicaría un ensino de contido único, que laminaría totalmente a diferenza que existe entre cada comunidade deste Estado, que tombaría a adaptación, imprescindible, totalmente imprescindible, da formación ao alumnado que a recibe, ao lugar onde se recibe e á cultura", advertiu a entidade.

  Sobre todo, considerou que se trata dun "falso" debate, dado que o currículo de Bacharelato supón "o 60 por cento da valoración" e que esta "xa depende maioritariamente das decisións que toma o Ministerio de Educación". Desta porcentaxe, só un 5% se corresponde coa adaptación das materias ás particularidades de Galicia.

  A CIG-Ensino, a través dun artigo de Suso Bermello publicado na páxina web do sindicato, advertiu de que esta "suposta polémica" non busca "nin a defensa da igualdade de oportunidades" nin o garante de equidade das probas, senón que existe un interese político que apunta "á recentralización das competencias" por parte da dereita.

  Bermello aclarou, ademais, que un exame único non garantiría tampouco unha avaliación homoxénea para acceder á universidade, tendo en conta que as diferenzas (no caso de que existan) non se dan entre comunidades autónomas, senón "entre os diferentes centros educativos".

  A proba de galego

  O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, defendeu este mércores as particularidades do sistema educativo galego, e que eliminar a proba específica de Galicia da materia de "Lingua" sería "unha aberración" e "unha mostra de racismo lingüístico".

  Maceira cre que a comunidade debe "facer valer as súas competencias" e lembra que as institucións de Galicia "existen grazas á lingua galega, empezando pola Xunta".

  Universidades.

  Os reitores do tres universidades galegas apostaron por mellorar o modelo actual da selectividade, pero non antes de emprender un "diagnóstico real" que determine se "hai ou non desigualdade" entre as probas que realizan as distintas comunidades autónomas e aplicar medidas correctoras para asegurar a "equidade" dos exames.

  Os responsables das institucións académicas postuláronse este luns, ao coincidir en Santiago con motivo da reunión do Consello Galego de Universidades, sobre o debate aberto estas últimas semanas respecto das diferenzas de dificultade entre territorios, tras a polémica polo exame de matemáticas da Comunidade Valenciana.

  O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, considerou que é "un bo momento" para articular un sistema a nivel estatal que garanta a "igualdade de oportunidades" para os alumnos "de calquera comunidade autónoma".

  Reigosa lembrou que en España predomina o "distrito único" e a nota da proba "vale para todo o Estado", polo que cre necesario estudar as "incertezas sobre o nivel" de exames entre territorios para asegurar que o sistema sexa "absolutamente xusto" para todos.

  "Creo que o que temos que garantir é a equidade da proba", sinalou, pola súa banda, o reitor coruñés, Xullo Abalde, quen advertiu de que calquera decisión debe estar supeditada a un "diagnóstico real" da situación.

"Desde logo, desde as universidades estamos dispostos a participar para mellorar a equidade da proba que realizan os estudantes, pero previamente realizando un diagnóstico real da situación para, a partir de aí, aplicar as medidas correctoras".

  Antonio López, reitor da USC, coincidiu cos seus homólogos na importancia de "garantir" a "igualdade de oportunidades" do alumnado, aínda que partindo de "debates sosegados". "Analicemos que está a pasar, se hai ou non desigualdades, e propor medidas que poidan dar lugar a retoques para axustar a proba".

  Proba única

  Os reitores mostráronse, deste xeito, "moi aliñados" sobre a conveniencia de analizar a situación con calma e desde o acougo tras as declaracións de diversos cargos políticos, sobre todo do PP, a favor de implantar unha proba única e idéntica en todo o Estado, algo que podería chocar coas particularidades de territorios como Cataluña, Euskadi ou Galicia.

  O reitor compostelán cre que esta posibilidade, a proba única, "non sería a máis adecuada", tendo en conta que a nota de bacharelato ocupa un peso "moi importante" na media de acceso á universidade (o 60%) "e iso tamén está a influír na cualificación".

  "Paga a pena que fagamos unha análise pausada sobre a correlación de cualificacións entre bacharelato e as probas ABAU", insistiu, pero sempre examinando a situación desde "o rigor". "Se imos a unha proba única e non conta bacharelato, igual non é o máis equitativo", reiterou, sobre todo á hora de "valorar o esforzo de estudantes durante anos" que podería truncarse por "un momento malo nun exame".

  Abalde tamén apuntou que a solución a esta problemática non ten que pasar necesariamente por unha proba única para todo o Estado, dado que "hai sistemas educativos diferenciados".

  A pesar diso, advertiu de que "se están mesturando" dúas cuestións: por unha banda a proba de acceso á universidade e por outra a limitación de acceso a determinadas titulacións, debido ás notas de corte, que é "o que está ao fondo distorsionando este debate". "Son dous temas distintos que temos abordar de maneira diferente".

  O reitor vigués tamén se pronunciou en termos similares. "Penso que hai que corrixir o grao de dificultade diferente que afecta non só á propia selectividade, senón á entrada naquelas titulacións con límite de prazas que son moi demandadas".

  Derivado de GConfidencial.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados