Galicia incrementou a súa poboación durante o segundo semestre do ano 2018, rachando así unha xeira de descensos consecutivos que se iniciara no ano 2012. Segundo as cifras provisionais publicadas este martes polo INE, con 2.700.330 habitantes o noso país recupera o nivel dos 2,7 millóns que perdera hai seis meses por primeira vez dende o ano 2003. Este reaxir demográfico non está motivado por un incremento no número de nacementos, que de feito acadou o pasado ano un novo mínimo histórico, senón na mellora dos fluxos migratorios, en especial pola chegada de inmigrantes dende fóra de España.
A pesar do leve incremento do número de habitantes no último semestre, o dato sitúase por debaixo das cifras rexistradas un ano antes (2.703.149), acumulándose un descenso de case 72 mil habitantes dende o ano 2012.
O saldo vexetativo leva décadas sendo negativo e a diferenza entre defuncións e nacementos vai facéndose máis grande cada ano que pasa. No 2018 foi de -15.854. Este dato foi equilibrado polos saldos migratorios, tanto o interautonómico (fluxos dende o resto do Estado e en dirección a outras comunidades), que é positivo (+252) por primeira vez dende o ano 2012, como sobre todo polo saldo exterior (+12.884), é dicir, a diferenza entre as persoas que que dende Galicia marchan ao estranxeiro e aquelas que chegan ao noso país dende fóra de España.
O saldo migratorio exterior é positivo dende o ano 2015, pero nos últimos tres anos vén experimentando un crecemento moi importante, motivado principalmente polo aumento na chegada de persoas procedentes de América Latina, especialmente dende Venezuela.