E-distrito

Noticias

NATURA. Os brazos do polbo toman decisións sen axuda do seu cerebro

NATURA. Os brazos do polbo toman decisións sen axuda do seu cerebro

  Un estudo da Universidade de Washington evidencia a estraña intelixencia destes animais.

  28 xuño 2.019

  Coa capacidade de usar ferramentas, resolver enigmas complexos e mesmo facer trucos con humanos só para divertirse, os polbos son extremadamente intelixentes. Pero a súa intelixencia está construída de xeito bastante estraño, xa que os cefalópodos de oito brazos evolucionaron de forma diferente a case todos os outros tipos de organismos na Terra.

  En lugar dun sistema nervioso centralizado como o que teñen os vertebrados, dous terzos das neuronas dun polbo esténdense por todo o seu corpo, distribuídas entre os seus brazos. E agora os científicos determinaron que esas neuronas poden tomar decisións sen a axuda do cerebro.

  “Unha das preguntas xerais que temos é como funcionaría un sistema nervioso distribuído, especialmente cando se trata de facer algo complicado, como moverse a través do fluído e atopar comida nun fondo mariño complexo”, dixo o neurocientífico David Vire da Universidade de Washington: “Hai moitas preguntas abertas sobre como estes nodos no sistema nervioso están conectados entre si”.

  A investigación realizouse en polbos vivos do Pacífico (Enteroctopus dofleini) e polbos vermellos do Pacífico oriental (Octopus rubescens), ambos os dous nativos do Océano Pacífico Norte.

  Estes polbos teñen ao redor de 500 millóns de neuronas, das cales arredor de 350 millóns atópanse ao longo dos brazos, dispostos en grupos chamados ganglios. Estes axudan a procesar a información sensorial sobre a marcha, permitindo que o polbo reaccione máis rápido a factores externos.

  “Os brazos do polbo teñen un anel neural que pasa por alto o cerebro, polo que os brazos poden enviarse información sen que o cerebro se decate”, dixo o neurocientífico do comportamento Dominic Sivitilli, da Universidade de Washington: “Daquela, aínda que o cerebro non está moi seguro de onde están os brazos no espazo, os brazos saben onde están os outros e isto permite que se coordinen durante a locomoción”.

  O equipo deulles aos cefalópodos unha variedade de obxectos como bloques de cemento, rochas, pezas de Lego e labirintos de crebacabezas con lambetadas no interior, e tamén os filmaron mentres buscaban comida.

  Os investigadores tamén utilizaron técnicas de seguimento do comportamento e de gravación neural. Isto foi para determinar como fluía a información a través do sistema nervioso dun polbo mentres buscaba ou exploraba, dependendo de como funcionaban os brazos.

  Descubriron que cando o polbo adquire información sensorial e motora da súa contorna, as neuronas do brazo poden procesala e iniciar a acción. O cerebro non ten que facer nada.

  “Puidemos ver moitas pequenas decisións que toman estes ganglios distribuídos. O que estamos a ver é como se integra a información sensorial nesta rede mentres o animal toma decisións complicadas”, dixo o investigador.

  Isto é consistente con investigacións anteriores, que atoparon que non só os brazos de polbo responden aos estímulos mesmo despois de ser separados dun animal morto. Isto é tan raro que moitos científicos chancean con que o polbo sexa unha intelixencia extraterrestre, porque non encaixa co habitual na Terra.

  “É un modelo alternativo para a intelixencia”, dixo Sivitilli: “Dános unha comprensión da diversidade da cognición no mundo, e talvez o Universo”.

  E podes consultar o traballo de investigación presentado na Conferencia de Ciencia de Astrobiología 2019
  Derivado de GCiencia.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados