E-distrito

Noticias

Detida unha muller acusada de pretender replicar en Galicia o atentado xihadista de Barcelona

Detida unha muller acusada de pretender replicar en Galicia o atentado xihadista de Barcelona

  A presunta terrorista xa fora detida en 2018 logo de ano e medio de investigacións

  24 xullo 2019

  A Policía Nacional e a Garda Civil detiveron en dúas operacións, unha en Gipuzkoa e outra en Lugo, catro persoas pola súa presunta implicación en delitos relacionados co xihadismo e os seus órganos de propaganda. 

  A operación desenvolvida en Galicia pola Garda Civil, baixo a dirección do Xulgado Central de Instrución número 5 e da Fiscalía da Audiencia Nacional, rematou coa detención dunha muller de 45 anos na parroquia de Galdo, en Viveiro, como presunta autora de delitos de terrorismo. 

  Segundo o comunicado difundido pola Garda Civil, esta persoa --de nacionalidade española segundo fontes consultadas por este diario-- xa fora detida en 2018 logo de máis dun ano de investigacións e tería amosado “a súa intención de replicar en Galicia un atento de características similares” aos levados a cabo por unha célula xihadista en Barcelona e Cambrils en agosto de 2017. Residente e natural da Mariña, o seu é un caso de peculiar conversión a outra relixión, sen antecedentes coñecidos dese credo nin moito menos de actitudes violentas, máis aló dos contactos mantidos a través de grupos en redes sociais. 

  Desde aquela primeira detención, a agora detida asumiu “numerosas medidas de seguridade coa intención de eludir a vixilancia dos investigadores”. Segundo as forzas de seguridade, estas medidas foron levadas a cabo na súa actividade en Internet, nas redes sociais, así como no uso de comunicacións telefónicas e no seu comportamento na vida real. 

  Segundo a Garda Civil, ademais de consumir propaganda producida por diversos grupos terroristas, a detida “celebrou publicamente accións violentas”, en concreto os ataques realizados en Catalunya hai dous anos. As forzas de seguridade decidiron a súa detención logo da investigación e “atendendo á reincidencia e ao incremento do nivel de risco”. O obxectivo, di o comunicado, é o de “neutralizar esta ameaza á seguridade pública e determinar se a muller puidese estar sendo instrumentalizada ou influída por alguén”. 

  Ademais, a Policía Nacional detivo tamén tres presuntos colaboradores do Daesh en Gipuzkoa por propagar ideario xihadista a través das redes sociais. Os detidos “pasaron de ser meros consumidores desta propaganda a usar os seus perfís virtuais como ferramenta de adoutrinamento e enaltecemento do terrorismo”. 

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados