E-distrito

Noticias

Alumnado segue pagando polos libros de texto catro anos despois de que a Xunta retomase os préstamos.

Alumnado segue pagando polos libros de texto catro anos despois de que a Xunta retomase os préstamos.

  O sistema de préstamos custa 12 millóns de euros e abrangue ao 70% de alumnado; o de gratuidade do bipartito en 2009 custaba 14 millóns con cobertura do 100%.

  11 setembro 2019

  A instauración do novo sistema supuxo toda unha viraxe política, ao igual que a retirada do anterior. O sistema de préstamo universal de libros de texto implantado polo bipartito de PSdeG e BNG foi substituído por un modelo de axudas parciais por parte do PP en canto recuperou a Xunta en 2009, un modelo que definiu como de "gratuidade solidaria" e que recibiu duras críticas de oposición e comunidade educativa. O sistema de cheques implantado, xustificado pola "austeridade" e a "solidariedade", acabou sendo máis caro que o préstamo, mentres ANPAS, concellos e centros educativos organizaban bancos de libros para "suplir" o labor da Xunta. 

  En 2015, a Consellería de Educación modificou o modelo para instaurar outro sistema de préstamo que, baixo a denominación de Fondo Solidario, no curso pasado repartiu de forma gratuíta máis de 631.000 libros de texto e alcanzou máis de 108.000 alumnos de 3º a 6º curso de Primaria e dos catro cursos da ESO. Son, segundo a Xunta, aproximadamente sete de cada dez. 

  A Xunta destina 12,1 millóns de euros neste curso para vales de material e axudas e compras de libros de texto, que chegan a 7 de cada 10 escolares

  Para este curso, á espera dos datos de beneficiarios, o importe total destinado pola Consellería para o financiamento do programa é de case 12,1 millóns de euros, 5,4 para os vales de material escolar, 4,6 para as axudas de libros de texto, e 2,1 para a adquisición por parte dos centros de libros complementarios aos existentes no Fondo Solidario para garantir a súa dispoñibilidade ao alumnado cuxo nivel de renda lle dea dereito a este. Case a mesma cantidade que no curso anterior e abranguendo os mesmos cursos e semellante cifra de alumnado. 

  No último orzamento do gabinete de PSdeG e BNG, hai unha década, a partida para “fondos bibliográficos-gratuidade libros de texto” supuña 14,4 millóns, chegando o préstamo a todo o alumnado en Galicia. 

  Desde as asociacións de anpas, a valoración do actual sistema non é nada positivo. “É un desastre”, explica Fernando Lacaci, presidente de Anpas Galegas, que explica que, malia haber “un baremo económico” para acceder ao fondo solidario, provócanse “distorsións” que fan que “se unha clase ten sorte de ir detrás dun curso con moitos libros, moitos levarán o material, pero se van detrás dun curso de rapaces con familias acomodadas, non terás tanta sorte”. 

  As asociacións de anpas cualifican de "desastre" un sistema de préstamo ao que lle ven "moitas carencias" e reclaman a volta á gratuidade total

  Rogelio Carballo, presidente de Confapa-Galicia, aclara que a súa organización defende a gratuidade e advirte dun sistema actual “con moitas carencias”. “O material non está a disposición de todo o alumnado e nalgúns casos non temos constancia de como se xestiona nin como se conserva”, engade. 

  Na actualidade, accede ao fondo solidario o alumnado que participa nel, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar, ata que se esgoten as existencias. 

  Esgotados os libros dispoñibles, o centro docente adquirirá os libros de texto complementarios que sexan necesarios para garantir que aquel alumnado con renda per cápita familiar igual ou inferior a 5.400 euros acceda a seis libros de texto e aquel que supere os 5.400 € e a renda sexa igual ou inferior a 9.000 €, a catro. Ao alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65 %, tamén se lle garanten seis, con independencia da renda, mentres que o importe máximo que aboará a consellería a cada centro por cada libro complementario adquirido será de: 30 € en Primaria e 35 € na ESO. 

  Lacaci advirte tamén do “traballo inxente” que a moito profesorado lle supón o sistema. “Tes que ter un ou varios profesores cubrindo documentos cada pouco para xestionar o fondo; tamén as familias perden moito tempo en papeleos”, insiste quen cre que "todo se solucionaría de vez de volver á gratuidade universal”. Ademais, e malia que cada vez son menos, hai aínda algunha anpa que segue apañando material para o seu propio fondo e convive co sistema oficial. “O proceso administrativo é unha complicación engadida”, recoñece tamén Carballo.   "É o momento de que a Xunta retome a gratuidade absoluta dos libros de texto, un modelo que ratifican informes como a da Defensora do Pobo”, explica Lacaci, que considera que tamén é hora de “tomar decisións importantes” ao rematar a final deste curso os seis anos de validez que a Xunta estableceu para os libros de texto tras a aplicación da Lomce e os continuos amagos coa retirada da lei. A "presión" da industria editorial

  Unha desas decisións, “aínda que fose de xeito progresivo”, debería ser, segundo Anpas Galegas, ir suprimindo moito do material impreso nun mundo tan dixitalizado e co alumnado máis que afeito aos novos soportes. Co debate sobre as diferenzas dos textos entre comunidades lanzado por empresas editorias, desde as anpas advirten da “presión” desta industria para se manter nun sistema que semella obsoleto. 

  “Estase a consolidar un modelo no que os libros son un negocio privativo e cuestionable”

  “Os únicos libros de consulta impresos que existen son os de texto, a ningún de nós, nin aos rapaces, se lles ocorre ir a unha enciclopedia a consultar algo cando todo é online”, advirte Lacaci, que cre que “non se pode reducir a ensinanza ao ensino do libro e ao memorístico”. 

  “Estase a consolidar un modelo no que os libros son un negocio privativo e cuestionable”, di Carballo, que lembra que hai materiais de Primaria “máis caros que obras técnicas para arquitectos”. “É obvio que todo ten que ver con negocio de libreiros e editoriais, pero á marxe diso, a Consellería permite que se pague por un dereito de uso que caduca e por obras con copyright, iso non debería ser”, explica quen aposta por un sistema “aberto, en varios formatos, onde se permita corrixir, completar ou reproducir”, un modelo “acorde ao século XXI”. “Non ten sentido que paguemos dereitos de autor dunha táboa de multiplicar”, finaliza.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados