E-distrito

Noticias

Galicia é a terceira comunidade autónoma que máis recortou o gasto social dende o 2009

Galicia é a terceira comunidade autónoma que máis recortou o gasto social dende o 2009

  Según a Asociación Estatal de Directoras e Xerentes en Servizos Sociais en base a datos oficiais das autonomías, Facenda e Banco de España.

  13 setembro 2019

  Só dúas comunidades recortaron o gasto social en maior medida que Galicia dende o ano 2009. A Asociación Estatal de Directoras e Xerentes en Servizos Sociais vén de publicar o seu informe sobre a evolución do esforzo orzamentario realizado por cada territorio en sanidade, educación e servizos sociais, realizado a partir de datos oficiais das autonomías, Facenda e o Banco de España. No conxunto do Estado o gasto social por habitante no ano 2018 estaba aínda por debaixo (-3,4%) do nivel que acadara antes do inicio da crise, no ano 2009, aínda que a cifra vén recuperándose lentamente dende o 2013, cando chegou ao seu mínimo.

  Dende o 2009, o gasto social caeu un 3,75% en Galicia, 266,5 millóns de euros. Só Cataluña e Castela-A Mancha empeoran os datos galegos

  En nove comunidades autónomas o gasto social aumentou e noutras oito diminuíu. Entre elas Galicia, que é o terceiro territorio do Estado no que máis se recortou, só por detrás de Cataluña e Castela-A Mancha. En concreto, o gasto social caeu un 3,75% en Galicia, 266,5 millóns de euros. 

  O informe da Asociación de Directoras e Xerentes en Servizos Sociais debulla a distribución do gasto en cada área, reflectindo como en Galicia o gasto público por habitante en Sanidade aínda está por debaixo do nivel previo á crise, e o mesmo sucede co gasto en educación e en servizos sociais. O gasto en sanidade acadou o seu nivel máis baixo no ano 2011, o gasto en ensino fíxoo no 2014 e o gasto en servizos sociais en 2015. Dende entón todos eles están a medrar, pero aínda se sitúan por debaixo dos datos de 2009.

  En Galicia o gasto público por habitante en sanidade aínda está por debaixo do nivel previo á crise, e o mesmo sucede co gasto en educación e en servizos sociais

  En sanidade, o orzamento é aínda un 2,02% inferior ao de 2009 (79,5 millóns de euros menos). Neste caso Galicia ocupa un lugar centra no conxunto das comunidades autónomas, cun descenso inferior á media estatal. Galicia é o oitavo territorio con máis gasto en sanidade por habitante (1.428 euros anuais) e é a terceira que dedica unha maior porcentaxe do seu orzamento total (un 36%) a este ámbito.

  Os datos galegos son peores en educación. Neste caso o recorte dende o ano 2009 é do 7,43% (181,6 millóns de euros), fronte a unha media no Estado do 4,04%. O gasto por habitante en educación (837,3 euros anuais) sitúase lixeiramente por debaixo da media estatal (840,6 euros).

  O gasto en servizos sociais é o que menos cae, un 0,73% (5,3 millóns de euros), pero neste indicador Galicia é a segunda comunidade con máis recortes, superada unicamente por Castela-A Mancha e coa mesma redución que Cataluña. O gasto por habitante (266,2 euros anuais) está por debaixo da media española (283,7 euros).

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados