E-distrito

Noticias

Os datos: a crise e perigo de desaparición da industria galega.

Os datos: a crise e perigo de desaparición da industria galega.

  O proceso de desmantelación que sufriu a banca galega trasládase agora á industria. Alcoa, Meirama, As Pontes, Ferroatlántica, Vulcano, Barreras ou Isowat son só algúns exemplos.

  02 outubro 2019

  Nos últimos meses estanse sucedendo a un ritmo nunca visto a desaparición do tecido industrial galego. Uns datos que demostran que a pouca industra deste país morre paseniñamente pola inacción das administracións, os fondos boitres e as especulacións, e a falta de certezas laborais. Esta é a radiografía dunha crise que afecta a máis de 5.100 traballadores, desde a industria naval, á telefónica, pasando polas enerxéticas ou hidroeléctricas.


  As plantas de Alcoa na Coruña e en San Cibrao, as centrais de Meirama e As Pontes, as plantas de Ferroatlántica,  os astaleiros Vulcano ou Barreras, as filiais e subcontratas de Navantia ou R e así un longo etcétara.  Son sectores fundamentais da industria galega que comezan a ser mortos vivintes. Unha industria que, ademais, no país, dá emprego a miles de traballdores.  

  Hai meses que a industria galega está en números vermellos. Así o indican distintas estatísticas publicadas nos últimos meses. A última do Instituto Nacional de Estadística (INE) pon unha gran mancha negra sobre un dos poucos motores da economía galega, a súa industria.  As vendas e a entrada de pedidos na industria galega baixaban en xuño un 0,15 e un 0,6% respectivamente en xullo en comparación co mesmo mes de 2018. 

  Unha baixada leve pero continuada nos últimos meses que contrasta co incremento en torno ao 3% que se rexistra na media española, tanto para a produción como para os pedidos. En concreto, Galicia é unha das cinco comunidades nas que descende a facturación da industria, mentres sobe no resto. 

  De feito, este país acumula catro meses de caídas interanuais consecutivas nas vendas, xa que o último dato positivo produciuse en marzo. Na media do ano, entre xaneiro e xullo, avanza a facturación un 0,3%, por baixo da media estatal (+0,7%).

  Caída das exportacións

  Unha situación que se reflicte nas exportación que tamén baixaron un 2,1% en xullo en comparación co mesmo mes de 2018, ata quedar en 1.876 millóns de euros de valor, segundo os datos publicados hai uns días polo Instituto Galego de Estatística(IGE).

  Deste xeito, Galicia xa acumula cinco meses consecutivos de caídas interanuais, pois o seu último aumento produciuse en febreiro. De media no que vai de ano, entre xaneiro e xullo, hai un retroceso do 8,9%, ata un total de 12.385 millóns. O descenso galego en xullo contrasta co incremento en España do 3,8%. Ademais, nos sete primeiros meses o Estado alcanza o seu máximo histórico de vendas ao exterior, cun avance do 2%.

  A automoción foi o sector con maior impacto negativo en xullo en Galicia, ao caer un 3,6%, xa que representa o 21% das exportacións. Os combustibles (-2%) e o material eléctrico (-1,6%), séguenlle en baixadas máis importantes. Ao longo de 2019 a venda de vehículos descende un 5%.

  Crise

  O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, preguntado xa por este medio sobre esta situación evita falar de crise e atribúe este parón da industria galega aos efectos da inestabilidade do Goberno central. Con todo, os feitos din outra cousa. Aínda que a falla dun goberno en Madrid poida ter certa repercusión nos medidores económicos, o certo é que Galicia está ante o que a oposición xa califica de “emerxencia industrial”.

  Unha crise que nos últimos meses ameaza con levar por diante o pouco tecido empresarial que existe en Galicia. A decisión de Endesa de acelerar o peche da central das Pontes, un anuncio feito a pasada semana, ameaza con converterse nunha bomba en plena precampaña electoral. Unha tensión que xa se suma ao peche da outra central térmica, a de Meirama

  Endesa e Meirama

  Endesa explica a decisión de pechar As Pontes para cumprir as directivas europeas contra a contaminación por carbón.  Actualmente, máis dun milleiro de persoas, tanto directa como indirectamente, dependente laboralmente desta central térmica co que o peche das Pontes suporía unha grave crise industrial para a comarca do Eume e Ferrolterra, pero tamén para as lucenses da Terra Cha e da Mariña. 

  Ademais, o peche desta empresa, que é propiedade da italiana Enel, afectaría a 27.000 persoas, tanto pasivos como activos, viudos, viudas e horfos que mantiñan uns dereitos adquiridos que se trataban de retribucións en especie intercambiadas por salario durante o tempo activo do traballador, tal e como recolleron os sucesivos convenios de empresa. 

  Endesa sinalou que o valor neto contable, a data de hoxe, do conxunto de centrais térmicas de carbón peninsular ascende a uns 1.300 millóns de euros, incluíndo o importe estimado da provisión para o desmantelamento das dúas centrais que posúe.

  Na mesma situación se atopa a central de Meirama. Naturgy, a antiga Gas Natural xa anunciou o seu peche no 2020, aínda que a data definitiva dependerá do Executivo central.  Unha situación que afecta a máis de cen traballadores, tanto directos como indirectos. O persoal directo suma 77 operarios, 40 dos cales traballarán primeiro no desmantelamento da planta de carbón, e logo serán recolocados noutros centros de traballos, segundo apuntou a empresa.

  Alcoa

  Outro dos grandes conflitos laborais que afectan a Galicia é o futuro de Alcoa con 1.500 postos de traballo directos pedentes dun fío . Tras o peche de Alcoa A Coruña, que afectou a case 400 traballadores, a internacional americana dona da empresa ameaza con pechar tamén a súa maior planta na península, a de San Cibrao, en Cervo. O seu argumento é a situación de "incerteza" pola falta de "medidas concretas" do Goberno para "solucionar o problema da enerxía para a industria do aluminio.

  Actualmente, a fábrica da Mariña lucense reduciu un 11 por cento a súa produción, aínda que sen consecuencias sobre o emprego. O presidente de Alcoa España apuntou que, "de momento, non hai ningunha outra medida a maiores a tomar",  pero verase "en función de como evolucione".

  Ferroatlántica

  Outros dos puntos de atención sobre a actualidade da industria galega está sobre Ferroatlántica, a metalúrxica productora de ferroaliaxes, antiga propiedade do Grupo Villar Mir e que agora afronta un momento de incerteza logo da compra efectuada polo grupo de investimentos multinacional TPG Sixth Street Partners. A consencuencia é que o lote completo incluía fontes hidroeléctricas (encoros), as factorías de Cee, Dumbría e Sabón, todas na provincia da Coruña.

  A cuestión é que desde o comité de empresa de Cee denuncian o escaso ou nulo investimento para mantemento das instalacións e a intención deste fondo de investimentos de especular a conta da enerxía eléctrica. Na actualidade son máis de 550 os traballadores directos das distintas factorías do antigo Grupo Villar Mir.

  Barreras e Vulcano

  Tamén o sector dos astaleiros, un dos grandes activos e históricos activos económicos de Galicia está en perigo, especialmente, na comarca de Vigo. A crise tamén pode levar por diante a históricos como Vulcano, con 69 traballadores. Outros, como Hijos de J. Barreras, do que dependen medio milleiro de traballadores, atravesan por graves problemas.

  Hai uns días, a xunta de accionistas de Hijos de J. Barreras (liderada por PMI, filial de petroleira mexicana PEMEX) cesaba a toda a directiva do astaleiro. Esta decisión está condicionada pola súa complicada situación que, a pesar de ter unha carteira de pedidos por valor de máis 800 millóns de euros, afronta momentos delicados por sobrecustos en contratos, atrasos e débedas cos provedores.

  Os cambios na dirección da empresa expoñen a incógnita acerca dunha posible capitalización do estaleiro. Así, algunhas fontes do comité de empresa apuntan á entrada no accionariado de Ritz-Carlton, cuxa filial de minicruceros de luxo (Ritz-Carlton The Yatch Collection) está a construír un barco, e anunciou un segundo, nesta bancada viguesa.

  Peor está a situación en Vulcano, enfilado xa cara a un peche seguro. Así o confirmaba hai uns días o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Juan Manuel Cividanes, que lamentaba que "a día de hoxe" non hai "ningunha empresa que manifeste interese claro de dar continuidade á actividade" a este estaleiro de Vulcano en Vigo, cuxo persoal espera á execución do expediente regulador de emprego (ERE).

  Subcontratas de Navantia

  Ademais de Barreras e Vulcano tamén hai problemas laborais en dúas subcontratas de Navantia; Tecman-Elecrorayma e Indasa. A primeira, auxiliar encargada do servizo de mantemento nos dous estaleiros que a empresa naval pública Navantia ten na Ría de Ferrol, e a segunda, do mantemento das cabinas de pintura, iniciaron a finais do pasado mes folgas de carácter indefinido para reclamar a readmisión de nove e seis traballadores despedidos, respectivamente.  Tras varias protestas e negociacións, Indasa anulou os seis despedimentos previstos, pero non así Electrorayma-Tecman, cuxos traballadores continúan coas protestas.  

  ISOWAT

  Outro conflito laboral é o que viven os 66 traballadores da empresa Isowat na Coruña que levan semanas de protesta e piden a "implicación" da Xunta para garantir a continuidade dos seus empregos ante a proximidade da finalización do expediente de regulación temporal de emprego (ERTE). Precisamente, este 1 de setembro rematou o ERTE para o persoal co que pasarán a cobrar o 50% ao ir ao paro.

  Subcontratas de R

  Tamén operarios de subcontratas de R reclaman a implicación da Xunta na defensa dos seus empregos ante o proceso de deslocalización de servizos por parte de Euskatel, propietaria do operador de telecomunicacións. Os sindicatos amosaron xa súa preocupación porque as medidas adoptadas por Euskatel "poidan alcanzar ata o 50% dos case 800 postos de traballo existentes a día de hoxe".

  BANCO PASTOR

  Finalmente, tamén o Banco Santander pechou a finais do pasado mes 176 oficinas, 26 delas en Galicia, no marco da execución do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que acometerá a entidade e que contempla a clausura dun total de 1.150 sucursais. Unha medida que afectou, segundo os sindicatos, a máis dun milleiro de traballadores en Galicia.

  Derivado de Galicia Confidencial.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados