E-distrito

Noticias

Medio millón de persoas viven por debaixo do limiar da pobreza en Galicia

Medio millón de persoas viven por debaixo do limiar da pobreza en Galicia

  Máis de medio millón de galegos e galegas (542.892), ao redor do 18,8% da poboación, viven por baixo do limiar da pobreza, fixado en 8.871 euros anuais por persoa.

  17 outubro 2019

  CC.OO. subliña o dato coincidindo coa conmemoración do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza. A través de Maica Bouza, secretaria de Emprego e Previsión Social, o sindicato denuncia que nos últimos anos "malia a suposta recuperación económica a renda distribúese en Galicia dun xeito desequilibrado e inxusto", o que tivo como consecuencia "un incremento das desigualdades sociais entre o 2013 e o 2017".

  Case un de cada cinco galegos e galegas vive por debaixo do limiar da pobreza

  No último ano, a taxa de pobreza en Galicia medrou unha décima, aínda que se atopa 2,7 puntos por baixo da media española, situada no 21,5%, e que no último ano diminuíu unha décima. A taxa de risco de pobreza indica a porcentaxe de poboación que ten ingresos inferiores ao 60% da renda mediana. O limiar da pobreza para un fogar composto por dúas persoas adultas e dous nenos ou nenas sitúase nos 18.629 euros.

  Outro dos indicadores para medir a desigualdade na distribución dos ingresos é o cociente S80/S20, que se interpreta como a relación entre a renda obtida polo 20% da poboación con renda máis alta (quintil máis alto) e a renda media obtida polo 20% da poboación coa renda máis baixa (quintil máis baixo). Canto máis alto é o cociente, iso significa que unha sociedade é máis desigual. En Galicia este indicador sitúase en 5,8, medrando de forma alarmante nos últimos anos, dende o 4,6 do ano 2009.

  No último ano, a taxa de pobreza en Galicia medrou unha décima

  CC.OO. alerta de que a pobreza afecta con máis intensidade ás xeracións máis novas, xa que as persoas menores de 16 anos teñen unha taxa de pobreza do 21,65% e as de menos de 24 anos do 23,48%, moi por riba das cifras xerais para o conxunto da poboación. Hai máis pobreza igualmente entre as mulleres que entre os varóns e de forma particular nas familias monoparentais, que dependen maioritariamente dunha muller e nas que o risco de pobreza e exclusión social se eleva ao 46,99%, tres veces a taxa xeral.

  O mes pasado Cáritas alertaba de que tan só o 41% da poboación galega está nunha situación de integración plena. No outro extremo, case un de cada cinco galegos e galegas (470.000 persoas) atópase en situación de exclusión social. Deles, o 9,1% da poboación (245.858 persoas) está nunha situación de exclusión moderada e o 8,4% (226.946 persoas) en exclusión severa. Ademais, o 41,6% da poboación galega atópase nunha situación precaria e conta cunha alta taxa de vulnerabilidade social e con risco de caer en situacións de pobreza ou exclusión, sobre todo no escenario dunha nova crise económica.

  O sindicato esixe o reforzo do sistema público de pensións e de protección por desemprego e, así mesmo, das rendas de inserción, como a RISGA, "que deberían cubrir as necesidades básicas das persoas". CC.OO. é crítico coa xestión que o Goberno galego fai da RISGA, sinalando que "unha ferramenta teoricamente válida para a inserción social convértese, en mans da Xunta, nun ineficaz mecanismo de protección social". "Máis flexibilidade nos requisitos, menos burocracia e, en consecuencia, máis orzamento son pasos imprescindibles se queremos reducir a pobreza e a exclusión social en Galicia", afirma a central.

  O sindicato esixe o reforzo do sistema público de pensións e de protección por desemprego e das rendas de inserción, "que deberían cubrir as necesidades básicas das persoas"

  Finalmente, CC.OO. propón unha serie de actuacións para loitar contra a pobreza e a exclusión social: derrogar a reforma laboral para promover o emprego de calidade; reforzar as políticas activas de emprego; ampliar a protección por desemprego; mellorar os salarios; garantir unha vivenda digna; establecer unha renda mínima garantida no ámbito estatal; elevar o IPREM; desenvolver un sistema fiscal progresivo e xusto e consolidar o Sistema Público de Pensións.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados