E-distrito

Noticias

Persoal de R intensifica as protestas e pide deter a deslocalización.

Persoal de R intensifica as protestas e pide deter a deslocalización.

  Centos de persoas mobilizáronse na Coruña contra a "deslocalización" de R convocados por CIG, CCOO, UGT e CGT.

  23 outubro 2019

  Centos de persoas manifestáronse este martes no centro da Coruña contra o traslado de servizos e emprego que está a levar a cabo R. Convocados polos sindicatos CIG, CCOO, UGT e CGT, persoal da empresa de telecomunicacións, de subcontratas e cidadanía reclamaron á Xunta que se "implique" no conflito e deteña a "deslocalización" que as centrais e os traballadores levan meses denunciando. 

  O percorrido, desde unha tenda de R ata a sede que a empresa ten no Obelisco, amosou o malestar dun persoal que reclamou, na pancarta principal, a "defensa dos postos de traballo na Galiza" e clamou contra a "deslocalización" ou por unha "solución". 

  Esa deslocalización que denuncian sindicatos e persoal e que vira en "reorganización" da parte da empresa, que nega ese termo aínda que recoñece cambios de provedores nalgún labor, pero tamen novas "oportunidades" para empresas galegas. 

  Desde que Euskaltel se fixera con R en 2015, os recortes son constantes. A reestruturación anunciada acentuouse desde que o fondo británico Zegona tornou na primavera no primeiro accionista do grupo. José Miguel García converteuse en novo conselleiro delegado do grupo propietario da empresa galega e da asturiana Telecable en xuño. Estreouse despedindo vinte directivos, dous deles en Galicia, e un mes despois prescindiu de 25 traballadores, dez deles na compañía con sede na Coruña. 

  Pouco despois, R anunciou a Comfica, unha das súas principais subcontratas en Galicia, que non continuaría contratando os seus servizos, polo que 20 traballadores quedarían sen o emprego. Á espera de que se confirme, o persoal chegou a un acordo coa firma para que, no caso de que non se subroguen os empregos, Comfica acabe recolocando os traballadores.

  Os sindicatos advirten de que 600 traballadores se verán afectados por unha deslocalización que, no mantemento de rede, sería efectiva xa a finais de mes

  Outra das empresas que fai labores para R, Indra, xa foi desprovista dalgúns dos traballos que pasaron a ser realizados por ZTE en Asturias, un caso semellante do que advirten en Colabora ou Plexus. En total, segundo os sindicatos, os afectados xa foron entre 40 e 50 persoas e a deslocalización podería facerse efectiva nos servizos de operación e mantemento de rede o 31 de outubro, afectando numerosas firmas e traballadores e traballadoras en toda Galicia, especialmente na provincia da Coruña.

  Tamén están ameazados os postos de traballo no sector do telemárketing, que presta en Galicia varios servizos a R. Segundo advirten, firmas do País Vasco xa se encargan dalgúns traballos que seguen, polo momento, subcontratando a empresas galegas.

  Xa que logo, o risco, tal e como denuncian as centrais, esténdese a 600 postos de maneira inmediata en Galicia, unha cifra que podería dobrarse no futuro. 

  Ante esta situación, reclaman que a Xunta "se implique activamente no conflito para impedir que se consume esta deslocalización e para que obrigue a R Cable e a súa propietaria Euskaltel, a negociar coa representación social".

  O persoal reclama á Xunta que "se implique" e non se "inhiba" nun conflito cunha empresa que recibiu millóns de euros en subvencións públicas 

  Lembran que o Goberno "non pode inhibirse" ante as decisións levada a cabo nunha emprexa cuxos servizos de telecomunicacións "foron construídos a conta dos cartos públicos de todas as galegas e galegos". "A utilización dese diñeiro ten que reverter no noso desenvolvemento económico, social e tecnolóxico e non pode servir para que empresas privadas se lucren e incrementen beneficios a base avanzar na deslocalización da súa actividade e a precarización das condicións laborais", din.

  As centrais, ademais, lembran que o fondo británico que dirixe o grupo Euskaltel xa estuda a venda dos seus case 800.000 quilómetros de rede de fibra para financiar a súa expansión polo Estado. Suporía que R quedase sen unha rede de fibra óptica de case 300.000 quilómetros despregada durante 20 anos e con millonarias axudas públicas de ata preto de 70 millóns de euros. 

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados