E-distrito

Noticias

A Coruña/ Pedro Sánchez pide apoio o 10N como única opción para garantir un goberno sen a dereita.

A Coruña/ Pedro Sánchez pide apoio o 10N como única opción para garantir un goberno sen a dereita.

  Ao mitin do presidente do estado asistiron 1.500 persoas. Tamén onte a manifestación constitucionalista convocada por Paco Vázquez e coa presencia de Feijóo reuniu a 300 persoas. 

  28 outubro 2019

  O pasado marzo Pedro Sánchez acudiu ao polideportivo coruñés de San Francisco Xavier como líder da segunda forza en número de escanos no Congreso e presidente do Goberno de España dende había apenas dez meses en virtude da moción de censura que desbancara a Mariano Rajoy. Naquel mitin do PSOE, marcado pola protesta de persoal de Alcoa no exterior, Sánchez apelara a construír unha "maioría parlamentaria" pola esquerda que permitise continuar a reversión dos recortes e ir alén con medidas como a lei de eutanasia.

  Os socialistas apelan a "saír votar coa mesma forza que en abril" para garantir un goberno da "única forza serea" que afasta "radicalismo e extremismo", dixo Sánchez

  Este domingo Sánchez regresou ao mesmo escenario. Volveu ser presentado por Inés Rey, daquela candidata e agora alcaldesa da cidade, quen advertiu que ten unha longa axenda de peticións ao Goberno de España para as que, di, cómpre que o PSOE continúe na Moncloa. Hai que "saír votar coa mesma forza que en abril", pediu Rey para apelar á mobilización do electorado que no 28A tornou os socialistas en primeira forza no conxunto do Estado e, por primeira vez na súa historia, tamén en Galicia.

  Entre os ecos da exhumación de Franco, que Sánchez reivindicou como "unha vitoria de todos demócratas", o líder socialista repasou os elementos que ao seu xuízo caracterizan a PP, Ciudadanos, Podemos e Vox para concluír que, sobre "o mar de siglas", as únicas que serven para "avanzar" son as do "PSOE". Nin o "espantallo" da gran coalición que axita Pablo Iglesias, acusou, nin un Casado que agora se presenta como "moderado" porque "xa non me chama felón", ironizou. "O único partido que pode garantir un goberno forte é o PSOE", conclúe.

  O líder do PSOE asegura que o seu Goberno vai seguir "cumprindo con Galicia" en eidos como o AVE ou o futuro da térmica das Pontes e, "dentro de pouco", en colaboración "cun presidente da Xunta como Gonzalo Caballero"

  Co pano de fondo da situación en Cataluña, Sánchez di garantir algo máis. Se hai que "afastar o radicalismo e o extremismo" o que cómpre é "unirnos en torno á única forza serea que pode garantir convivencia, concordia, paz e liberdade" porque propón -por esta orde, enfatizou- "lei e diálogo". Por iso tampouco serviría un goberno de coalición con Podemos no que "a metade queira defender a orde constitucional" e "outros digan que a sentenza non hai que acatala e hai presos políticos".

  Se o 10N recunca como máis votado, asegura, o seu goberno tamén seguirá "cumprindo con Galicia", xa sexa "co AVE" ou co futuro da térmica das Pontes porque "defendermos, apoiaremos as zonas que están sufrindo o cambio de modelo enerxético" na "loita contra o cambio climático". E todo isto farao, augura, tras "gañar outra vez as eleccións" en Galicia e, "dentro de pouco", en colaboración "cun presidente da Xunta como Gonzalo Caballero".

  O propio Caballero apelara precisamente minutos antes á mobilización necesaria do 10N como preludio da mudanza en Galicia. "Enfronte", advertiu, están "tres dereitas que se suman, chegarán ao goberno". Esa é a principal razón pola que "ningún progresista se pode poñer de perfil". "O único voto útil, que vai chegar ao Parlamento e garante un goberno de esquerdas, que non se vai poñer de perfil cando haxa que elixir presidente" é o do PSOE, proclamou o líder do PSdeG.

   Manifestación en apoio da Constitución en María Pita.

  Vázquez e dous ex-deputados da UCD convocaron a concentración na Coruña cadrando coa mobilización contra o independentismo desenvolvida en Barcelona por Societat Civil Catalana

  Este domingo o colectivo Societat Civil Catalana convocou unha manifestación contra o proceso soberanista catalán que xuntou en Barcelona unhas 80.000 persoas, segundo a Garda Urbana da capital catalá -cifra que a organización eleva a 400.000-. Foi apenas vinte e catro horas despois de que os colectivos independentistas se mobilizasen convocados pola ANC e Òmnium para reclamaren a liberdade dos dirixentes condenados polo Supremo, reunindo no seu caso arredor de 350.000 persoas segundo a Garda Urbana -colectivos participantes falaron de 750.000-.

  O que fora alcalde da Coruña polo PSOE, Francisco Vázquez, quixo facer cadrar a mobilización de Barcelona con outra na cidade que gobernou, convocada por el mesmo xunto con Nona Inés Vilariño e José Manuel Couceiro, que foran deputados pola UCD tras as primeiras eleccións democráticas despois do franquismo, en 1977, nas que Vázquez lograra escano daquela como socialista. Tratábase, anunciaran, de defender a unidade de España, a Constitución e aos "cataláns constitucionalistas".

  Mentres, nun polideportivo situado a apenas media hora a pé, Pedro Sánchez enchía xunto á cúpula do PSdeG o aforo previsto para o seu mitin preelectoral na cidade, Vázquez congregaba arredor de medio milleiro de persoas na Praza de María Pita. Entre os que acudiron á súa chamada, múltiples cargos do PPdeG encabezados polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que acudiu acompañado pola líder local do partido, Beatriz Mato. Tamén asistiron, entre outros cargos do PP e da Xunta, a conselleira Ethel Vázquez, o ex-conselleiro e concelleiro en Ferrol José Manuel Rey Varela ou o deputado Gonzalo Trenor.

  Vázquez alertou contra os que "queren romper España" e axitando unha bandeira española, pediu defender esta enseña como "a nai de todas as bandeiras", na que "está a nosa honra" e "a honra dos nosos antepasados"

  A presenza de Feijóo "como un cidadán máis" foi explicitamente agradecida por Vázquez no seu acendido discurso. O que fora embaixador de España ante a Santa Sé cargou contra "os que queren dividir os españois" e apelou aos "partidos constitucionais" a actuaren porque "cada vez temos menos tempo" para afrontar "problemas" como "unha educación que se manipula e terxiversa". O problema son, ao cabo, "os que queren romper España", dixo.

  Críticas implícitas á lei da memoria histórica -hai que "deixar a guerra civil nas bibliotecas", proclamou- combináronse no discurso de Vázquez cunha chamada a defender a Constitución, "o máis grande de todos os libros" e advertencias sobre que "aquí non hai presos políticos", senón "delincuentes" encarcerados "pola sedición e a rebeldía". No seu discurso pediu ademais agarimo para os axentes de Policía feridos en Barcelona durante os disturbios da pasada semana, un deles presente no acto.

  Cómpre, proclamou entre aplausos, defender a bandeira de España, a "nai de todas as bandeiras" porque nela "está a de Cataluña, a de Galicia, a de Andalucía, a de Castela". Axitando unha enseña española, Vázquez clamou que "nesta bandeira está a nosa honra, a historia do noso país, a honra dos nosos antepasados". "Saibamos responder a ela!", pediu.

  Derivado de Praza

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados