E-distrito

Noticias

Naturgy deslocaliza o servizo de atención telefónica que prestaba desde Galicia

Naturgy deslocaliza o servizo de atención telefónica que prestaba desde Galicia

  A empresa prescinde do persoal en Galicia; os usuarios serán atendidos desde Reus e Colombia. A atención en galego tamén se verá comprometida.

  05 novembro 2019

  En dez días, os usuarios de Naturgy deixarán de ser atendidos por teléfono desde Galicia no caso de que chamen por calquera causa a atención ao cliente. Contestaranlles desde Reus (Catalunya) e Colombia, segundo denuncia o comité de empresa de Unitono, en Ourense, desde onde 130 persoas prestan este servizo que será "deslocalizado" o vindeiro 15 de novembro. 

  Será un novo desmantelamento no sector do telemárketing, con fonda implantación en Galicia e cada vez con máis empresas ameazadas por deslocalizacións como as denunciadas en Naturgy ou en R. A eléctrica xa rescindiu o pasado agosto o seu contrato con Teleperformance, na Coruña, onde só mantén un pequeno servizo para atender as averías relacionados co gas. O 15 de novembro, segundo denuncia o comité, "todo desaparecerá" logo de moitos anos (dez no caso de Unitono), con 130 empregos, a maioría indefinidos, en risco. 

  "É unha decisión empresarial e económica de Naturgy, para aforrar custos a costa do servizo aos clientes e dos postos de traballo", di desde o comité de empresa de Unitono Mirian Varela, que lembra que a empresa, mesmo en conversas coas administracións, destacou sempre a calidade do traballo e o bo facer do persoal en Galicia. 

  Naturgy acusa a Unitono, o seu provedor en Ourense: "A decisión de deslocalizar é exclusivamente súa"

  Preguntada pola súa decisión, Naturgy acusa a Unitono, da que di que "fixo unha proposta á empresa para cubrir as necesidades de volume de traballo" da compañía. Xa que logo, insiste, "a decisión de deslocalizar é exclusivamente" desta empresa, "non de Naturgy" que, segundo asegura, "mantén a calidade do servizo 24 horas e sete días á semana tanto en español como en galego". 

  O comité de empresa nega con rotundidade a versión de Naturgy e pregúntase "se tamén foi decisión de Teleperformance rescindir o seu contrato coa compañía en agosto". Ademais, e aínda que ata o 15 de novembro poida haber algún servizo en galego, Varela advirte de que "xa non será posible a partir dese día", polo menos completamente, e por unha simple razón: entre a nova plataforma de Reus e o persoal que desde Colombia realizará os traballos, un máximo de dúas persoas poden atender en galego. 

  Quedan agora no aire 130 postos de traballo, máis da metade deles prestando servizos en exclusiva a Naturgy. Unitono aínda non especificou que vai facer con ese persoal, se vai ser recolocado ou, directamente, despedido, polo que o comité pídelle "que aclare xa que vai pasar".

  A decisión deixa no aire 130 postos de traballo, a maioría deles indefinidos

  Ademais, reclama á cidadanía "que tome conciencia e denuncie, mesmo a través de cartas dirixidas a Naturgy, a súa política de agresividade empresarial que a está a conducir, despois de moitos anos explotando os recursos naturais de Galicia, a levar agora o traballo fóra da UE cos datos de todos os clientes".

  Tal e como advirte Mirian Varela, a decisión de Naturgy de deslocalizar a inmensa maioría dos servizos en Colombia responde fundamentalmente a dúas razóns: "Os salarios son moito máis baixos e a lexislación permite incumprir determinadas normas en relación coa protección de datos ás que si están obrigados na UE". No caso dos postos de traballo que serán cubertos en Reus, advirte de que "mentres en Galicia o 90% dos contratos eran indefinidos, alí serán de obra e temporais". 

  Para a representación do persoal, hai tres responsables da actual situación. O primeiro, din, Naturgy, "por prescindir do servizo actual de atención ao cliente co único fin de  aforrar custos, aínda que sexa a costa da proximidade ou da calidade". Ademais, lembran que malia as demandas da Xunta ou da Deputación de Ourense, a eléctrica continúa sen contestar ás administracións sobre os seus plans de futuro en Galicia. 

  O comité de empresa de Unitono acusa a Xunta de "mirar cara a outro lado en vez de poñer enriba da mesa as medidas para frear estas estratexias empresariais"

  En segundo lugar, acusan a Xunta que, "como se está a ver noutras empresas e sectores, mira cara a outro lado en vez de poñer enriba da mesa as medidas necesarias para frear este tipo de estratexias empresariais". "Mentres as administracións non tomen medidas para evitar que as emrpesas poidan usar o emprego e os dereitos dos consumidores, non se arranxará nada", di Varela, que cre que "se as compañías prestan na UE os seus servizos, debería ser na UE onde tivesen tamén a atención ao cliente, non só por proximidade, senón pola aplicación da lexislación comunitaria no ámbito laboral e de protección de datos". 

  Ao tempo, o comité de empresa tamén acusa a Unitono "por non ser quen, en dez anos, de captar novos clientes que evitarían a situación actual". Sexa como for, pide que "a atención aos clientes de Naturgy en Galicia se dea con calidade no servizo e coa opción de que esta sexa en galego" e advirten dunha estratexia de "deslocalización total e absoluta" da eléctrica e doutras empresas no país, sen resposta ningunha por parte das administracións.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados