E-distrito

Noticias

11.000 científicos declaran a Emerxencia climática global

11.000 científicos declaran a Emerxencia climática global

  Os científicos (pertencentes a 153 países diferentes) insisten en que é unha obriga ética dos investigadores advertir do sufrimento que nos espera de non corrixir a situación.

  07 xaneiro 2019

  Máis de 11.000 científicos de todo o mundo advertiron hoxe que é inevitable “un sufrimento humano enorme” a menos que haxa cambios radicais na actividade humana para reducir as emisións de dióxido de carbono e outros factores que contribúen ao cambio climático.

  “Os científicos teñen a obriga moral de advertir á Humanidade sobre calquera grande ameaza. Baseándonos na información que temos, está claro que encaramos unha emerxencia climática”, dixo Thomas Newsome, da Universidade de Sydney, en Australia, nun artigo que publica a revista BioScience.

  Os científicos analizaron a información recollida e publicada durante máis de 40 anos sobre o uso da enerxía, as temperaturas na superficie terrestre, o crecemento da poboación, a extensión de cultivos, a deforestación, a perda de xeo polar, os índices de fertilidade, as emisións de dióxido de carbono e o produto interior bruto das nacións.

  Desde a Primeira Conferencia sobre Cambio Climático, celebrada en Xenebra (Suíza) en 1979, os científicos que participaron en asembleas similares que salientaron a ameaza do cambio climático e advertiron aos gobernos e ás corporacións sobre a necesidade de adoptar medidas para moderalo.

  O artigo, que se enfoca nas accións para reducir o dano que causa o cambio climático, inclúe indicadores que os investigadores describen como “sinais vitais” relacionados con ese cambio e as áreas que requiren unha acción global inmediata.

  Algúns deses indicadores da actividade humana son positivos, como a diminución dos índices de natalidade e a incorporación crecente de fontes de enerxía renovables. Pero a maioría dos indicadores amosan un panorama sombrío, incluída a crecente poboación de gando para consumo humano, a perda de bosques e as emisións de dióxido de carbono.

  Os autores expresaron a súa esperanza de que estes “sinais vitais” orienten aos gobernos, ao sector privado e ao público en xeral a “comprender a magnitude desta crise, vixiar os progresos que se logren e reacomodar as prioridades para paliar o cambio climático”.

  A declaración aparece hoxe asinada por científicos de 153 países na revista Bioscience

  Estas metas “requirirán transformacións enormes no xeito como funciona a nosa sociedade global e a súa interacción cos ecosistemas naturais”, sinala a declaración.

  Os científicos asinantes salientaron seis obxectivos: reforma do sector enerxético, redución dos contaminantes de curta duración, restablecemento dos ecosistemas, optimización do sistema de alimentación, o establecemento dunha economía libre de dióxido de carbono e unha poboación humana estable.

  A pesar da amplitude das súas preocupacións e a magnitude dos esforzos que reclaman, os científicos expresaron certo optimismo ao mencionar “un recente aumento da atención da opinión pública cara este problema”.

  “Os escolares fan folgas. Os tribunais procesan demandas por dano ambiental. Os movementos cidadáns piden cambios e moitos países, estados e provincias, cidades e empresas responden”, engadiron. Para solucionalo é necesario tomar medidas correctoras, pero tamén aprender a cuantificar os danos.

  Por iso, outros dos investigadores detrás deste traballo, o doutor Thomas Newsome, engade que é preciso “monitorear un conxunto máis amplo de indicadores, que inclúen o crecemento da poboación humana, o consumo de carne, a perda da cuberta arbórea, o consumo de enerxía, os subsidios aos combustibles fósiles e as perdas económicas anuais por fenómenos meteorolóxicos extremos”.

  A declaración destes máis de 11.000 científicos procedentes de institucións de investigación de 153 países chega só unhas horas despois de que o presidente Donald Trump anunciase a saída dos Estados Unidos do Tratado de París asinado no 2015 para conter a crise climática.

  Para consultar a declaración: Bioscience

  Derivado de GCiencia

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados