Tres escanos menos. É o balance que tira o PSOE da repetición das eleccións xerais. Os de Pedro Sánchez saen deste 10 de novembro con 120 escanos no Congreso, un menos dos que lograran o pasado 28A, e un nivel de voto moi semellante. Os socialistas afrontan un escenario para intentar a formación de goberno aínda máis complexo que o de hai medio ano fronte a unha dereita á alza: o PP medra unha vintena e a extrema dereita de Vox substitúe a Ciudadanos como terceira forza da Cámara Baixa, con 52 escanos, mentres os de Rivera sofren un forte devalo e fica en 10.
O PSOE quedou lonxe do seu gran obxectivo na repetición electoral: fortalecer a súa posición no Congreso e simplificar o xogo de alianzas. Pola banda esquerda, Unidas Podemos e as súas confluencias perden sete escanos e fican en 35 e esa baixada non se compensa coa entrada do partido de Íñigo Errejón, Más País, que queda en 3. Deste xeito, un pacto pola esquerda para a investidura requiriría, indispensablemente, da participación de forzas soberanistas ás que agora se suma o BNG, cun escano pola Coruña.