E-distrito

Noticias

Pedro Sánchez preside xa o primeiro goberno de coalición dende a Segunda República

Pedro Sánchez preside xa o primeiro goberno de coalición dende a Segunda República

  O presidente a PP e VOX: "Teñen dúas opcións: seguir indefinidamente na perrencha ou aceptar o resultado"

  07 xaneiro 2020

  Non houbo sorpresas de última hora, nin sustos, nin tamayazos, a pesar dos chamamentos realizados dende os grupos de dereita (que en todo caso xa foran acalados por algúns dos deputados que decidiran absterse, como EH-Bildu, que aseguraran que, de producirse, optarían por votar a favor). Pedro Sánchez, á espera da súa toma de posesión este mércores, foi elixido Presidente do Goberno por 167 votos a favor e 165 votos en contra, como estaba previsto, repetindo todos os grupos a votación do pasado domingo. 

  O novo presidente xurará o seu cargo este mércores, o xoves farano os novos ministros e o venres prevese o primeiro Consello, que adoptará as primeiras medidas

  Sánchez dirixe xa o primeiro Goberno de coalición en España dende a Segunda República, un executivo no que PSOE e Unidas Podemos compartirán responsabilidades. O novo presidente xurará o seu cargo este mércores, o xoves farano os novos ministros e ministras e o venres prevese o primeiro Consello, que previsiblemente adoptará as primeiras decisións presentes no pacto entre as dúas formacións.

  Foi, unha vez máis, un pleno tenso, inzado de exabruptos e insultos por parte dos grupos da dereita e a extrema dereita, de VOX a PP, pasando por Ciudadanos. Antes, no seu discurso de investidura, Pedro Sánchez dirixírase a eles: "vostedes tensionaron a situación para ver se por algún lado aparecía algunha nova oportunidade, non o conseguiron. Vai gobernar unha coalición progresista porque así o quixeron unha maioría de españois e así o decidiu unha maioría nesta Cámara". "Teñen dúas opcións: seguir indefinidamente na perrencha ou aceptar o resultado", sinalou.

  Pedro Sánchez a PP e VOX: "Teñen dúas opcións: seguir indefinidamente na perrencha ou aceptar o resultado"

  Sánchez defendeu o programa de reformas progresistas do Goberno de coalición: "Levamos 40 anos de democracia. Xa antes chegaron dereitos, como o divorcio, o aborto, o matrimonio homosexual... Ninguén se viu obrigado a exercelos. Simplemente deron máis liberdade aos que optaron por exercelos". E rematou citando a Manuel Azaña, presidente da Segunda República, unha mención que xa fora empregada por Rajoy en 2017 pero que desta volta foi recibida con berros por parte dos deputados e deputadas de VOX e PP. 

  "Comprobarase o que non debeu ser descoñecido. Todos somos fillos do mesmo sol e tributarios do mesmo río. Suban a esta tribuna e expoñan unha visión alternativa do programa. Non contribúan coas súas palabras a que a convivencia se resinta", dixo Sánchez, que rematou citando de novo a Azaña: "Ninguén ten o dereito de monopolizar o patriotismo", a mesma cita empregada por Zapatero no ano 2007.

  Casado e Abascal fixeron referencias ao rei Felipe VI e o líder de VOX afirmou que "este Goberno goza do beneplácito de ETA"

  Nas súas intervencións, PP e VOX competiron por elevar máis o nivel de insultos e a tensión. "Quero empezar reivindicando a Constitución e a máxima autoridade do Estado, o noso Rei Felipe VI", dixo Casado, unha mención ao monarca que repetiu Santiago Abascal. En ambos os dous casos, as referencias foron respondidas por "vivas" ao rei por parte dos deputadas e deputados destes grupos.

  Casado acusou a Sánchez de "mentir" durante a campaña electoral ao non anunciar que formaría o "Goberno máis radical da historia". "Tivemos que presenciar unha chantaxe en directo dun partido cuxo líder está no cárcere", engadiu Casado en referencia a ERC. A líder de Ciudadanos, Inés Arrimadas, demandou en varias ocasións que algún deputado do PSOE rachase a disciplina de voto, para facer fracasar a investidura.

  De igual xeito o líder de VOX afirmou dende o estrado que "este Goberno goza do beneplácito de ETA", despois de iniciar a súa intervención enunciando varios casos de violacións grupais, das que acusou a grupos de estranxeiros. Semella que PP e VOX preparan unha lexislatura de mobilizacións na rúa e ambiente político tenso, semellante ao que xa a dereita puxo en práctica en 2004 durante o primeiro mandato de José Luis Rodríguez Zapatero.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados