E-distrito

Noticias

O Goberno do PSOE e Unidas Podemos bota a andar coa suba das pensións

O Goberno do PSOE e Unidas Podemos bota a andar coa suba das pensións

  Suben un 0´9 % e o goberno comprométese a que se a inflación é superior, os pensionistas recibirán a diferenza nun único pago antes do mes de abril, como o ano anterior.

  15 xaneiro 2020

  O que dende 2015 fora presentado como un acordo imposible materializouse de vez este martes, 14 de xaneiro de 2020, no madrileño Palacio de La Moncloa. O Goberno do PSOE e Unidas Podemos celebrou o seu primeiro Consello e na cabeceira da mesa sentou Pedro Sánchez flanqueado por Carmen Calvo, vicepresidenta primeira, e Pablo Iglesias, vicepresidente segundo. 

  Alén dos xestos, o primeiro Consello serviu para dar luz verde á suba das pensións nun 0,9%, o incremento previsto para o IPC, medida que o Goberno en funcións adiara e o PP sinalara como unha "conxelación"

  Tras o ritual da chegada con cadansúas carteiras e a foto de familia, ministras e ministros de ambas formacións tiveron a primeira xuntanza do máximo órgano do Executivo estatal, que de agora en diante se reunirá os martes e non os venres, segundo confirmou despois Sánchez en rolda de prensa. Todos os membros do Consello recibiron unha carta do presidente socialista, que os animou a poñerse "mans á obra, sen tempo que perder" e a teren en conta que "o goberno de coalición do Partido Socialista e de Unidas Podemos é xa o Goberno progresista de España" que nace "cun propósito firme de unidade", subliña.

  Alén dos xestos, o primeiro Consello serviu para dar luz verde á suba xeral do 0,9% das pensións de xubilación, isto é, a previsión de IPC ao peche do ano, como comunicou Sánchez en rolda de prensa e recolle eldiario.es. Aínda que o incremento tardará un pouco en plasmarse nas contas bancarias dos pensionistas, aplicarase con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro. Dende finais de ano o PP en xeral e o PP galego en particular teimaran en que o Goberno do PSOE "conxelara" as pensións porque adiara a suba ata deixar de estar en funcións.

  Agora as dúbidas pasan por concretar cal será o aumento das pensións máis baixas para este exercicio, que Sánchez non concretou na súa comparecencia

  Pedro Sánchez precisa que, "como ocorreu na súa pasada lexislatura", a medida aprobada este martes para a poboación pensionista inclúe un compromiso adicional: se finalmente a inflación é superior ao 0,9%, os pensionistas recibirán a diferenza nun único pago "antes do mes de abril" co axuste para que non perdan poder adquisitivo. Este pago é o que se coñece popularmente como "a paguiña", que se aplicou este 2019 e supuxo de media uns 13 euros máis na nómina dos pensionistas.

  Unha vez aprobada por decreto esta suba, agora as dúbidas pasan por concretar cal será o aumento das pensións máis baixas para este exercicio, ao que non se referiu Sánchez na súa comparecencia. O ano pasado, as pensións incrementáronse de maneira xeral nun 1,6% (1,7% finalmente co devandito axuste da paguiña), mentres que as mínimas e non contributivas ascenderon un 3%

  Medidas coma esta, de corte social, estarán xunto ao diálogo con Catalunya encabezando a axenda do novo Goberno. No que atinxe a esa axenda social, Sánchez eludiu a preguntas da prensa concretar un calendario preciso de aprobación. "Paso a paso", foi a súa resposta á pregunta de cal é o plan do Executivo respecto dalgunhas das iniciativas que estableceu como prioridades, como a suba do Salario Mínimo Interprofesional -do que dependerá o incremento das pensións máis baixas-, a Conferencia de Presidentes, ou a presentación do teito de gasto, que Sánchez pretendía levar ao Parlamento en xaneiro, informa eldiario.es.

  Algunhas destas medidas dependen da aprobación duns Orzamentos Xerais do Estado para os que tampouco quixo fixar unha data. En calquera caso, ese documento orzamentario será clave para que a lexislatura dure catro anos. Ou, como ilustrou o líder socialista, "1400 días". "Evidentemente un dos obxectivos do Goberno son os orzamentos sociais", dixo, nun contexto no que, afirma, quere cumprir cos obxectivos de estabilidade orzamentaria fixados pola UE, pero previa renegociación do 1,7% fixado como marxe de déficit.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados