En 1942 un grupo de empresarios afíns ao Franquismo impulsaron a ocupación duns 25.000 metros cadrados de espazo público na zona do Parrote, construíndo alí o complexo de ocioda Solana, que nas décadas seguintes foi ampliado sobre un novo recheo nun espazo gañado ao mar. A titularidade dos terreos, en todo caso, seguiu sendo pública ata o ano 2013. Nese ano o Goberno municipal do Partido Popular decidiu a modificación no PXOM da cualificación dos terreos, que pasaron a ser espazo libre deportivo; de dotacional público a dotacional privado. Unha operación que contou co beneplácito da Autoridade Portuaria e da Xunta de Galicia.
No pasado mandato o Goberno municipal da Marea Atlántica impulsou o retorno dos terreos á titularidade pública, un proceso ao que lle deu continuidade o novo Goberno local. Este xoves o pleno municipal aprobou por unanimidade a modificación definitiva do PXOM para devolverlle a este solo a natureza pública que tiña antes do ano 2013.
No ano 2016 a Autoridade Portuaria da Coruña aprobou (co único voto en contra do Concello) a privatización dos terreos nos que se sitúa a Solana, mesmo incumprindo un acordo previo co Goberno municipal, que aceptara pagar 1,4 millóns de euros (incluídos nos orzamentos dese ano) por este espazo. O Porto estaba en negociacións coa Inmobiliaria Río Mera para a venda deste solo. O pleno municipal pronunciouse nese momento en contra desta privatización, aprobando mocións que só contaron coa oposición do PP. E en maio do ano 2007 unha gran manifestación cidadá rexeitou nas rúas a privatización da fachada marítima da cidade.
O PP argumentou que a titularidade dos terreos da Solana "xa é pública" e nunca deixou de selo