O goberno galego argumenta un problema de falta de pediatras xa resolto; Gonzalo Caballero felicítase de que os galegos obriguen a rectificar a Feijóo.
21 xaneiro 20120
As múltiples versións da Xunta para xustificar o peche da sala de partos do hospital de Verín o pasado decembro chegaron a desconcertar as forzas da oposición galega. Pero non no sentido habitual. Os bandazos do Goberno de Alberto Núñez Feijóo, da teoría da "falta de pericia" do persoal á sentencia sobre que "un parto non é un infarto", pronunciada polo conselleiro de Sanidade, abraiaron ás forzas da esquerda por ser unha cadea de erros nunha área tan sensible como a sanitaria. .
Gonzalo Caballero: "Feijóo xa non toma as decisións; unha nova Galicia arrincona o presidente e empúrrao a rectificar"
Pero a rectificación anunciada a pasada fin de semana non acalmou a situación en Verín. Os recursos habituais da contorna do PPdeG, como as acusacións de manipulación partidaria das mobilizacións, non callaron como noutrora e na vila ourensá segue a reinar a desconfianza entre a veciñanza e tamén entre un persoal sanitario moi molesto con todo o acontecido e con abondosos receos sobre o que está por vir en aspectos como o "consentimento informado reforzado" anunciado por Feijóo para a reapertura do paridoiro. Mentres, as forzas da oposición vense alentadas ao cadrar o acontecido en datas preelectorais.
Tras dous meses de mobilización cidadá, a Xunta informou este sábado de que a próxima semana formalizará “a contratación de dous pediatras” para o hospital de Verín co obxectivo de reabrir o seu paridoiro a comezos de febreiro. A carencia de profesionais foi un dos diversos argumentos que veu empregando o Goberno galego para xustificar a súa decisión de pechar o servizo de atención a partos dese centro a partir do pasado 2 de decembro, comunicada poucos días antes ao persoal.
Agora a Xunta asegura que está a traballar “na redacción do protocolo dos servizos hospitalarios implicados que permita retomar a atención aos partos en Verín, con seguridade e garantías imprescindibles para as nais e os nenos, nos primeiros días do vindeiro mes de febreiro”.
Para o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, é posible afirmar que o acontecido en Verín é "a primeira gran vitoria da maioría social progresista" ás portas da carreira electoral. O tamén candidato socialista á Xunta ve na rectificación do Sergas en Verín unha proba palpable de que "Feijóo xa non toma as decisións, senón que unha nova Galicia arrincona o presidente ata empurralo a rectificar".