E-distrito

Noticias

A Xunta rexeita o proxecto mineiro de Touro cunha declaración de impacto ambiental negativa.

A Xunta rexeita o proxecto mineiro de Touro cunha declaración de impacto ambiental negativa.

  A paralización do proxecto mineiro chega despois de case tres anos de intensas mobilizacións nos concellos afectados.

  29 xaneiro 2020

  A mina de cobre impulsada pola multinacional suíza Atalaya Mining nos concellos de Touro e O Pino non se levará a cabo. A Xunta anunciou este martes a emisión dunha declaración de impacto ambiental negativa con relación ao proxecto, poñendo fin á tramitación ambiental desta iniciativa mineira, iniciada en outubro de 2018. O Goberno galego afirma que a declaración negativa parte "da constatación dunha afección real na zona derivada da actividade proposta" e, ademais, do recoñecemento de que o proxecto "aumentaría a presión hídrica sobre o río".

  A paralización do proxecto mineiro chega despois de case tres anos de intensas mobilizacións nos concellos afectados, pero tamén noutras comarcas do país, nomeadamente na ría de Arousa, outra das zonas que se podería ver máis prexudicada pola mina. Supón, polo tanto, un triunfo da Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino Non, que pelexou no ámbito político, legal e social para evitar a reactivación desta explotación. "Estamos pletóricos, eufóricos. Contentísimos de que, despois de dous anos, por fin se nos dese a razón", dicía unha das súas voceiras pouco despois de coñecer o anuncio da Xunta.

  "Estamos pletóricos. Contentísimos de que por fin se nos dese a razón", dicía unha das súas voceiras pouco despois de coñecer o anuncio da Xunta

  A declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático fai fincapé nun informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que sinalaba que a actividade mineira se desenvolvería "nun espazo próximo a unha Zona de Especial Conservación (ZEC)", sen que quedasen acreditadas "as correspondentes medidas protectoras e correctoras necesarias". Así mesmo, un informe de Augas de Galicia concluía que a actividade mineira "aumentaría a presión hídrica sobre as augas da contorna, non podendo garantir un estado ecolóxico óptimo", sinala o Goberno galego.

  A declaración negativa parte "da constatación dunha afección real na zona derivada da actividade proposta" e, ademais, do recoñecemento de que o proxecto "aumentaría a presión hídrica sobre o río"

  Durante moito tempo o proxecto megamineiro en Touro e O Pino avanzou entre a polémica, o rexeitamento de veciñanza, entidades e formacións políticas e despois da presentación masiva de alegacións ao estudo ambiental. Atalaya Mining, xigante mineiro controlado por unha multinacional suíza, pactou entrar no capital de Cobre San Rafael para reactivar unha antiga mina de cobre situada a 27 quilómetros de Compostela, unha instalación que deixa moi danada a zona, con balsas contaminantes nunca correctamente restauradas. "Non nos poden acusar de alarmistas, o alarmante é o proxecto mineiro de Touro", dicía Rubén Souto, un dos portavoces da plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non.

  Pouco despois de coñecer o proxecto, nacía tamén a plataforma opositora, que dende o ano 2017 impulsou mocións en concellos, levou a cabo concentracións, andainas e manifestacións, como a tractorada que encheu as rúas de Touro en febreiro de 2018 ou a marcha que o 10 de xuño dese ano levou milleiros de persoas á Praza do Obradoiro de Compostela.

  "Tras máis de 30 anos de convivencia coa contaminación herdada da anterior explotación a xente non está disposta a que Cobre San Rafael se apodere de case 500 hectáreas de terreos agrícolas e forestais que son a base produtiva de moitas explotacións agrarias", e tampouco a que "se eliminen 341 hectáreas de masa forestal e 150 de cultivos e vexetación que nunca máis volverán producir", sinalaba a Plataforma.

  Ademais, xunto coa Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, entregou máis de 26.000 sinaturas en papel demandándolle ao Goberno galego que se lle denegase a Atalaya Mining o permiso de explotación da megamina a ceo aberto. As dúas plataformas facían fincapé nos varios informes negativos de técnicos da Xunta, que se opoñían á reapertura da mina de Touro, polos prexuízos que se poderían causar aos acuíferos e aos ríos da contorna e tamén aos salmóns do río Ulla. 

  Augas de Galicia achegou datos analíticos tanto das diversas estacións de control como de mostraxes de verteduras que amosaban a contaminación por metais pesados e alta acidez da práctica totalidade dos cursos de auga que rodean a antiga mina.

  Hai uns meses, igualmente, grupos ecoloxistas e produtores da ría Arousa abriron a vía xudicial contra o proxecto mineiro. Un accidente na mina "sería moito peor que o Prestige", advertía a plataforma, que resaltaba que un eventual sinistro traería consigo verteduras "letais" que chegarían á ría de Arousa en menos de 12 horas.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados