E-distrito

Noticias

Galicia irá a eleccións o 05 de abril.

Galicia irá a eleccións o 05 de abril.

  Feijóo volta a depender do calendario vasco e fai coincidir ambos comicios ao igual que as dúas anteriores ocasións.

  11 febreiro 2020

  Incógnita despexada. O electorado galego estará chamado a renovar a composición do Parlamento o vindeiro 5 de abril. Como nas dúas anteriores ocasións nas que lle correspondeu a responsabilidade de convocar os comicios, Alberto Núñez Feijóo vén de secundar a data elixida polo lehendakari do Goberno vasco e dá por esgotada a lexislatura uns meses antes do previsto para coincidir no 5A. Así o anunciou esta tarde, como avanzara Praza.gal. Faino escasas semanas despois de que o PPdeG reiterase a súa intención de esgotar a lexislatura.

  Como nas dúas anteriores ocasións nas que lle correspondeu convocar os comicios, Feijóo secunda a data elixida polo lehendakari

  Coa cuestión da súa cuarta candidatura á Xunta aínda por despexar -se ben todas as mensaxes que lanzou nas últimas semanas en clave interna e externa apuntan a que recuncará-, Feijóo lanza de vez unha carreira electoral na que o PP ten o reto de reter o Goberno. Ou, o que é o mesmo, de manter unha hexemonía que neste 2020 suporía un fenómeno aínda máis inédito no contexto estatal do que xa o foi en 2016. A campaña comezará o venres, 20 de marzo, e o 5 de maio botará a andar a Cámara elixida nas urnas.

  Na súa comparecencia ante os medios, Feijóo tentou defender a súa decisión argumentando “coherencia” coa súa defensa de evitar que se celebren varias eleccións seguidas, como sucedeu nos últimos anos coas xerais e as municipais. "Nin os galegos nin a Xunta somos responsables desta situación de inestabilidade, ao contrario, o que sempre intentamos desde Galicia foi aportar estabilidade", dixo, para engadir que coñecendo os adiantos en Euskadi e Catalunya decidiu “reducir ao máximo o período electoral para preservar ao máximo a estabilidade”. Outro argumento empregado por Feijóo foi o de que o novo Goberno galego que saia das urnas terá así tempo para preparar os Orzamentos do próximo ano, algo que sería máis axustado se se celebrasen despois do verán.

  Tras unha segunda metade da lexislatura marcada pola mudanza de cor política no Goberno de España e o forte devalo do PP a nivel estatal, erosionado primeiro por Ciudadanos e despois pola extrema dereita de Vox, o PP aspira a manterse nuns niveis de voto en eleccións galegas que non baixan do 45% na media das catro circunscricións dende hai tres décadas, cando na primeira vitoria de Manuel Fraga a súa axustada maioría absoluta chegou tras sumar un 44% dos sufraxios.

  A esquerda volve aspirar a que o PP perda a maioría absoluta e faino cunha prevención engadida: que unha eventual baixada dos populares alén do limiar dos 38 escanos non sexa compensada cun socio pola dereita 

  Entre as múltiples interrogantes que se abren dende agora destaca a vinculada a coñecer se a fragmentación da dereita que caracterizou os últimos comicios xerais chega tamén aos galegos. Non en van, a perda de apoio cidadán que o PPdeG padeceu nas citas electorais de 2019 tivo moito que ver co transvasamento de sufraxios a Ciudadanos e Vox, aínda que a formación daquela liderada por Albert Rivera perdese en novembro os dous escanos no Congreso que logrou en abril e o partido da extrema dereita non chegase a obter representación.

  As formacións da esquerda, pola súa banda, aspiran outra volta a que o PP perda a maioría absoluta e, desta volta, fano cunha prevención engadida: que esa eventual baixada do limiar dos 38 escanos non se vexa compensada coa chegada dun socio pola dereita, Vox, que puidese sustentar un novo Goberno dos populares pero cunha viraxe máis conservadora. 

  No que vai de século, a maioría da esquerda no lexislativo galego só se produciu nunha ocasión e pola mínima, cando en 2005 o PP de Manuel Fraga baixou dos 41 escanos logrados no 2001 ata quedar en 37, dando lugar ao pacto de Goberno de PSdeG e BNG. Cando o Executivo de coalición pasou polas urnas en 2009, o PP logrou arrebatarlle un escano ao Bloque na provincia da Coruña e eses 38 escanos elixiron presidente a Feijóo, que en 2012 e 2016 regresou aos 41 escanos de Fraga no 2001 mentres as bancadas da esquerda experimentaban sucesivas recomposicións, pero sen aumentar a súa representación.

  Tras unha inédita vitoria do PSdeG en Galicia

  As esperanzas das formacións da esquerda galega por lograr un cambio de Goberno en Galicia unha década despois non ollan aos precedentes das anteriores eleccións galegas, senón sobre todo ao acontecido no ciclo electoral que comezou coas xerais de abril do pasado 2019. Daquela produciuse un fenómeno inédito en Galicia: o PP non foi primeira forza política en Galicia por primeira vez  na súa historia e o PSdeG logrou un inédito primeiro posto superando os populares por algo máis de catro puntos.

  Na dupla cita electoral do 26M do 2019, municipais e europeas, o PP ratificou o seu devalo. Na convocatoria ao Parlamento Europeo, o PSdeG volveu gañar en Galicia cunha marxe de case seis puntos sobre os populares. Nas municipais do mesmo día o primeiro posto no conxunto de Galicia foi para o PP, pero superando o PSdeG por apenas cinco décimas. Nas xerais repetidas de novembro, os de Feijóo recuperaron a condición de primeira forza, pero tamén nun práctico empate técnico coa formación que encabeza Gonzalo Caballero.

  O pasado 2019 o PP baixou do 35% dos votos en Galicia por primeira vez en tres décadas

  A esas tendencias do último ano, cun PP por baixo do 35% dos votos en Galicia por primeira vez en tres décadas, apelan as formacións da esquerda galega para confiaren e poder lograr un cambio de Goberno. No PSdeG, con Caballero ratificado como candidato á Xunta dende finais de 2018, confíase en que o impulso de medidas de carácter social do Goberno de España sirvan como impulso ante un Feijóo "esgotado" ao que, cren, a "estratexia de confrontación" co Executivo que encabeza Pedro Sánchez non lle vai ser dabondo para lograr unha nova maioría absoluta.

  No BNG, coa súa líder e candidata ausente da vida pública dende mediados de xaneiro por mor da súa licenza por maternidade, confíase na potencia de Ana Pontón como cartel electoral para ratificar que a organización soberanista está "á alza", reiteran. Neste sentido, o acordo de investidura co PSOE no Congreso foi para o Bloque un balón de osíxeno que, cren, axudará a ampliaren a súa representación no Parlamento e, agardan, seren clave na conformación dunha maioría de Goberno.

  Tanto PSdeG como BNG admiten, non obstante, que unha eventual maioría de esquerdas para gobernar Galicia terá, en calquera caso, unha terceira pata no espazo político representado por Unidas Podemos e as mareas. Neste espazo aínda é unha incógnita tanto a súa fórmula de concorrencia -Galicia en Común conformada só por Podemos e Esquerda Unida, ou tamén con Anova- como a súa candidatura á Presidencia da Xunta. Nas súas expectativas electorais, como nas do conxunto da esquerda, influirá tamén a participación ou non nos comicios de En Marea e, de confirmarse, de se a formación de Luís Villares concorre en solitario ou con alianzas.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados