E-distrito

Noticias

Labregos e gandeiros reclaman a Xunta e Goberno central cambios lexislativos para frear a crise do rural

Labregos e gandeiros reclaman a Xunta e Goberno central cambios lexislativos para frear a crise do rural

  "É xusto que un produtor da Limia cobre apenas 15 céntimos polas patacas que o consumidor merca a 1,25 no supermercado? Nós cremos que non".

  20 febreiro 2020

  O rural está ao límite. Os baixos prezos pagados polos produtos agrícolas e gandeiros, as dificultades para a instalación de industrias de transformación, o desmantelamento dos servizos públicos ou os problemas de comunicación, mobilidade e transporte afondan nunha crise que é económica, pero tamén demográfica. 

  En todo o Estado español labregos e gandeiros están saíndo ás rúas para reclamar dos gobernos medidas efectivas que permitan sobrevivir ao sector primario. De feito, Galicia perdeu a cuarta parte dos empregos no sector primario na última década. Este mércores un grupo de produtores e produtoras concentráronse ás portas da Subdelegación do Goberno central, na Coruña, para esixir un decálogo de medidas, moi semellante ao presentado hai unhas semanas polo Sindicato Labrego Galego e ao defendido por outras organizacións.

  Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, reclamaba este martes que "Goberno central e Xunta deben poñerse a traballar sen demora para impulsar os cambios lexislativos que permitan poñerlle creo á crise do rural", subliñando que "agricultores e gandeiros non poden seguir véndose forzados a vender a perdas, e as administracións deben tomar parte".

  "O rural non pode máis!", "O noso traballo non se regala!" e "Prezos xustos xa!", foron algúns dos berros máis repetidos polos participantes na mobilización. "É xusto que un produtor da Limia cobre apenas 15 céntimos polas patacas que o consumidor merca a 1,25 no supermercado? Nós cremos que non", dicía un dos labregos que interviron.

  Unións Agrarias esixe "que se establezan prezos xustos por lei" e se remate cos "abusos" das industrias, "que se aproveitan do carácter perecedoiro dos produtos do campo para forzar vendas abusivas que non cobren custos"

  As demandas de Unións Agrarias inciden na necesidade de que os produtores obteñan "un prezo xusto que lles permita acadar unha mínima rendibilidade" e o sindicato culpa da actual situación ao "desequilibrio da cadea agroalimentaria, que provoca que as grandes distribuidoras e as industrias sexan poucas e poderosas, e os agricultores moitos e débiles".

  Unións Agrarias esixe "que se establezan prezos xustos por lei" e se remate cos "abusos" das industrias, "que se aproveitan do carácter perecedoiro dos produtos do campo para forzar vendas abusivas que non cobren custos". "A venda a perdas debe vetarse por lei obrigando a introducir índices de custos nos contratos de compra-venda. E estes deben elaborarse atendendo ás especificidades de cada zona produtora, mediante observatorios públicos que, no caso galego, debe impulsar a Xunta", reclama Roberto García

  "Os agricultores e gandeiros deben contar co amparo dun mediador público como o que xa existe noutros países", engade o líder sindical, que tamén tamén demanda que "as sancións para as industrias e distribuidoras que incorran en prácticas abusivas" sexan "exemplares", para que "dunha vez por todas se vete a venda a perdas". "A Lei de Cadea Alimentaria debe cambiar e facerse máis esixente para frear os abusos", engaden. O sindicato esixe finalmente a regulación de ciclos curtos de comercialización, produtos de proximidade e etiquetado en orixe, facilitando que agricultores e gandeiros poidan realizar unha venda directa dos seus produtos. 

  Unións Agrarias subliña tamén a "suba dos custos de produción", que "afoga" a labregos e gandeiros, "afundindo as súas posibilidades de futuro e abocando ao peche a moitas explotacións". E advirte tamén sobre as "barreiras comerciais" que se abren co Brexit ou coa posibilidade de que Estados Unidos impoñan novos aranceis á importación de produtos europeos. E, de igual xeito, alertan sobre os ataques de fauna salvaxe que sofren o gando e os cultivos.

  Roberto García e outros representantes de Unións Agrarias mantiveron un encontro co subdelegado do Goberno, Javier Losada, que se comprometeu "a trasladar a Madrid as súas reivindicacións". Losada sinala que o Executivo é "receptivo" ás demandas de labregos e gandeiros e aposta por que “os custos que chegan ao consumidor sexan transparentes e poidan redistribuírse cara abaixo”.

  O sindicato critica, así mesmo, o "recorte" das axudas europeas, estatais e galegas, nun momento no que "a situación de fraxilidade é tal que obriga a destinar máis fondos para apoiar a un sector estratéxico e clave para o futuro da sociedade". 

  Para rematar, Unións Agrarias fai fincapé no "papel vertebrador da agricultura e da gandería fronte ao despoboamento, aos problemas ambientais e territoriais", incidindo na capacidade de labregos e gandeiros para xestionar o entorno de xeito eficiente e para loitar contra o cambio climático. 

  "É moi bonita a paisaxe que temos nas nosas montañas para ir as fins de semana a sacar unha foto. Pero sen agricultores e gandeiros esa paisaxe non se conserva, temos que estar os agricultores e gandeiros nesas montañas", destacou outro dos labregos que interveu, que engadiu: "somos, ademais, os mellores bombeiros que existen nesa montaña: sen agricultores e gandeiros todo iso pode ser pasto do lume en pouco tempo".

  Ademais, chaman a un "empoderamento dos agricultores e gandeiros", pois "somos un actor clave no futuro da sociedade, pero non somos valorados como tal". "Sen as persoas que cada día traballan no noso medio rural avanzará o despoboamento, e é preciso que o conxunto da sociedade comprenda e valore ese papel", conclúen.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados