E-distrito

Noticias

A Coruña/ Breogán Park, o substituto do Dolce Vita, abrirá en 2022

A Coruña/ Breogán Park, o substituto do Dolce Vita, abrirá en 2022

  Cun investimento de 80 millóns, os promotores estiman que xerará un milleiro de empregos estables na Coruña.

  03 marzo 2020

  A construción de Breogán Park, o parque comercial que se levantará na parcela do Dolce Vita no polígono coruñés da Grela, arrincará nos próximos meses e a previsión é que, unha vez aberto, xere un milleiro de empregos estables. Así o explica Pelayo Capital, a sociedade coruñesa dirixida por Íñigo Veiga que impulsa o proxecto cun investimento de 80 millóns de euros. Aínda que a folla de ruta inicial situaba a inauguración o próximo ano, atrásase a inicios de 2022 polos trámites burocráticos á vez que o custo revisouse á alza en 20 millóns ao subir en calidades".

  Situado a un quilómetro escaso de Marineda City, Breogán Park é o primeiro proxecto de transformación completa dun centro comercial en España. Os seus promotores destacan que se trata dun "exemplo único de rexeneración urbana ao reutilizar unha parcela no maior parque empresarial" da comunidade, "transformando un edificio sen uso e dotando de maiores servizos" aos 20.000 empregados do polígono e visitantes. O family office incide en que non suporá unha competencia para o comercio de barrio, senón que "complementará" a súa oferta cuns establecementos que, "polo seu formato e tipo de operadores, non é posible implantar no centro" da Coruña.

  O proxecto —que conxuga o concepto de tenda e o de almacén loxístico para atender a venda online— dará cabida a locais de restauración, lecer, ximnasio, espazos de coworking, trasteiros e aparcadoiros para abonados. A firma avanza que xa se asinaron contratos "a longo prazo" con operadores e estima que a obra xerará "uns 300 empregos".

  Pelayo Capital informou este luns de que a Xunta outorgoulle a autorización comercial autonómica, "un rigoroso trámite integrado", que inclúe os informes do Concello, mobilidade, acústico, xestión de residuos, certificación enerxética, ordenación do territorio e accesibilidade, estudo ambiental e o trámite de información pública.

  Lastrado pola competencia de Marineda City, que cunha potente oferta comercial abriu en 2011, Dolce Vita pechou en xaneiro de 2014. Os terreos eran propiedade da inmobiliaria Chamartín, que impulsou o que no seu día foi o maior centro comercial de Galicia co grupo portugués Amorim e terminou en concurso de acredores.

  Derivado de Galiciae.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados