E-distrito

Noticias

Morre un home en Lalín tras esperar máis de media hora unha ambulancia.

Morre un home en Lalín tras esperar máis de media hora unha ambulancia.

  Para atender a urxencia desprazouse unha ambulancia desde Chantada, a uns 40 quilómetros, porque as dúas da zona estaban ocupadas.

  Hai menos de cinco meses un paciente faleceu en Dozón, na mesma comarca, despois de esperar 46 minutos a que chegase a ambulancia

  04 marzo 2020

  Un home faleceu este luns en Lalíndespois de esperar 36 minutos por unha ambulancia que se tivo que trasladar desde Chantada para o atender, debido a que as dúas asistenciais coas que conta a comarca do Deza estaban ocupadas. O paciente foi levado ao PAC de Lalín, onde morreu.

  O 061 confirmou que recibiu unha chamada ás 21:09 horas deste luns na que se solicitaba atención para un home de 74 anos da parroquia lalinense de Catasós, que padecía varias patoloxías e cuxo estado fora empeorando nas últimas semanas. Un médico coordinador ocupouse do caso e mobilizou "a ambulancia de soporte vital básico máis próxima", que era a que se atopaba no concello de Chantada, a uns 40 quilómetros de distancia. O centro urbano de Lalín está a uns cinco quilómetros do lugar onde estaba o home.

  As ambulancias asistenciais que se ocupan da comarca do Deza, unha con base en Lalín e outra en Silleda, estaban nese momento trasladando pacientes no Hospital Clínico Universitario de Santiago. Un terceiro vehículo con base en Lalín, que non ten a categoría de asistencial, estaba xa fóra do seu horario de funcionamento, que conclúe ás 20:00 horas.

  Esta é a segunda morte nunha situación semellante na comarca en menos de cinco meses, despois da ocorrida a mediados de outubro de 2019 en Dozón. Daquela, un home tivo que esperar 46 minutos a que unha ambulancia se desprazase ao campo da festa da parroquia de Sisto, onde o só se puido confirmar o falecemento. Algo máis dun ano antes, en agosto de 2018, outra persoa morreu no PAC da Estrada mentres esperaba a ser atendido. O equipo de garda tivera que saír para ocuparse dunha urxencia.

  Hai menos de cinco meses un paciente faleceu en Dozón, na mesma comarca, despois de esperar 46 minutos a que chegase a ambulancia

  No caso acontecido en Lalín, 17 minutos despois da primeira chamada o estado do paciente empeorou e o médico deu á contorna do doente instrucións sobre como actuar ata que chegase a ambulancia, o que ocorreu 19 minutos despois. Neste punto "o paciente respira con normalidade" e "ten unha diminución do nivel de conciencia", segundo o relato do 061. Foi trasladado ao PAC de Lalín, onde o equipo de garda estaba xa advertido da situación, e finalmente faleceu no centro sanitario.

  Nese momento o PAC contaba cunha "dotación completa de persoal", integrada por dous médicos, dous enfermeiros e un traballador de servizos xerais. O 061 sinala que non foi ata o empeoramento do home que se comunicou 17 minutos despois de recibir o aviso que o caso pasou a "considerarse unha situación de emerxencia sanitaria".

  A mellora do servizo de ambulancia é unha das demandas da comarca do Deza dende hai anos. Dez días despois do falecemento rexistrado en Dozón, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que habería "unha nova ambulancia no Deza situada en Lalín".

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados