Un home de 49 anos, ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), é o primeiro caso de coronavirus en Galicia. O paciente, residente en Madrid, acudiu o pasado luns á unha do mediodía a Urxencias atopándose mal e con síntomas que podían relacionarse con esta enfermidade, unha pneumonía bilateral nun contexto clínico de infección vírica.
Non procedía de ningunha das zonas de risco, pero o tipo de pneumonía que presentaba obrigou á adopción de medidas especiais. Así, remitiuse unha mostra ao Centro Nacional de Microbioloxía de Majadahonda para confirmar ou descartar a doenza. Este mércores ao mediodía vén de ser confirmada a presenza do coronavirus.
O doente, que se atopa illado dende o luns, foi probablemente contaxiado en Madrid, dende onde viaxou á Coruña nun coche compartido para acudir a unha entrevista de traballo. O paciente, que non presentaba patoloxías previas, atópase grave pero estable e non se atopa ingresado na UCI, senón nunha unidade hospitalaria convencional. Os responsables do CHUAC destacan que o seu estado non variou nas últimas 24 horas.
Un total de 11 empregados do hospital que tiveran contacto con el ao atendelo tamén foron postos en illamento nos seus domicilios como medida de protección, en cumprimento dos protocolos acordados co Ministerio de Sanidade. Ningún deles presenta síntomas polo momento.