E-distrito

Noticias

Máis de 150 aves recollidas na costa galega: "Isto é un atentado ecolóxico"

Máis de 150 aves recollidas na costa galega: "Isto é un atentado ecolóxico"

  Segue medrando o número de animais atopados con restos dunha vertedura aínda sen identificar, segundo denuncian entidades ecoloxistas

  06 marzo 2020

  Pasadas as 10 da noite do xoves, despois dunha xornada de procura de aves na zona de Quilmas, en Carnota, Damián Romay, investigador da Universidade da Coruña e membro do Grupo Naturalista Hábitat, era bastante claro respecto á situación que se está vivindo nos últimos días nas costas galegas. “Isto é un atentado ecolóxico en toda regra”, di respecto ás verteduras que provocaron desde a pasada fin de semana a aparición de animais mortos, sobre todo araos papagaios (Fratercula arctica), unha especie en situación vulnerable segundo a Unión Internacional de Conservación da Natureza.

  Á espera de actualizar os datos do informe de seguimento que están realizando Romay e Atocha Ramos, coa colaboración cidadá de máis de 50 voluntarios, e entidades como Adega e Cemma, son xa máis de 150 aves as localizadas con manchas de verteduras, a gran maioría delas mortas, e algunha delas “completamente embebida por esta substancia”. Este xoves, o instituto BDRI, cuxo director Bruno Díaz foi unha das persoas que alertou da situación a comezos de semana, volveu atopar numerosos araos papagaios e outras especies nun percorrido de varios quilómetros entre Raeiros e Penas Negras (O Grove).

  Tal e como xa contaron testemuñas que atoparon animais abeirados nas praias nos últimos días, Damián Romay conta que “á espera de analizar a substancia, parece que se trata dunha especie de pasta que tería que ver coa limpeza das sentinas, que algunha xente identificou como un tipo de parafina; pero noutros casos, sobre todo na zona da Lanzada, apareceu tamén chapapote“.

  A orixe, difícil de identificar polos temporais destes días e a propia complicación de seguir o trazo das verteduras, parece estar nun grupo de buques que aproveitaron o seu paso pola costa galega para limpar os tanques e sentinas, unha práctica ilegal, pero habitual.

  “O número é espectacular”

  Aínda que os achados de aves mortas no inverno son frecuentes, tanto por causas naturais, debido a temporais, como por verteduras puntuais, “o número destes días é espectacular, poucas veces se viu esta magnitude“, expón o membro de Hábitat.

  Segundo Damián, en base a estudos previos realizados en verteduras de moito maior dimensión, como a marea negra do Prestige, estímase que o total de aves mortas nestes episodios que son localizadas representan arredor do 10% do total. “Só aparece unha pequena parte, o resto van cara ao fondo ou non chegan á costa, polo que estariamos falando, con pouca marxe a equivocarnos, de máis de 1.000 aves mortas desde a pasada fin de semana“, expón Damián Romay.

  Ao tempo, desde Hábitat expoñen que, ata o momento, as Administracións están tendo “un papel máis que discreto”, tanto desde a Xunta de Galicia, a través de Medio Ambiente, como desde o Goberno central. GCiencia contactou este xoves, sen obter resposta, con Medio Ambiente, para coñecer os últimos datos sobre a situación, despois de que na xornada do mércores a Consellería informase de que se atoparan algúns animais en varios puntos do litoral, e con restos dunha “substancia aceitosa”, que foron trasladados ao Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe de Oleiros.

  Durante a fin de semana continuará a procura de novas especies coa axuda de voluntarios. “Non sabemos o que nos imos atopar, se xa pasou o pico ou se pola contra vai seguir esta situación”, conclúe Romay.

  Como atender ás aves

  Ante isto, as entidades colaboradoras xa están coordinando ás persoas voluntarias que desexen colaborar para atender ás aves afectadas. Ademais de avisar ao correspondente Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe, 112, Seprona ou Protección Civil, recomendan usar luvas e, unha vez se teña a ave recollida, poñerlle unha goma elástica no peteiro para evitar picadas e limpar as narinas cun trapo húmido para axudalas a respirar mellor.

  A continuación, recomendan envolvela cun trapo vello, colocándolle as ás ao longo do corpo, de forma lonxitudinal para inmovilizalas, evitando tamén que perdan calor. Se é posible, cómpre meter o animal nunha caixa de cartón e agardar as indicacións das entidades correspondentes.


Contactos

  As entidades participantes puxeron a disposición das persoas dispostas a colaborar diversas formas de contacto. Recomendan avisar, en caso de ter dispoñibilidade xeográfica, para cubrir a maior parte do litoral posible:

– Centros de recuperación de aves:
A Coruña: CRFS de Santa Cruz-Oleiros. 981 626241; Lugo: CRFS de O Veral-Lugo. 982 207705; Pontevedra: CRFS de Cotorredondo-Pontevedra. 986 680238; e CRFS de O Campiño. 986 876012.

– Grupo Naturalista Hábitat: ipc@gnhabitat.org

– Adega: 651482305 (María Canedo).

– Cemma: 686989008.

– Número de Emerxencias 112.

_

  Derivado de GCiencia

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados