Galicia, en situación de emerxencia sanitaria. O Consello da Xunta, reunido en sesión extraordinaria na tarde deste venres, procedeu a declarar a situación de emerxencia de interese galego por razóns sanitarias para procurar frear o espallamento de coronavirus e, deste xeito, facilitar que os servizos sanitarios tanto públicos como privados, baixo o mando da Administración pública, poidan atender sen colapsar ás persoas máis vulnerables ante a epidemia do coronavirus. Faino sobre a base da lei de emerxencias do ano 2007.
Bares, restaurantes e cafetarías só poderán prestar servizo de comidas a domicilio ou para consumir na casa; no comercio terán que pechar todos os locais que non sexan de alimentación, así como farmacias, gasolineiras e quioscos
A escasas horas de que o Goberno de España declare o estado de alarma, o Executivo galego decidiu implantar restricións xa en vigor noutras autonomías baseándose en "recomendacións dos organismos internacionais" que "suxiren medidas máis drásticas", en verbas do presidente, Alberto Núñez Feijóo. Ante esta "situación nova e descoñecida", o Goberno galego activa un plan de emerxencias que supón "inevitables restricións e limitacións", a comezar polo peche da práctica totalidade de establecementos comerciais, agás os que subministran produtos alimentarios, así como bares, restaurantes e numerosos centros de lecer. En principio, durante 14 días e segundo as normas ditadas na noite do venres no Diario Oficial de Galicia.
Baixo mando directo da Presidencia da Xunta, o novo centro de coordinación do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia pasará a ter capacidade para decretar confinamentos da poboación, evacuacións ou restricións de accesos. Antes desas eventuais limitacións, a Xunta aplica xa as primeiras: de contado, teñen orde de peche "bares, restaurantes e cafetarías", que só poderán "seguir prestando servizos de envío a domicilio" ou recollida para consumir na casa. Non estarán atinxidos os restaurantes dos hoteis, pero só para a súa clientela.
"No caso das grandes superficies, poderá permanecer aberta a zona que albergue os establecementos de alimentación"