Felipe VI renuncia á herdanza do seu pai e deixa ao monarca emérito Juan Carlos I sen a asignación que até agora percibe dos Orzamentos Xerais do Estado por esa condición. Así o anunciou a Casa Real nun comunicado emitido este domingo tras a información de que Juan Carlos I percibiu 100 millóns de Arabia Saudita a través dunha fundación en cuxo padroado figura o actual xefe do Estado.
Mentres o foco informativo está posto por completo na crise do coronavirus, o o comunicado da Xefatura do Estado lembra as palabras sobre a "exemplaridade" que Felipe VI pronunciou na súa toma de posesión. "En coherencia coas palabras pronunciadas no seu discurso de proclamación e coa finalidade de preservar a exemplaridade da Coroa", di , quere que sexa coñecido publicamente que o seu pai "ten coñecemento da súa decisión de renunciar á herdanza" que persoalmente "lle puidese corresponder". Tamén a "calquera activo, investimento ou estrutura financeira cuxa orixe, características ou finalidade poidan non estar en consonancia coa legalidade ou cos criterios de rectitude e integridade"
No mesmo texto, divulgado este domingo, a Casa Real tamén informa de que afasta da actividade pública ao rei emérito, que nos últimos tempos pasou longas temporadas en Galicia, lonxe da actividade oficial en Madrid. Así, deixará de percibir a asignación orzamentaria que lle outorga anualmente en virtude desa condición e que alcanzou nos últimos exercicios os 194.232 euros ao ano.