E-distrito

Noticias

Alcoa propón pechar a planta de aluminio en San Cibrao e despedir 534 traballadores

Alcoa propón pechar a planta de aluminio en San Cibrao e despedir 534 traballadores

  Aos poucos minutos de coñecerse a nova, Feijóo cargou contra o Goberno central, de quen dixo "tivo máis dun ano para evitar o peche de Alcoa e non o fixo malia ás súas promesas".

  O BNG solicitara unha tarifa eléctrica propia para Galicia (o elevado prezo da electricidade é un dos motivos que segue alegando a empresa para a falta de competitividade) e Feijóo rexeitouna porque "En España non se entendería que en Galicia se pagase menos". O País Vasco sí conta cunha tarifa propia para a súa industria.

  O Vicepresidente do goberno central, Pablo Iglesias, coincide co comité de empresa de Alcoa na posibilidade de nacionalizar a empresa. 

  29 maio 2020

  Un golpe fortísimo para A Mariña e para Galicia. Alcoa acaba de comunicar aos representantes do persoal a súa intención de pechar a planta de aluminio que ten na factoría de San Cibrao, o que supón o inicio do despedimento colectivo duns 540 traballadores e, de confirmarse, un forte impacto na zona polas consecuencias no emprego indirecto e na actividade económica da comarca. 

  A decisión da multinacional norteamericana foilles trasladada este mediodía a membros do comité reunidos en Lugo co presidente da empresa. 

  Só uns minutos despois da reunión coa representación dos traballadores, tamén a nivel europeo en Madrid, Alcoa anunciou nun comunicado a súa intención de "iniciar un período de consultas para un proceso de despedimento colectivo" que "afectaría potencialmente ata a un máximo de 534 empregados da planta de aluminio“, indicou a multinacional, que pretende deixar nesa planta, onde traballan un total de 633 persoas, só unha parte fundición. Supón o despido do 85% do persoal. 

  Alcoa manterá a planta de Alúmina, onde traballan unhas 500 persoas. “A reestructuración prevista na planta de aluminio prevé operar só unha parte dafundición. A produción da planta de alúmina non se verá afectada por este período informal de consultas”, indica a multinacional. 

  Alcoa pretende pechar a planta de aluminio e manter a de alúmina, con 500 traballadores; abre agora un "período informal de consultas" de tres semanas

  A planta de Aluminio que pretende pechar Alcoa pechou o pasado exercicio cunhas perdas duns 50 millóns de euros e as previsións para este ano non eran mellores, unha situación que xustifican polo baixo prezo do metal nos mercados internacionais, os elevados custos enerxéticos e a sobreprodución provocada pola crise sanitaria polo coronavirus. 

  Alcoa propuxo a apertura dun "período informal de consultas" co comité durante as vindeiras tres semanas para explicar a situación da planta e "discutir as opcións e medidas". Uns vinte días que se prevén tamén de presión ao Goberno central na súa intención de mellores condicións que abaraten o prezo da enerxía e ante a inexistencia aínda dun estatuto electrointensivo.

  "O propósito desta consulta informal é poder avanzar cos representantes dos traballadores antes de iniciar un período formal de consultas, que ten uns prazos concretos”, aclara Alcoa, que asegura que non tomará "ningunha decisión" ata que o período de consultas conclúa.

  A empresa norteamericana asegura que “afronta unha serie de problemas externos de produción e de mercado que fixeron que a produción de aluminio primario sexa ineficiente e a operación da planta non sexa competitiva. Eses problemas estruturais inclúen os altos custos de enerxía e o baixo prezo do aluminio que, xunto co exceso de capacidade global, causaron significativas perdas recurrentes, que se prevé que continúen“.

  Ademais, o comité de empresa de Alcoa San Cibrao cualifou a proposta da empresa de "arbitraria e desproporcionada". O seu presidente, José Antonio Zan, cre "vergoñenta" a súa actitude, tamén porque hai aínda unha mesa multilateral aberta sobre o futuro da planta "onde se deben tratar estes temas". "Non é lugar nin momento, polo contexto que vivimos co coronavirus, para facer estas propostas", engadiu. 

  O comité de empresa cre que a nacionalización da planta debería ser "a primeira opción enriba da mesa": "É factible e viable". 

  "Non imos entrar nas cifras, que non aceptamos, o que imos facer é traballar, producir e subministrar aos clientes”. "Se quere marchar, que marche", explicou Zan, que avogou pola nacionalización da planta de aluminio, que ve "factible e viable" e que debería ser "a primeira opción enriba da mesa" para salvar a fábrica e o emprego. E aí chamou á implicación do Estado e da Xunta. Onte, o vicepresidente do goberno central Pablo Iglesias afirmaba que era posible tal nacionalización (en referencia tanto a este caso como ao cese de Nissan en Barcelona).

  “O Goberno central ten un mecanismo que antes non tiña", lembrou o comité, en alusión á autorización da UE a intervir empresas en risco de crise.

  Tensión na antiga planta de Alcoa na Coruña

  Por outra banda, o comité de empresa da antiga factoría de Alcoa na Coruña --vendida primeirao a Parter, que hai un mes a vendeu ao Grupo Industrial Riesgo-- manifestouse este xoves na Coruña cunha caravana de vehículos para reclamar "un proxecto de futuro para a instalación" e pedir ao Goberno central que nomee un xestor que asegure a viablidade da planta mentres non se aclara o proceso de venda do que se descoñecen aínda moitos detalles. 

  Ante estas demandas e as protestas, o Grupo Riesgo reaccionou cun comunicado no que ameaza o persoal "con medidas semellantes" ás tomadas por Alcoa na Mariña ou Nissan en Barcelona. "As continuas accións en contra do proxecto de futuro levadas a cabo polo comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña xeran confusión entre o resto de traballadores", di o devandito grupo, que acusa a representación do persoal de querer "desestabilizar" o plan da compañía "sen ter unha alternativa real a cambio". 

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados