E-distrito

Noticias

A Xunta autoriza a caza de xabarín sen límite de exemplares en 248 concellos para controlar a súa poboación

A Xunta autoriza a caza de xabarín sen límite de exemplares en 248 concellos para controlar a súa poboación

É a terceira vez que se aplica este instrumento, as dúas anteriores sen éxito. Mais esta é a que afecta a un número maior de concellos.

  14 setembro 2023

  A Xunta vén de anunciar a declaración dunha emerxencia cinexética temporal en 37 das 53 comarcas galegas, un total de 248 concellos que abranguen máis do 80% do territorio, co obxectivo de "controlar" a poboación de xabarín. O Goberno galego xustifica a medida "pola presenza e os danos ocasionados" por esta especie, que nos últimos tempos se ven achegando cada vez con máis frecuencia a grandes núcleos de poboación ante a diminución do alimento dispoñible nas zonas rurais.

  A medida, que entrará en vigor este sábado 16 e se estenderá ata o vindeiro 25 de febreiro, permitirá "abater ou capturar sen límite de exemplares xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas de calquera idade" en todos estes concellos. A caza poderá levarse a cabo todos os días e sen autorización previa.

  Así mesmo, nas zonas en situación de emerxencia cinexética temporal será posible abater crías e femias seguidas de crías sempre e cando haxa unha autorización especial previa por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

  É a terceira vez que se aplica este instrumento, pero ata agora a medida non afectara a un número tan grande de concellos. Fíxose por vez primeira no ano 2019 e só 33 termos municipais e a medida volveu aplicarse no ano 2021, desta volta en 198 concello. 

  Será posible abater crías e femias seguidas de crías sempre e cando haxa unha autorización especial previa

  Ademais, sinala a Consellaría de Medio Ambiente, habilítanse nestas zonas "unha serie de ferramentas cinexéticas que contribúan ao control das poboacións do xabaril" como a ampliación dos períodos nos que se pode exercer a actividade cinexética, en xornadas que non estean aprobadas no correspondente plan anual de aproveitamento da tempada 2023-2024 dos tecores, ou a autorización para o uso de medios auxiliares —como visores ópticos, detectores electrónicos de paso ou presenza de animais e cebadoiros de gran ou froitos colocados nos cultivos danados— que favorezan a eficacia e o óptimo aproveitamento cinexético, faciliten a identificación dos exemplares e garantan a seguridade das persoas.

  De igual xeito, nas comarcas con declaración de emerxencia poderase autorizar aos propietarios afectados a realizar agardas ou esperas en terreos de réxime cinexético especial —persoalmente ou mediante terceiros— con autorización do titular do aproveitamento.

  A resolución, que se publicará este venres no DOG, "responde a unha análise pormenorizada e obxectiva das circunstancias actuais en cada comarca derivadas dos avisos por danos á agricultura polo xabaril, dos accidentes de tráfico, da superficie afectada e do censo gandeiro porcino", defende a Xunta.

  A directora xeral de Patrimonio Natural recoñeceu que tras a declaración da emerxencia cinexética de 2021, na tempada 2022-2023 recibíronse no teléfono 012 máis de 4.000 chamadas relacionadas con danos causados por estes animais, case 900 máis que na tempada anterior

  Belén do Campo, directora xeral de Patrimonio Natural, recoñeceu este mércores que aínda que tras a declaración da emerxencia cinexética de 2021 detectouse un descenso do número de avisos polo xabaril, na tempada 2022-2023 recibíronse no teléfono 012 máis de 4.000 chamadas relacionadas con danos causados por estes animais, case 900 máis que na tempada anterior.

  Do Campo salientou "a importancia de combinar medidas como a declaración da emerxencia cinexética e outras reformas normativas e de procedemento adoptadas nos últimos anos, coas liñas de axudas que ofrece a Xunta cada ano para previr e paliar os danos do xabaril".

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados