E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

A bandeira azul ondeará en 113 areais galegos en 2.017.

A bandeira azul ondeará en 113 areais galegos en 2.017.

  A Comunidade sitúase como a segunda do estado con maior número de acreditacións, só superada por Valencia, pese á perda de dez bandeiras respecto a 2.016.

  Recibe un total de 113 bandeiras para os areais de 38 concellos; mantén as 18 para portos deportivos e incrementa a distinción para 15 centros azuis

  Novamente, o Concello de Sanxenxo, con 11 distintivos, repite como o municipio galego con máis bandeiras azuis nos seus areais

  Na provincia da Coruña é o municipio de Arteixo o que máis recoñecementos deste tipo obtén este ano, mentres que na provincia de Lugo é Concello de Foz

  10 maio 2.017

  Galicia mantén a súa posición na clasificación nacional de bandeiras azuis recibidas para os areais galegos, con 113; que se eleva a 131 distincións para praias e portos deportivos; polo que a sitúa na segunda posición no número total de areais que contan con bandeira azul, despois de Valencia con 129 distincións. Deste xeito, a comunidade galega acapara case un 25% (24,3) das 579 bandeiras azuis totais outorgadas en España pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) aos areais, e vai seguida no ranking nacional por Cataluña (95 bandeiras).

  Nesta nova edición, o Concello de Sanxenxo volve repetir posición como o concello galego con máis bandeiras azuis, con 11 praias distinguidas. Na provincia de Pontevedra, destacan tamén o Concello de Vigo, que mantén as 9 acadadas en 2016; e a recuperación da bandeira azul para a praia da A Concheira e A Ribeira, en Baiona; e de Panxón, en Nigrán.

  Na provincia da Coruña é o municipio de Arteixo o que máis recoñecementos deste tipo obtén este ano, con sete; seguido de Boiro, con seis areais distinguidos. Camariñas e Ponteceso volven sumarse á lista de concellos con areais galardoados coa praia de Arou e de Valarés, Ermida e Osme, respectivamente.

  Polo que respecta á provincia de Lugo, Foz é o concello máis recoñecido, con catro galardóns para as praias de Peizá, Llás, As Polas e A Pampillosa.

  Os criterios esixidos para a obtención de bandeiras azuis están relacionados coa calidade das augas, que ten que ser excelente; a seguridade, a completa dotación de servizos, a accesibilidade, a atinada xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e das dársenas.

  Cómpre destacar a primeira posición que ocupa Galicia en canto aos distintivos de sendeiros azuis, xa que suma 26 itinerarios que enlazan praias ou portos con bandeira azul e contribúen ao uso sostible do litoral. 

  Portos deportivos, centros e sendeiros azuis.

  En relación aos portos deportivos, en 2017 Galicia obtén 18 galardóns, dos que oito son das provincia de Pontevedra, outros oito da Coruña e dúas de Lugo. É de destacar que Galicia tamén recibe a distinción para 15 centros azuis, dun total de 71 en toda España. 

  Para acceder ao listado de praias con bandeiras azuis ordeado por concellos e provincias: xunta.gal/notas-de-prensa/

Ver todas as noticias