E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

Prestige/ A saúde esquecida dos voluntarios: risco de cancro e danos respiratorios persistentes.

Prestige/ A saúde esquecida dos voluntarios: risco de cancro e danos respiratorios persistentes.

  Varios estudos realizados sobre o terreo e en anos posteriores amosaron efectos nocivos nas persoas que estiveron limpando o fuel

  17 novembro 2017

  A marea branca dos centos de miles de voluntarios que acudiron a Galicia para limpar chapapote durante meses paliou, en parte, o dano da marea negra do Prestige. O empeño e a solidariedade na loita contra o fuel foron máis fortes, en moitos casos, que a estima pola saúde propia.

  Só nos primeiros dous meses de limpeza, segundo datos da Consellería de Sanidade, máis de 900 persoas que limpaban as praias tiveron que ser atendidas por persoal do Sergas con todo tipo de problemas de saúde, entre os que destacaban a dor de cabeza, irritación farínxea e ocular, dificultade respiratoria e náuseas ou vómitos, pero tamén perda de consciencia, dor abdominal ou irritacións de pel.

  Máis de 900 limpadores foron atendidos por problemas de saúde en só dous meses

  O contacto co fuel preocupaba bastante aos científicos. O CSICpublicou un informe sobre as características químicas da carga do Prestige, no que se mencionaba que a presenza de compostos cualificados como carcinóxenos, como o benzopireno, benzofluorantenos, indeno[123-cd]pireno e outros eran “moi baixas” e “notablemente inferiores ás que presentaba, por exemplo, o fuel do Erika, accidentado na Bretaña en 1999. Detallábase tamén a súa escasa solubilidade e volatilidade, a súa elevada densidade e viscosidade a a prolongada persistencia no medio.

  Afortunadamente para o ecosistema, segundo sinalaba o documento do CSIC, este tipo de fuel penetraba moi pouco no sedimento, “polo que unha vez retirado o produto, a contaminación residual será moito menorque no caso dun produto máis lixeiro”. Concluía o CSIC que “é precisa a recollida manual previa á aplicación doutros procedementos de limpeza para incrementar a eficacia” da mesma. Fomentouse, por tanto, o labor dos voluntarios nas praias.

  Problemas de saúde nos voluntarios

  Non en tanto, as imaxes de tantas persoas carrexando toneladas de fuel, moitas veces sen protección, xeraron preocupación entre os científicos. Así, varias universidades, hospitais e centros de investigación comezaron a estudar se aquela exposición ao chapapote podería ter consecuencias na saúde.

  A Sociedade Española de Neumoloxía impulsou un grupo de investigación no que participaron neumólogos e epidemiólogos do Chuac da Coruña, o Hospital Clínic de Barcelona o IS Global e expertos en xenética da universidade Autónoma de Barcelona. Unha das neumólogas do Chuac, Gema Rodríguez Trigo, lembra, en conversa con GCiencia, os resultados daquel traballo, publicado en Annals of Internal Medicine. “No primeiro estudo transversal estudamos a case 10.000 mariñeiros e mariscadores galegos mediante un cuestionario e demostramos que a participación na limpeza do fuel se asocia a síntomas respiratorios dous anos despois da exposición”.

  Estudouse a centos de mariñeiros e limpadores que estiveron en contacto co fuel

  Máis preocupante foi outro estudo máis detallado cun subgrupo de 800 mariñeiros. Lembra Gema Rodríguez que se analizou a “función pulmonar, probas de hiperresposta bronquial, estudo de marcadores de estrés oxidativo e inflamación no aire exhalado e estudos de xenotoxicidade”. A investigación demostrou que “os mariñeiros expostos presentaban máis hiperresposta bronquial, estrés oxidativo, remodelado bronquial e alteracións xenotóxicas“. E confirmouse tamén que “a maior exposición, maiores efectos”.

  Outro equipo da Universidade da Coruña e o hospital Juan Canalejo (hoxe Chuac) desenvolviu tamén unha investigación a pé de praia, que foi despois publicada en Environment International, para estudar se aquela exposición ao chapapote podería ter consecuencias na saúde. Estudaron a xente que estivo limpando o fuel e dividíronas en tres grupos. Por unha banda, voluntarios de exposición moi curta, é dicir, xente que limpou unha semana, de luns a venres. E por outra, traballadores contratados por Tragsa, que se dividiron en dous grupos: os que recolleron o fuel a man nas praias e, noutro grupo, os que traballaron utilizando hidrolimpadoras nas rochas.

  Os resultados tamén xeraron preocupación. Algúns marcadores empregados polos científicos mostraron niveis de dano xenético temporal máis elevados do normal no organismo das persoas que estiveron limpando a costa.

  Blanca Laffon, unha das autoras do estudo profesora de Psicobioloxía da UDC e integrante do comité de expertos que asesorou ao goberno de Obama durante o accidente da plataforma petrolífera no Golfo de México, en 2010, lembra algúns dos achados do estudo. Di que se incrementou, naquel momento “o risco de padecer enfermidades coma ocancro en niveis similares aos fumadores ou persoas expostas a altos niveis de contaminación ambiental”.

  Danos persistentes seis anos despois

  Ambas investigacións, tanto a de Laffon como a de Rodríguez, tiveronsegunda parte varios anos despois. A neumóloga Gema Rodríguez lembra: “Repetimos os mesmos estudos nos 800 mariñeiros que investigaramos previamente, e observamos que os síntomas respiratorios persistían, así como os datos de estrés oxidativo, remodelado bronquial e xenotoxicidade”.

  En 2010, o equipo da UDC tamén se preguntou como evolucionara o dano naquelas persoas estudadas durante a marea negra. Con non poucas dificultades, debido aos problemas para localizar á xente que viñera desde moitos recunchos do mundo a limpar as praias galegas. Conseguiron reunir a preto de 100 persoas, entre as que había un grupo de control, con xente que non estivera exposta ao fuel.

  Tomando como referencia outras investigacións sobre dano inmunolóxico e endocrino, atopouse que os valores, en xeral, “volveran á normalidade”, segundo lembra Blanca Laffon. O traballo presentouse na revista Mutation ResearchCon todo, detectáronse determinados marcadores alterados. “Os marcadores mostraron unha certa alteración no sistema inmunolóxico, aínda que non suficiente para dicir que os afectados poidan desenvolver doenzas”.

  Medidas de protección

  Tanto no estudo de 2003 como no de 2010, os resultados da investigación puxeron de manifesto a importancia de utilizar as máscaras e outros equipos de protección, segundo explica Blanca Laffon. “Vimos que os grupos que non utilizaran a máscara, as luvas ou o mono protector tiñan un dano maior nalgúns marcadores”.

  Lembra a científica da UDC que cando falaban con estes voluntarios, contábanlles que ás veces utilizaban máscara, pero que a acaban quitando xa que “afogaban” debido á enorme actividade física que realizaban para limpar o chapapote.

  Ante estes datos e testemuños, a investigadora da UDC remarca a importancia de establecer un plan de actuación claro para afrontar as catástrofes medioambientais. “Os equipos de protección teñen que adaptarse ao tipo de exposición da que se trate, e hai que establecerquendas de traballo organizadas ,segundo o esforzo físico que fan os limpadores, para evitar problemas e actuar de xeito  óptimo“.

  Nos últimos anos non houbo seguemento sobre a saúde destas persoas

  Non en tanto, desde hai máis de cinco anos non se fixo ningún novo seguemento ou estudo sobre a evolución da saúde destas persoas afectadas. Blanca Laffon, Gema Rodríguez e os seus respectivos equipos non fixeron novas investigacións, nin teñen constancia doutros estudos.

  Do mesmo xeito, ningunha institución pública ou de investigación financiou no último lustro novos traballos que permitiran estudar os efectos a longo prazo na saúde das máis de 300.000 persoas, moitas delas voluntarias, que botaron varios meses limpando as praias galegas.

  Derivado de GCiencia

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados