E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

Condenados por corrupción no caso Campeón os cargos públicos do PP aos que a Xunta evitou acusar.

Condenados por corrupción no caso Campeón os cargos públicos do PP aos que a Xunta evitou acusar.

  O ex-deputado do PP Pablo Cobián e os ex-directivos do Igape Joaquín Varela de Limia e Carlos Silva son condeados respectivamente por tráfico de influencias e negociacións prohibidas a funcionarios.

  Feijóo calificara o caso como "falta de dilixencia" pero mantivo que non existía responsabilidade penal e evitou que a Xunta os acusase.

  O caso xa dera un golpe de efecto cando Fiscalía e acusados pactaron que éstes non irían a prisión. Info: e-distrito.com/noticias/324/caso-campeon

  24 novembro 2017

  A sentenza, emitida este xoves pola Audiencia Provincial de Lugo, deixa en evidencia a decisión do Goberno galego de só acusar aos outros nove condenados, empresarios todos eles, pero non aos dous cargos autonómicos nin ao político popular, como si fixo a Fiscalía. No seu momento o propio presidente Feijóo fixo responsables desa decisión sobre o que foi o primeiro caso de corrupción no que se viu envolto o seu Goberno aos servizos xurídicos da Xunta, pero engadindo que só vía nos cargos públicos “mala xestión” pero non “responsabilidade penal” como a que agora certifica a sentenza.

  A sentenza feita pública este xoves contradí a visión de Feijóo de que os implicados realizaran só unha “mala xestión” sen responsabilidade penal

  O xuízo do caso Campeón celebrouse hai un mes pero só contra un dos finalmente 12 acusados. Previamente, os outros 11 chegaran a acordos coa Fiscalía para rebaixar as súas penas e evitar o cárcere. Agora, a sentenza recolle aqueles acordos e a condena en termos similares do acusado pendente de xuízo. Pero a sentenza tamén relata os feitos probados, nos que constata que a “trama” creada en torno do empresario lucense Jorge Dorribo obtivo préstamos e subvencións públicas por varios millóns de euros de xeito ilegal valéndose das xestións realizadas polos tres cargos públicos. Dorribo, principal acusado, recibe preto de seis anos de cadea e seis millóns de multa.

  De Cobián, que foi concelleiro en Oleiros e deputado autonómico do PP ata que en outubro de 2011 renunciou tras coñecerse o caso, a sentenza di que “realizou, durante un período de tempo que abarca cando menos desde principios de outubro de 2010 ata maio de 2011, funcións de intermediación entre Jorge Dorribo [...] e o director do IGAPE, o tamén acusado Joaquín Varela de Limia, para que este organismo, dependente da Xunta de Galicia, concedera un trato de favor e preferente na tramitación así como na final concesión” dunha subvención e un préstamo, “funcións de intermediación que resultaron determinantes”

  "Dorribo era un dos patrocinadores da carreira deportiva do fillo de Pablo Cobián", constata a sentenza

  A sentenza tamén relata que “con anterioridade a estes feitos, Jorge Dorribo era un dos patrocinadores da carreira deportiva do fillo de Pablo Cobián, a través do equipo de karting que xestionaba Jorge Dorribo, Pablo Cobián perseguiu o cumprimento do contrato de patrocinio no seu día subscrito e o cobro das cantidades adebedadas en virtude do mesmo, que se estima que ascendían á suma de 60.180 euros”.

  A sentenza tamén indica que “dita obtención fraudulenta do préstamo non sería posible sen a intervención decisiva do director do IGAPE Joaquín Varela de Limia, do subdirector de Información Especializada do IGAPE Carlos Silva e de Pablo Cobián”.

  As penas foron rebaixadas polo pacto coa Fiscalía para evitar o xuízo no que se aceptou a atenuante de dilación

  Por eses feitos, a sentenza condena a Cobián como autor dun delito de tráfico de influencias a oito meses de prisión, multa de 45.135 euros e dous anos e tres meses de inhabilitación, mentres que a Varela de Limia e Silva, como autores de delitos de negociacións prohibidas a funcionarios, imponlles multa de 2.200 euros e un ano de suspensión de emprego ou cargo público. As penas foron rebaixadas polo seu pacto coa Fiscalía para evitar o xuízo no que se aceptou a atenuante de dilación: “Trátase dun procedemento iniciado no ano 2010 e polo tanto, e pese á complexidade do mesmo tardou sete anos en ser enxuizado, con algunhas paralizacións significativas ao longo do procedemento”, di a sentenza.

  O caso Campeón, investigado polo xulgado de Instrución número 3 de Lugo, coa xuíza Estela San José á fronte, tamén foi a orixe da imputación que durante un tempo pesou sobre o ex-ministro socialista de Fomento José Blanco ou a que a maxistrada propuxo para o portavoz do PP no Senado, José Manuel Barreiro, rexeitada polo Tribunal Supremo. Unha peza separada do caso segue mantendo imputado o ex-conselleiro de Industria do BNG Fernando Blanco.

  “Unha cousa é perder a confianza cun funcionario e resolverlle un contrato de traballo e outra cousa é entender ou interpretar que hai responsabilidade penal na súa falta de dilixencia”, dixera Feijóo

  En xuño do ano pasado o presidente Feijóo foi preguntado polo feito de que a Xunta participase no procedemento acusando só aos empresarios da trama e non aos cargos públicos. Feijóo respondeu que “a Asesoría Xurídica da Xunta é a que fixa os criterios de defensa e representación en xuízo”.  “Cando entendemos que alguén atenta contra o diñeiro público, persoámonos”, dixo, para matizar a continuación que no caso Campeón ao seu xuízo “quen atenta contra o diñeiro público son empresarios” e que os cargos públicos viran a súa labor “envolta” na trama sen “intencionalidade”. “Unha cousa é perder a confianza cun funcionario e resolverlle un contrato de traballo e outra cousa é entender ou interpretar que hai responsabilidade penal na súa falta de dilixencia”, engadira. A sentenza agora emitida ratifica esa responsabilidade penal por delitos de corrupción.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias