E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

O independentismo reedita a maioría absoluta en Catalunya

O independentismo reedita a maioría absoluta en Catalunya

  Puigdemont chama a suspender o 155 e liberar os presos políticos. Ciudadanos convértese na lista máis votada como consecuencia do afundimento do PP e a mobilización do abstencionismo.

- Os partidos que avogan polo referendum suman 78 deputados mentres que os que apoiaron a aplicación do 155 quedan en 57.

- A participación chega ao 82%

- Rajoy fracasa na súa tentativa de desactivar o secesionismo. O PP xunto á CUP son os grandes derrotados aínda que éstes seguen a ser claves na formación de goberno.

  RESULTADOS:

  C s 37 (25.37%) - JxCAT 34 (21.65%) - ERC 32 (21.39%) - PSC 17 (13.88%) - En Comú-Podem 8 (7.45%) - CUP 4 (4.45%) - PP 3 (4.24%)

  22 decembro 2.017

  (Actualización día 24: Ciudadanos perde un escaño en Tarragona en favor do PP tras o reconto do voto exterior).

  O independentismo pasou a reválida e conseguiu reter a maioría nunhas eleccións cuxa gañadora é Inés Arrimadas, que logrou capitalizar o voto antiindependentista e situar a Ciudadanos como partido máis votado en Catalunya. A súa é unha vitoria moral e numérica. Anunciábase unha xornada decisiva para a política catalá e o 21D foino. A sorpresa que non souberon detectar as enquisas foi o "efecto Puigdemont", que logrou que a súa candidatura pase por diante de ERC e que a apelación ao voto útil dos republicanos non calase como eles esperaban. Junts per Catalunya obtivo 34 escanos, dous máis que a lista de Oriol Junqueras. O transvasamento de votos neste bloque deixou á CUP con menos da metade de representación que tiña ata agora. Pero son catro deputados imprescindibles para asegurar a maioría secesionista no Parlament.

  O órdago de Puigdemont, o seu "todo ou nada", funcionou e agora a dúbida é saber cales serán os seus próximos pasos. O president cesado anunciou que regresaría se gañaba as eleccións a risco de ser encarcerado. Ata agora á xustiza non lle tremeu o pulso. De momento, Puigdemont anunciou que pasará o Nadal coa súa familia en Bruxelas. 

  Outro dos interrogantes, e non menor, é o programa de goberno que o independentismo quererá aplicar. Tanto Junts per Catalunya como ERC aseguraron que a súa intención é reclamar unha negociación para que dunha vez o Executivo de Rajoy se sente nunha mesa. 

  Puigdemont, na súa comparecencia para valorar o resultado, reclamou unha rectificación ao Goberno central, esixiu a Rajoy que cambie de receita para Catalunya e lembrou que no novo hemiciclo haberá 78 deputados partidarios da celebración dun referendo. "A República catalá gañou á monarquía do 155", sentenciou. E de novo, apelou á Unión Europea para que tome cartas no asunto catalán: "Gañámonos o dereito para ser escoitados". 

  Cambio de paradigma 

  Cidadanos, un partido nado no 2006 con só tres deputados, converteuse unha década despois na forza máis votada. Os cataláns votaron en masa e a participación dun 81%, a máis alta da historia, beneficiou de maneira máis que extraordinaria, á lista de Arrimadas. A cabeza de lista lamentou, unha vez máis, que a lei electoral (aplícase a estatal) perxudica ao voto urbano. O PSC, a pesar de lograr un deputado máis, non logra subir tanto como algunhas sondaxes prognosticaban. Esas mesmas enquisas son as que poden influír en electores que optaron polo chamado voto útil para frear ao independentismo e decantáronse no último momento por Ciudadanos. 

  A área metropolitana de Barcelona, que durante anos estivo bautizado como o cinto vermello -aínda que cada vez máis destinguido-, é agora laranxa. A lista de Arrimadas gañou en L Hospitalet, Santa Coloma de Gramenet e Cornellà, todos eles, municipios con alcalde socialista. Pedro Sánchez participará este luns na reunión da executiva do PSC e é cando tamén valorará o resultado (agridoce no seu caso) destas eleccións. Tampouco foi unha boa noite para Catalunya en Comú. Non logra ser decisivo e retrocedeu tres escanos respecto dos que logrou Catalunya Si Que é Pot. A modo de autocrítica, Xavier Domènech recoñeceu que as cousas non lles foron "ben" e lamentou "que nun país de esquerdas gañe a dereita". 

  Unha lección para o PP

  "Obtivemos un moi mal resultado", resumiu Xavier García Albiol. Era imposible dicir outra cousa. O PP quedou reducido á mínima expresión ata o punto de ter só tres deputados, é dicir, sen grupo parlamentario e colocado como o último da Cámara. Rajoy, que seguiu o escrutinio desde a sede de Génova, acompañado de Soraya Sáenz de Santamaría e de María Dores de Cospedal, reunirá este venres á súa executiva para analizar o resultado.

  Unha das preguntas que deberá responder é cando Rajoy pensa desactivar a aplicación do 155. Segundo fontes populares, a intención do presidente é mantelo mentres non se aclare cal será o programa que aplicará o novo Govern. 

  Rajoy convocou as eleccións para desactivar o independentismo. E non o logrou. Implicouse na recta final da campaña para frear a fuga de votos do PP a Ciudadanos. E fracasou. O independentismo sumou e Arrimadas arrasou. É o resultado das eleccións que forzou para solucionar o conflito catalán.

  Derivado de El Diario

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados