E-distrito

Noticias

Francia, Reino Unido e Irlanda lideran a iniciativa para que a Comisión Europea vete totalmente os insecticidas que matan as abellas.

Francia, Reino Unido e Irlanda lideran a iniciativa para que a Comisión Europea vete totalmente os insecticidas que matan as abellas.

  Trátase dos neonicotinoides, principal ameaza dos polinizadores en Galicia xunto á avespa asiática. 

  A Asociación Galega de Apicultura leva máis de dúas décadas comprobando os seus prexuízos.

  05 xaneiro 2018

  Hai máis de 20 anos, aló por 1994, apicultores galegos decatáronse de que "aparecera algún produto no mercado que estaba facendo desaparecer as colmeas". Organizáronse e levaron a cabo probas biolóxicas, trasladando 200 enxames desde Viana do Bolo -onde non estaban a ser afectados- a lugares onde se detectaba unha elevada mortaldade. "Mentres na comarca ourensá seguían vivindo con normalidade, as abellas morrían naquelas zonas onde apreciaramos problemas", lembra Xesús Asorey, voceiro da Asociación Galega de Apicultura (AGA). 

  "Comprobamos as consecuencias daqueles insecticidas hai máis de dúas décadas, pero a ciencia e as administracións sempre adoitan ir por detrás", explica Asorey agora que a UE parece decidida a prohibir totalmente o uso destes produtos neonicotinoides, altamente tóxicos para as abellas e o principal problema para elas xunto a praga da avespa asiática, a outra grande ameaza, nomeadamente en Galicia.

  Diferentes estudos científicos sinalaron estes insecticidas nos últimos anos como a causa fundamental da caída na poboación dos insectos polinizadores, que sofren desorientación, non son quen de volver ás colmeas e desaparecen en cantidades abondosas. Son, ademais, os que máis se usan no mundo ao seren empregados para combater pragas; quedan nas plantas e chegan ás flores, o que provoca que se contamine o pole e o néctar e, en consecuencia, as abellas, as colmeas, o mel... 

  A prohibición parcial dos insecticidas diminuíu o problema pero non é suficiente: "Foi un coadoiro"

  Foi a finais de 2013 cando a Comisión Europea restrinxiu parcialmente o uso dalgunhas das modalidades deste insecticida (imidacloprid, clotianidina e tiametoxam), pero con excepcións que permiten empregalos nalgúns casos e mesmo nos invernadoiros. Notouse a medida, pero chegou moi tarde. "O gran problema, tanto agora como antes, é que hai lobbys moi potentes detrás, como Bayer, e é moi difícil concienciar e mesmo coñecer o problema; agora hai moitos traballos científicos que certifican o seu dano, pero as presións foron moi grandes, é David contra Goliat", advirte Asorey, que lembra que a prohibición parcial foi "un coadoiro". 

  Así, tal e como recorda AGA, o feito de que se permitise o uso en invernadoiros -onde tamén se coan as abellas- ou en grandes plantacións como o millo ou nas froiteiras seguiu provocando graves problemas. "Ao espallarse por diferentes plantacións, tamén afectaba a silvas ou trebos achegados, á flora silvestre e, xa que logo, ás abellas, que acaban envelenándose", insiste Asorey, 

  Antes de 1994, primeiro ano no que se detecta a afectación destes insecticidas, o habitual era que desaparecese de media o 10% das abellas en Galicia por diferentes causas cada ano, pero a partir daquela a mortaldade aumentou ata situarse nun 30% ou 40%. "Non foi igual en todas as zonas, pero naquelas onde se botaba millo ou con máis horticultura e árbores froiteiras chegaron a desaparecer até o 80% e noutros lugares, mesmo morrían todas", di Asorey. Coa prohibición parcial da UE desde 2014, que afectou tamén ás sementes, os problemas diminuíron pero non desapareceron. "A tal hora, a afectación non é tan xeneralizada pero segue a haber desaparicións puntuais e continúa a ser grave ao lado de hortas e froiteiras", asegura quen advirte doutra eiva clave: "Nunca se realizan inspeccións sobre como se utilizan eses produtos tan daniños".

  Coa aparición destes produtos, entre o 30 e o 40% das abellas desaparecían cada ano en Galicia; nalgunhas zonas, chegouse ao 80%

  Así, e catro anos despois da prohibición parcial, novos achados científicos confirmaron que as restricións non eran suficientes. A Comisión Europea propuxo ampliar estas restricións e só permitir o seu uso nos invernadoiros permanentes. A xuntanza para discutilo estaba prevista para os pasados 12 e 13 de decembro en Bruxelas, pero a Coalición para Salvar as Abellas -creada por 80 organizacións europeas- reclamou o veto total, tamén neses espazos onde, advirten, poden coarse os insectos. 

  Houbo discusión e debate e varios Estados membros pediron adiar a reunión á espera de que a Axencia Europea de Seguridade Alimentaria ditamine sobre a nova avaliación global dos insecticidas, logo de que en 2016 xa advertira de que eran altamente tóxicos para abellas ou abellóns pero non resolvese algunha outra dúbida. Varios países, como o Reino Unido, Irlanda e Francia, xa deixaron claro que apoian un veto máis contundente. París vai por diante e aposta por prohibir os insecticidas xa en 2018, con algunhas excepcións, e eliminalos totalmente en 2020. 

  Francia ten previsto prohibir totalmente o uso destes insecticidas en dous anos

  España, pola contra, dubida. "O Goberno español nunca o ten claro; xa pasou co glifosato e non se aliñou cos países que apostaban pola prohibición; agora Francia volve abandeirar o veto total", explica Asorey, que advirte da presión dos lobbys pero tamén de que son moitos os traballos científicos que certifican os prexuízos dos insecticidas. "Se temos gobernos e políticos aos que pagamos todos, o seu deber é que contrarresten o poder destas multinacionais; o dano é tan grave que os políticos terán que demostrar que loitan polo ben do medio ambiente e da cidadanía". 

  Porque Asorey lembra que "a prohibición total destes neonicotinoides é indispensable para o ser humano, para o medio ambiente e, xa que logo, para a supervivencia das abellas". "É evidente que o problema non se arranxou porque estes produtos espállanse pola terra, saen do invernadoiro e tamén acaban na auga que bebemos; afectan a saúde humana e as abellas só foron a punta do inceberg porque os efectos son moito máis graves", remata. 

  Derivado de Praza.
  Foto: Abella raíña, con obreiras / CC-BY-SA Waugsberg

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados