E-distrito

Noticias

Rajoy deixa as autonomías sen 4.200 millóns de euros como medida de presión mentres non se aproben os orzamentos 2018.

Rajoy deixa as autonomías sen 4.200 millóns de euros como medida de presión mentres non se aproben os orzamentos 2018.

  321 Millóns corresponden a Galicia. As CCAA non gobernadas polo PP falan de "chantaxe", calificativo empregado tamén polo PSdG. Marea e BNG coinciden en resaltar a irrelevancia de Feijóo.

  08 xaneiro 2018

  A comezos de 2017, hai agora un ano, o gabinete de Mariano Rajoy afrontaba a súa primeira negociación dos Orzamentos Xerais do Estado sen maioría absoluta. A operación política despregada para procurar apoios ás contas -acabaron saíndo adiante cos votos do PP, Ciudadanos, PNV, Coalición Canaria e Nueva Canarias- tivo como un dos primeiros pasos poñer o foco na oposición de esquerdas e advertila de que sen Orzamentos non sería posible convocar oposicións á Administración estatal, pero tampouco ás autonómicas, coa educación e a sanidade como principais focos de conflito. Os conservadores deron en guindar os opositores contra a esquerda e, malia poderen convocar as oposicións con normalidade, dilataron o proceso como medida de presión. As formacións distintas do PP viron no sucedido unha "chantaxe" que agora volven observar co financiamento das comunidades autónomas.

  Neste 2018 o PP segue sen maioría, pero o contexto mudou moi notablemente. Os acontecementos ligados ao proceso soberanista catalán -dende a dura resposta policial á consulta do 1-O á aplicación do artigo 155 e o resultado electoral do 21 de decembro- fortaleceron as posicións negociadoras de Ciudadanos e deixaron os conservadores, cando menos de momento, sen o apoio do PNV. Isto é, sen maioría dabondo. Con este pano de fondo os populares veñen de optar por unha estratexia que preme especialmente nos liderados territoriais socialistas, pero que tamén deixa no aire máis de 300 millóns de euros que a Xunta xa contaba con ingresar este ano.

  O Goberno central presiona a través de Montoro conxelando este pagamento ata que o PP xunte maioría no Congreso para aprobar os Orzamentos do Estado para 2018

  O actual sistema de financiamento autonómico -aprobado en 2009 e caducado dende 2014, o que implica incumplir a lei que o regula- ten entre os seus compoñentes as chamada "entregas a conta". Trátase dun mecanismo polo cal o Estado entrega a cada goberno autonómico unha estimación dos impostos compartidos -a metade do IVE e o 58% dos tributos especiais- e dos fondos que lle corresponden pola vía dos Orzamentos estatais. Cada dous anos o Ministerio de Facenda realiza a chamada "liquidación": se na estimación a comunidade saíu perdendo, o Estado ingresa o que falta e se sucede ao contrario, o goberno autónomo ten que pagar a diferenza.

  Segundo avanzou o propio Cristóbal Montoro o pasado verán, para 2018 o seu departamento prevía revisar estas estimacións e ingresar ás autonomías un importe global duns 4.200 millóns de euros adicionais. Deles, 321,49 millóns corresponderían a Galicia, que no cálculo global pasaría de 7.094 millóns a 7.415. Non obstante, nas últimas semanas as comunidades autónomas recibiron unha carta na que o Ministerio advirte de que non haberá mellora ningunha nesta vía de financiamento mentres non haxa Orzamentos de 2018. Galicia, polo tanto, deixa de ingresar unha media de 26,8 millóns de euros ao mes -estas achegas son distribuídas mensualmente- que xa están incorporadas ás contas galegas deste ano.

  O PSdeG esixe a Feijóo que "reclame" os 321 millóns que Galicia debe ingresar; En Marea e BNG ligan o perfil baixo da Xunta no asunto á "irrelevancia" do presidente na negociación do novo financiamento autonómico

  Mentres no seo do Goberno galego se opta polo perfil baixo ante esta conxuntura política e se agarda ingresar os fondos durante o ano, nas autonomías de réxime financeiro común non gobernadas polo PP fálase abertamente da devandita "chantaxe", unha definición que empregou tamén este luns o voceiro parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga. O Goberno de España, alerta, está a empregar un "argumento falso e falaz" para "romper a lealdade institucional" aínda que os vindeiros Orzamentos e estas entregas "non teñan nada que ver". O Goberno central "non deixa de recadar os 321 millóns, senón que queda con eles" e a Xunta, advirte, debera adoptar unha "actitude decidida para reclamalos".

  O voceiro socialista enmarca esta "chantaxe" no adiamento das negociacións do novo modelo de financiamento autonómico, un debate ante o que o resto da oposición tamén vén reprochando a postura do Goberno galego en xeral e do presidente Feijóo en particular. Neste sentido, o voceiro de En Marea, Luís Villares, lamentaba este luns que fronte ás propostas lanzadas dende esta formación, Feijóo optase pola "irrelevancia política" e o mero seguidismo da dirección do seu partido. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, subliñaba pola súa banda que o Goberno galego segue a "ocultar información ao Parlamento" e "nin sabemos que proposta enviou a Xunta ao Estado" para o futuro modelo.

  Derivado de Praza.
  Foto: Cristobal Montoro.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados