E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

Xulio Ferreiro destaca en Fitur "a oferta turística inigualable da Coruña" que este ano celebrará o I Festival das Cociñas Atlánticas.

Xulio Ferreiro destaca en Fitur "a oferta turística inigualable da Coruña" que este ano celebrará o I Festival das Cociñas Atlánticas.

  O Concello reforzará a promoción do Camiño Inglés e acudirá ao Congreso Internacional de Camiños en Canadá, así como ao Festival do Camiño Celta de Dublín

  17 xaneiro 2018

  O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, deu a coñecer esta mañá na Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur) as liñas básicas da promoción turística da cidade para este ano. Nun acto que tivo lugar no stand de Galicia, no recinto de Ifema, e no que tamén participaron o presidente do Consorcio de Turismo, Alberto Lema, e a xerenta, Lanzada Calatayud, o rexedor deu a coñecer a nova marca turística da cidade "que resume o carácter cosmopolita, acolledor e festivo da nosa cidade", en relación ao eslogan A Coruña, Sempre Aberta. O mandatario local indicou que "a nosa é unha cidade aberta á gastronomía, ao ocio e á cultura, ao mar, ao coñecemento e, sobre todo, aberta ao mundo". "A verdade é que é moi complicado atopar unha cidade das dimensións da Coruña que ofreza unha oferta semellante", dixo.

  Nun acto no que tamén participou o actor local Suso Martínez, que interpretou á figura do alcalde Manuel María Puga y Parga, Picadillo, como acostuma facer nas visitas guiadas polo Pazo de María Pita, Ferreiro recordou que, tal e como referendan distintas enquisas turísticas, "a oferta gastronómica é un dos reclamos ineludibles da nosa cidade". Así, fixo un repaso aos principais eventos de carácter culinario cos que conta á cidade e que son organizados ou patrocinados polo goberno local, como é o caso das xornadas Lacónicas, que se celebrarán en breves semanas, o Bó en Boca, que recorda as distintas culturas que conflúen no noroeste ou o Concurso de Tapas Picadillo, entre os locais de hostalería da cidade. O mandatario salientou tamén o éxito de público que cada ano acolle o Festival do Bocadillo Gourmet Boucatisse, así como a importancia que tivo, o pasado ano, a celebración na cidade do Fórum Gastronómico, no que participaron máis de 23.000 persoas e que reuniu ao sector gastronómico na cidade, entre o que ocupa unha parte destacada o colectivo Coruña Cociña. Ao fío, entre as novidades para este ano, o alcalde anunciou que "este ano a cidade acollerá o primeiro Festival Gastronómico das Cociñas Atlánticas, que tratará de difundir e dar a coñecer as excelencias da gastronomía atlántica e galega". "A nosa cociña é especialmente atractiva porque tamén o é a nosa despensa, a calidade dos nosos produtos. Por iso, este festival, organizado polo Concello, non só servirá para recoñecer o valor dos nosos e as nosas incribles chefs, senón tamén para destacar ao noso sector produtivo, e reivindicar a forza e o futuro do rural galego, así como as novas formas de agricultura, gandeiría, pesca e produción acuícola sostible", dixo o alcalde, que indicou que con este festival "se creará un Manifesto Atlántico, que reunirá e exporá todos estes valores". "Queremos facer da Coruña o gran referente turístico gastronómico de Galicia e do noroeste da Península", dixo.

  O alcalde salientou o caracter cosmopolita dunha cidade mariñeira, "que ao longo de toda a historia estivo aberta ao mundo". Nese punto incidiu "no salto cualitativo que deu o turismo coruñés hai máis dun ano, cando conseguiu que o Cabildo de Santiago nos outorgase a acreditación oficial que se lle da aos e ás peregrinas que realizan o camino partindo dende A Coruña". "O noso empeño en promocionar este Camiño xa deu os seus froitos o pasado ano xa que, por primeira vez, figuramos nos rexistros da Oficina do Peregrino", dixo, para indicar que case un 25% das persoas que fixeron o camiño inglés dende A Coruña eran estranxeiras, sendo as primeiras nacionalidades de orixe a irlandesa e a británica. Nese afán de continuar promocionando este histórico Camiño, o alcalde da Coruña adiantou que este ano está prevista a participación do Concello no Congreso Internacional adicado co Camiño de Santiago en Canadá, así como ao Festival do Camiño Celta de Dublin.

  No apartado de festas e ocio, Ferreiro salientou que "A Coruña está sempre disposta a ofrecer o mellor de si mesma". Así, salientou a concepción dunha cidade aberta ao ocio e á cultura na que destacan "as Festas de María Pita, que contan cunha programación ecléctica, descentralizada e que buscan interpelar tamén aos e ás nosas veciñas, barrio a barrio, así como atraer a aquelas persoas que pensan na Coruña para as súas escapadas de verán". O primeiro edil tamén fixo fincapé do festival de Viñetas desde o Atlántico, que xunto coa Coruña Gráfica, dá mostra da potencia da cidade no mundo da ilustración e o cómic, así como, no que atinxe á música, o Festival Noroeste Estrella Galicia. "Estamos a falar, a estas alturas, dun referente dos festivais urbanos da península xa que convertemos A Coruña, toda ela, nun escenario no que apostamos por nomes recoñecidos, pero tamén polos e polas creadoras locais". No apartado das festas, o alcalde tamén subliñou a Noite de San Xoán, así como eloxiou o civismo e a comprensión da cidadanía, xa que cada ano se reducir o volume de residuos que queda nas praias.

  No seu discurso, Ferreiro tamén chamou a atención sobre a concepción dunha Coruña aberta ao mar, algo que leva ao Concello non só a destinar abondosos recursos para o cuidado, seguridade e mantemento das praias, senón tamén para ampliar a oferta deportiva e de ocio ao redor do Atlántico. "Se se achegan á nosa cidade poderán facer moito máis que bañarse nas nosas augas. Este ano, de novo, poderán disfrutar das competicións que acollen as nosas augas, como as probas para a Liga estatal ACT de traineras", recordou, á vez que anunciou a celebración, este verano, por primeira vez, do Festival Street Stunts, "que achegará o noso envidiable litoral ás distintas disciplinas de deporte urbano, como o parkour, o crossfit, ou o street dance, a través de competicións internacionales e propostas de ocio abertas a todos os públicos". Por outro lado, o alcalde tamén aludiu ao regreso á Coruña, no 2020, da Tall Ships Races, a histórica regata de grandes veleiros que en 2016 escolleu a cidade como porto de destino.

  Con respecto á oferta cultural vinculada ao coñecemento, durante a presentación en Fitur, Ferreiro tamén salientou "a excelencia dos museos científicos da cidade, A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae, espazos enclavados en entornos inigualables e que se completan coa oferta do Muncyt". Ademais, destacou o feito de que "A Coruña conta cunha xoia arqueolóxica inigualable, nestes momentos en pleno proceso de excavación e restauración como é o Castro de Elviña, que pode ser visitado pola poboación de forma gratuíta".

  Derivado de Concello da Coruña.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados