E-distrito

Noticias

O seguimento masivo da folga na Xustiza obriga a suspender máis de 500 xuízos.

O seguimento masivo da folga na Xustiza obriga a suspender máis de 500 xuízos.

  Feijóo arremete contra a oposición acusándoa de provocar estas folgas, incendiar e manipular sobre a reforma sanitaria, e incluso de "beneficiar" a asasinos e terroristas.

  O presidente da Xunta ve en todos os partidos da oposición unha conspiración triple para provocar as folgas no sector da Xustiza, falsear os efectos da reforma sanitaria e promover as manifestacións, e incluso de beneficiar a asasinos e terroristas por votar contra a prisión permanente revisable. PSdG, En Marea e BNG lamentan o populismo do PP e a utilización da dor das vítimas en casos como o de Diana Quer para lexislar "en quente". Paula Prado chegou a dicir que a oposición estaba de lado dos verdugos e non das vítimas.

  07 febreiro 2.018

  A folga indefinida do persoal da Administración da Xustiza comezou este mércores cun seguimento masivo -do 90% dos traballadores secundaron o paro, segundo os sindicatos-, o que obrigou á suspensión de entre 500 e 600 xuízos, así como de milleiros de trámites e procedementos xurídicos en todo o país. Malia os servizos mínimos, foron moitas as dependencias xudiciais que amenceron baleiras ou con escasos traballadores. 

  A falta de acordo entre a Xunta e os representantes do persoal abocou a unha folga indefinida á que están chamados uns 2.500 funcionarios xudiciais que demandan melloras que compensen a "discriminación" que din sufrir, tanto no aspecto salarial coma nos seus dereitos laborais, con respecto aos traballadores do resto do Estado ou que non dependen do Goberno galego.

  Por cidades, segundo datos sindicais, o seguimento foi dun 85% na Coruña, outro 85% en Ferrol, un 93% en Santiago, 93,7% en Ourense, 94,4% en Vigo, 94% en Pontevedra e 85% en Lugo. Ademais, noutras localidades como A Estrada ou Marín mesmo se chegou ao 100% do seguimento, mentres que en Cambados ou Lalín alcanzaron o 98%. Ademais, chegouse ao 93% en Caldas de Reis, o 90% en Vilagarcía ou o 70% en Carballo e Corcubión. 

  No entanto, a Xunta reduce o seguimento da folga a un 38,7% e asegura que a xornada "estase a desenvolver sen incidencias e os servizos mínimos cumpríndose na súa totalidade", cun total de 770 empregados públicos traballando en cumprimento deses servizos mínimos. Nun comunicado, o Executivo di "manter a súa disposición a dialogar e a súa oferta de ata 900 euros anuais por traballador, que coloca a Galicia por riba da media do conxunto das comunidades autónomas". 

  Feijóo ofreceuse a "seguir falando" pero aclara que a suba salarial en 2018 "sería ilegal"

  Con todo, e a pesar da ausencia de reunións ou convocatoria de xuntanza ningunha, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ofreceuse a "seguir falando" e retomar o diálogo, pero insiste en que subir o salario este ano, unha das reivindicacións dos funcionarios, "sería ilegal". Ademais, asegurou na sesión de control no Parlamento que "aceptar a proposta que está enriba da mesa" suporía un incremento de retribucións para todos os traballadores públicos da Xunta e un gasto extra "de 600 millóns de euros".  

  O xefe do Executivo galego dixo querer "solucionar" o conflito, insistiu en que a oferta da Xunta era dunha suba de entre 600 e 900 euros anuais -algo que negan os traballadores, que din que sería a repartir en tres anos- e que esta proposta "poría Galicia por riba da media das comunidades autónomas". Ademais, salientou os "investimentos en infraestruturas" xudiciais e preguntoulle ao portavoz de En Marea, Luís Villares, se quere "solucionar o problema da Xustiza ou incendialo"

  "O persoal está indignado, enfadado e vai aguantar todo o posible", asegura o comité de folga

  Desde o comité de folga, o seu portavoz, Miguel Tejada, destacou que o persoal da Administración de Xustiza "está indignado e enfadado e vai aguantar todo o posible". Nas concentracións que se levaron a cabo en todas as sedes xudiciais berrouse contra o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e, ademais dos funcionarios dependentes da Xunta, tamén houbo presenza de xuíces que apoiaron as demandas dos seus compañeiros. 

  Así, a plataforma unitaria sindical advirte que só admitirán "un interlocutor no conflito, que é a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza" porque, segundo din, "os problemas son sectoriais e de persoas e non de números". 

  Derivado de Praza.
  Foto: dependencias xudiciais en folga -(C) Alternativasxus-

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados