E-distrito

Noticias

Natureza/ O mapache, un devorador que avanza polo Miño

Natureza/ O mapache, un devorador que avanza polo Miño

  A Xunta loita contra este mamífero orixinario de América, que provoca graves danos nos ecosistemas fluviais e é un gran depredador de aves e invertebrados.

  Unha fuga dun zoo de Lugo provocou que comezasen a estenderse polo Miño

  08 febreiro 2018

  O caso do mapache (Procyon lotor) é un claro exemplo de que non sempre é bo deixarse levar polo aspecto dócil e amable dos animais. Uns rasgos moitas veces erróneos, creados a través da ficción, e que deturpan a realidade. Non, o mapache non é como o contan en Pocahontas.

  Se o ser humano non tivera a idea de facelo cruzar o Atlántico, posiblemente seguiría vivindo, relativamente tranquilo, en América. Mais como adoita acontecer cos problemas das especies exóticas invasoras, alguén criu que era boa idea sacalo do seu lugar. O mapache chegou á península Ibérica como reclamo para zoos, e incluso como mascota.

  E pouco tardou en converterse nun problema. Hai varios anos, debido a un temporal que derrubou o valado onde estaban confinados, fugáronse dous machos e unha femia do parque de Marcelle, en Lugo, e crese tamén que algúns particulares decidiron soltar aos animais que tiñan como mascota. E comezaron as complicacións, sobre todo, arredor do río Miño, onde se fixo forte grazas a que tiña unhas condicións propicias para prosperar: alimento e falta de competencia.

  Segundo explican desde a Dirección Xeral de Conservación da Naturezada Xunta, o mapache “provoca danos importantes sobre as especies ligadas aos cursos dos ríos e ten unha gran capacidade colonizadora”. E recoñecen preocupados, que “é sen dúbida unha gran ameaza para a conservación da biodiversidade autóctona”. Está incluído nos catálogos español e europeo de especies exóticas invasoras. En países como Alemaña, o problema ten unhas dimensións importantes, con máis dun millón de animais espallados polo país.

.

A presenza do animal en galicia podería ter a súa orixe nunha fuga do parque de marcelle.

  O mapache ataca niños e aliméntase de invertebrados e sapoconchos.

  Baixo a súa aparencia dulcificada pola ficción hai un mamífero omnívoro e moi oportunista, que se alimenta de todo tipo de presas se ten opción. Devora niños de aves acuáticas e mariñas, invertebrados autóctonos e ata sapoconchos. E, tal e como recordan desde o ente autonómico, “é un vector de enfermidades, como a rabia, que pode transmitir a animais domésticos e incluso ao ser humano. Do mesmo xeito, podería impoñerse na competencia con predadores autóctonos, como o teixugo, ameazando a esta especie.

  Nestes últimos anos, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza impulsou varias campañas de erradicación, sobre todo nos entornos protexidos dos ríos Miño, Parga, Landra e Támoga, a zona máis afectada. Desde agosto de 2017, está en marcha unha nova campaña nos espacios naturais xa mencionados, e tamén nos do Eume, Tambre e Ulla, así como as zonas limítrofes. Houbo tamén actuacións no Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, a onde chegaron exemplares desde o norte de Portugal.

  A notable presenza do mapache evidénciase nos avisos recibidos mediante a Rede de Alerta Temperá de Especies Exóticas Invasoras, deseñada para recoller coa maior celeridade posible este tipo de casos e conseguir así unha resposta rápida para a erradicación. En setembro de 2012 identificouse nos términos municipais de Outeiro de Rei e Lugo un núcleo de poboación, e mediante campañas de trampeo realizadas nos anos seguintes conseguiuse capturar máis de 40 exemplares, segundo os datos aportados pola Xunta.

  Outro dos avisos, en Raíces (Ames), en xullo de 2015, localizou un exemplar illado, “probablemente de orixe doméstica”, segundo observa a consellería de Medio Ambiente. Nese mesmo ano, dous exemplares foron atropelados en Xestoso (Monfero), preto das Fragas do Eume, e en Nantón (A Baña).

  Derivado de GCiencia.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados